Feijóo avala a universidade privada de Abanca: "Isto non é a república bananeira do BNG"

Pontón (BNG) insta o presidente galego a "deixar de ser un servidor e un home de palla" da banca.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2019 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xustificou este mércores a creación da primeira universidade privada de Galicia, a Universidade Intercontinental da Empresa, que promove Abanca, e remarcou que se axusta ás leis vixentes, fronte ás duras críticas do BNG.

"Isto é un Estado de Dereito, non a república bananeira do BNG", esgrimiu o presidente galego, fronte á portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, quen reprochou a Feijóo o "trato de favor" que dispensa ao empresario venezolano Juan Carlos Escotet e o retou a "deixar de ser un servidor e un home de palla da banca" para converterse "nun servidor dos intereses do país".

En concreto, a dirixente nacionalista lembrou que a lei fixa que as universidades privadas, ademais da docencia, teñen que ter investigación, un requisito que "non cumpre" o proxecto presentado. "E tamén prohibe a duplicidade de titulacións", sumou, antes de advertir que a denuncia, neste caso, non a formula só o BNG, senón tamén "os reitores" das tres universidades públicas galegas.

Así as cousas, instou a Xunta a "rectificar" e pediu a Feijóo que "deixe de porlle a alfombra vermella" á universidade privada mentres "afoga" á pública cun plan de financiamento "insuficiente".

En fronte, fíxolle tres propostas: "Cumprir a lei e non seguir adiante co proxecto de universidade privada, aumentar os recursos das universidades públicas con 30 millóns de euros adicionais en 2020 e empezar a negociar xa un novo marco de financiamento" coas institucións académicas de Vigo, A Coruña e Santiago.

"BOA DÉCADA" PARA As UNIVERSIDADES

Feijóo replicou que esta foi unha "boa década" para as universidades galegas e reivindicou que as taxas universitarias na comunidade son "as máis baixas de España". "Aquí é máis barato estudar que en comunidades nacionalistas como Cataluña", reivindicou o presidente galego.

Do mesmo xeito, subliñou que o financiamento das universidades públicas se pactou cos reitores, do mesmo xeito que o mapa de titulacións, e matizou que é "unha fundación sen ánimo de lucro" a que propón esta universidade. "Están todas as forzas políticas, mareas e PSOE votaron a favor da proposta, e os representantes da Xunta abstivéronse", engadiu.

"Acusa os seus socios de privatizar a universidade en Galicia?", preguntou, antes de engadir que hai comunidades nas que gobernan nacionalistas que tamén teñen universidades privadas. Ao seu modo de ver, o mero feito de traer esta iniciativa á Cámara é "unha broma".

Feijóo lamentou que, "cando algo non lle gusta ao BNG" xa sexa considerado "privatizador", defendeu "a excelente" educación pública galega e concluíu que os proxectos que "cumpren a lei" teñen dereito a saír adiante. "Isto non é a república bananeira do BNG, é un Estado de Dereito amólelle a quen lle amole", resolveu.

"SOA A CHISTE"

"Que nos diga que Abanca non ten ánimo de lucro soa a chiste", replicou Pontón, quen instou a Feijóo a "non esconderse das súas responsabilidades". Así, lembrou que son el e o seu Executivo quen deciden "seguir adiante" coa tramitación do proxecto dando "patente de corso a unha entidade bancaria para saltarse a legalidade".

Feijóo comparece na área de goberno do Parlamento.
Feijóo comparece na área de goberno do Parlamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Saviñou

O ultracapitalista e antigalego narcopresidente está desatado. Normalmente xa ten a chulería de señorito madrileño de serie pero leva uns meses moi moi "solto". Nervos polas vindeiras eleccións, frijol? Xa aprendeches inglés??

1 José

Aqui o unico bananeiro é o macaco de Dorado