Caballero: "Feijóo quere repetir eleccións para que a dereita e o facherío nacional gobernen en España"

Cre que o presidente da Xunta ten "pánico electoral" ás autonómicas do 2020 tras os tres "suspensos" do PP en 2019.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2019 | Actualizada ás 13:46

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, dixo estar "perplexo" porque "soamente" o presidente da Xunta e do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e Vox "queren terceiras eleccións en España".

E é que o máximo mandatario galego manifestou este fin de semana, nunha entrevista a Europa Press, que prefería "unha oportunidade para que os españois volvan decidir" nas urnas antes que "un Goberno de Podemos, o independentismo e Pedro Sánchez".

Este luns, nunha rolda de prensa no Parlamento autonómico, Gonzalo Caballero tachou de "inadmisibles" estas declaracións de Feijóo, as cales achaca a "a súa falta de orientación" e ao "pánico electoral" que lle ten ás autonómicas previstas para o 2020. "O Partido Popular foi suspendido polos galegos nas urnas en tres ocasiones en 2019 e cando cambia o ano Feijóo tenlle pánico ao 2020 (...), porque sabe que o tempo das maiorías absolutas está excedido pola realidade social do noso país", aseverou.

Para o líder dos socialistas de Galicia, o "cinismo" do presidente da Xunta "está a chegar a niveis inaceptables para unha democracia avanzada e sólida". "Ten que explicarnos aos galegos por que el, que tanto fala da importancia da estabilidade e da centralidade, de respectar as institucións do país, está a xogar a ser un axente desestabilizador", engadiu.

"O FACHERÍO NACIONAL"

Neste sentido, Gonzalo Caballero considera que Feijóo "lle está facendo o xogo" a Vox coas súas declaracións: "Quere repetir eleccións para que a dereita e o facherío nacional poida chegar a gobernar en España? Ese é o presidente da Xunta que temos?".

Así mesmo, o secretario xeral do PSdeG insistiu na "necesidade" de que haxa no Estado un Goberno "en plenitude de funcións" para "desbloquear" o país e porque a Galicia tamén "lle convén".

E é que, fronte a este Executivo liderado por Sánchez en coalición con Unidas Podemos que podería botar a andar nas próximas semanas, "a única opción que hai --explicou Caballero- é a opción das dúas dereitas botadas ao monte e dunha ultradereita que nos arrepía".

Así, sobre os acordos para sacar adiante a investidura, o líder dos socialistas galegos remarcou que o PSOE "ten un claro compromiso co marco constitucional" de España. "Somos un partido de goberno", subliñou.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na rolda de prensa. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na rolda de prensa. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Galeguiña

O problema é o PSOE. Para os dirixentes da esquerda actual (e tamén para este falabarato político de Caballero), todos son fachas menos eles. A esquerda española hai tempo que perdeu o norte. Por definición e principios ideolóxicos, debería de ser internacionalista e renegar dos nacionalismos, sobre todo se estes son supremacistas de dereitas (PNV, JPC...) ou independentistas de esquerdas (ERC, BILDU, BNG) Cal era o discurso de Sánchez antes das eleccións en relación a Cataluña? Qué dicían os do PSOE sobre BILDU e ERC? E sobre Podemos? Agora son socios e amiguiños e aquí non pasou nada. E este Caballero...mellor non falar para non caer no insulto e a descalificación porque, polas cousas que dí, é o que merece