Wei Wei, da China veloz á Galicia pausada: "Temos que adaptarnos todos os días"

Nesta segunda entrega da serie de entrevistas a inmigrantes, 'Chegada: Galicia', a protagonista da conversa é Wei Wei, unha moza que veu dende o país asiático por negocios e que acabou montando un pequeno bar na Coruña. Este é un espazo que pretende ser casa para os demais inmigrantes chinos e plataforma onde converxan as culturas. Eis a súa ollada de Galicia.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

En Galicia viven na actualidade máis de tres mil habitantes chinos. Á par da globalización, os seus característicos bazares fóronse espallando por todas as cidades galegas, e agora tamén polas vilas. Igualmente, a comida asiática colleu azos nos últimos tempos. Sempre se di deles que traballan longas xornadas laborais, que nunca baixan as reixas dos seus negocios, que viven por e para eles. Canto do que sabemos son tópicos? Seralles difícil fuxir deles unha vez que chegan?

Wei Wei no seu café Meet Aquí, na Coruña
Wei Wei no seu café Meet Aquí, na Coruña | Fonte: Uxía Iglesias

Desta volta, a protagonista da serie de entrevistas 'Chegada: Galicia' é Wei Wei, unha rapaza nova que deixou a súa cidade de 20 millóns de habitantes, Tianjin, preto de Beijing, para se instalar primeiro en Madrid, logo en Santiago e Vigo, e finalmente na Coruña. Ela fixo estudos universitarios en China e empregouse nunha empresa do país, pero o seu xefe quixo investir no estranxeiro. O seu traballo permitiulle viaxar moito e a súa primeira entrada en Galicia foi no ano 2009. Facendo camiño polo mundo acabou nun máster en Dirección de Empresas na USC e logo nunha empresa china de enerxías renovables emprazada en Madrid.

SOMERXERSE E CONVERXER

Di que lle gusta a aventura, coñecer culturas. Finalmente deixouse caer nun pequeno bar da Coruña que durante moito tempo se chamou café Traba, un histórico xa na Rúa Juan Flórez. Mais o un de setembro deste mesmo ano o Traba deixou de ser o Traba para se converter en Meet Aquí, o nome co que Wei Wei presentaba seu novo proxecto. "Tiven un só mes para buscar local e piso, pero son unha chica que se adapta rápido", defínese sorrinte.

Wei Wei non leva máis dun ano falando español, pero desenvólvese con soltura nesta lingua. Conta que antes de abrir o bar non tiña a oportunidade de charlar coa veciñanza do lugar no que vivía. "Só conversaba con xente de negocio, e só o facía en inglés, entón non tiña nin idea da vida de Galicia. Era como unha turista máis", relata. Agora, o bar animouna e obrigouna a tomar un maior contacto coa xente do barrio. Porque puido ter mudado o nome, pero os grupiños de señoras maiores que se achegaban todas as tardes tomar o café ao Traba non perderon a tradición, agora no Meet Aquí. "Noto que a vida dos maiores é mellor que a dos xóvenes, máis relaxada...", observa.

Wei Wei no seu café Meet Aquí, na Coruña
Wei Wei no seu café Meet Aquí, na Coruña | Fonte: Uxía Iglesias

"Intento conversar cos veciños, e moitos falan en galego comigo. Gústalles moito, charlan sen parar!", vai contando. "O meu sobriño tamén trae todas as semanas da escola un libro en galego, e eu intento lelo con el, pero é un traballo!", ri. O contacto coa lingua vai sucedendo aos poucos no seu día a día. Unha das súas teimas é facer do Meet Aquí unha plataforma onde a cultura galega e a china converxan. "Eu quérolle presentar aos galegos como vivimos os chinos aquí e quero que este sexa tamén o lugar para os inmigrantes chinos. Moitos son moi novos, non teñen experiencia de vivir fóra e poden sentirse tristes. Se un día botan de menos a súa familia, eu quero que poidan vir tomar unha sopa quente".

CHINA E GALICIA: DOUS RITMOS DE VIDA

"En China todo é moi distinto, traballamos moito, máis de oito horas ao día". Segundo relata, é un país que cambia todos os días, nin ela mesma lle dá pillado o ritmo, e menos dende a distancia. "China ata para nós é demasiado rápida. Cando regresas de volta xa o notas. Custa porque non só tes que adaptarte aquí, senón que tamén tes que adaptarte alá cando volvemos".

A ollos de Wei Wei, Galicia é lenta, tranquila. Mentres mira pasar xente pola ventá da súa cafetería, a moza vai contando as súas impresións: "Sentinme moi relaxada cando viñen aquí, os ritmos de traballo van despacio. Iso nos primeiros anos facíame sentir feliz, tiña máis tempo para desfrutar, pero despois duns meses xa me notaba aburrida. Cando paseo pola rúa sinto que todo está tan relaxado que falta enerxía. En China todos os días entran ideas novas e non se perde o tempo para pensar. Todos os días temos enerxía nova, todos os días nos movemos moi rápido. Aquí fáltame algo". 

Esa enerxía da que fala Wei Wei xorde dun "lume moi quente" que os empuxa a avanzar, explica ela. Nace dentro de cada persoa, de cada familia. Tamén pensa que hai costumes e valores que a cultura china debería adquirir da nosa: "Nós non discutimos, cando charlamos e temos opinións distintas, non as expoñemos. Iso necesitamos aprendelo. Saber falar as cousas aínda que pensemos diferente".

O sistema educativo no que Wei Wei foi educada non fomenta tanto a liberdade de expresión como unha competitividade superlativa. "É costume competir entre nós. Se eu teño un coche e o meu veciño ten outro mellor, iso méteme presión para obter un aínda mellor ca o deles". No colexio eran uns 40 alumnos por aula e durante un tempo viviu interna na propia escola. "É moito máis duro ca aquí. Eu só lía, estudaba e escoitaba música. Non me daba tempo a facer deporte. Cando cheguei aquí e vin que cada persoa tiña o seu hobby deportivo...", di alucinada. 

"TEMOS QUE ADAPTARNOS TODOS OS DÍAS"

Wei Wei conta que a xente de aquí lle parece aberta e amable, mais pensa que non se coñece ben a China nin á poboación china. "Só se sabe a información da tele e do periódico, non teñen puntos de vista distintos", di. Deles mesmos, pensa que son máis calados e reservados ca os galegos, pero que tamén se creou certo estereotipo en torno á súa maneira de ser. "A maioría dos donos dos bazares non charlan e quedan na caixa. Iso dá unha imaxe dos chinos de que somos un grupo pechado, pero non é sempre así", reivindica.

Na súa cafetería, Wei Wei prepara conversas para practicar idiomas. "Quedando na casa non charlas coa xente. Veñen aquí, toman unha taza de café, e se teñen a oportunidade, intercambian linguas", explica. A esta rapaza non lle gustan moito as cidades, e se ben case sempre viviu en urbes, di ser "unha chica de campo". "Gústame a vida, o tempo en Galicia, gústame ter un negocio, pero non só para gañar diñeiro, senón tamén para difrutalo".

"Adaptarnos? Sempre nos temos que adaptar, todos os días. Pero o sistema educativo tamén nos aprendeu a ser capaces de aceptar as cousas moi rápido", comenta. A súa curtiña experiencia de camareira estáselle facendo algo complicada, pero Wei Wei sempre ten as ferramentas adecuadas para seguir cara adiante. É unha rapaza enérxica, estratéxica, coas ideas claras e coas súas raíces moi presentes en todo canto fai. "Cando vexo algo chino salto: 'Ala, é a miña China!'. Chámame a atención", conta riseira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta