O PP aproba en solitario a lei de aproveitamento lúdico das augas termais

Pola súa banda, a deputada Ánxeles Cuña (Común da Esquerda) mostrou o rexeitamento do seu grupo a esta norma por considerala "innecesaria e favorecedora dos intereses das empresas afíns ao PP".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2019 | Actualizada ás 20:44

Comparte esta noticia

O Partido Popular aprobou este martes en solitario o proxecto de lei de aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia coas críticas dos grupos da oposición, que cualificaron de "innecesaria" a norma e advertiron dun "intento de privatizar" este "ben público". 

Augas termais ao carón do Miño en Ourense
Augas termais ao carón do Miño en Ourense

No pleno da Cámara galega, a deputada popular Crisitina Romeu destacou que se trata dun "proxecto de lei pioneiro". "Galicia é a primeira comunidade que regula un aproveitamento das augas termais distinto ao terapéutico", apuntou. Así mesmo, sinalou que a nova norma permite "acabar co baleiro legal" que existe na actualidade á vez que impulsa o sector, garante a hixiene das instalacións e preserva o medio ambiente.

Ademais, a parlamentaria popular asegurou facer un "esforzo" por introducir "o maior número de emendas" posible das formuladas da oposición para valorar o seu traballo "incluso sabendo que por moitas que aceptasen nunca se ían a sentir satisfeitos". Con este obxectivo, segundo apuntou, o PPdeG incorporou ao ditame aprobado 16 emendas do BNG e nove do PSdeG. Pola súa banda, na sesión plenaria deste martes votou en contra das que aínda mantiña vivas a oposición.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

En fronte, a portavoz de Industria do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, lamentou a "visión reduccionista" e "estreita" do sector por parte desta norma presentada pola Xunta e xustificou o rexeitamento do seu grupo por considerar que "non contribúe a promover o desenvolvemento económico e social" de Galicia.

Rodríguez Rumbo acusou ao Goberno galego de renunciar á "necesaria implicación dos concellos termais", que "non ven reflectida a súa diversa problemática" nun texto que "tampouco define os parámetros para garantir a calidade das augas", así como "tampouco os medios para o seu control". "Inclúe unha discutible regulación sobre as concesións e deixa sen regular os plans turísticos ou as cuestións hixiénico-sanitarias", censurou.

Pola súa banda, a deputada Ánxeles Cuña, de Común da Esquerda tamén mostrou o rexeitamento do seu grupo a esta norma por considerala "innecesaria e favorecedora dos intereses das empresas afíns ao PP". A parlamentaria criticou que a prioridade política do Partido Popular é "favorecer a estas empresas para que obteñan beneficios privados a través dun ben público, prexudicando o interese xeral". "As augas continentais superficiais, así como as subterráneas renovables constitúen un recurso unitario subordinado ao interese xeral que forma parte do dominio público estatal", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta