Morren dous mozos carbonizados no seu coche tras chocar con outro en Cerceda a noite de Reis

Un home de 53 anos e unha muller de 51 anos tamén resultaron feridos no accidente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/01/2020 | Actualizada ás 11:09

Comparte esta noticia

Unha colisión frontal cóbrase a vida de dous mozos que viaxaban nun turismo e que chocaron contra outro mentres circulaban pola AC-413, ao seu paso polo concello coruñés de Cerceda, a pasada noite de Reis. No sinistro tamén resultaron feridas outras dúas persoas, as que viaxaban no outro vehículo implicado, que necesitaron asistencia sanitaria e foron trasladadas en ambulancia ao Hospital da Coruña.

Accidente en Cerceda.
Accidente en Cerceda.

Segundo explicou o 112 Galicia, os feitos sucederon pasadas as 22,00 horas do domingo na parroquia de Rodís, cando ambos os coches chocaron de fronte e un deles, no que viaxaban os dous mozos falecidos, comezou a arder.

As testemuñas do accidente foron as que explicaron ao persoal de emerxencias os sucedido, quen inmediatamente avisou aos Bombeiros de Ordes para poder sufocar o incendio e liberar un dos seus ocupantes, que permanecía dentro do vehículo. Pola contra, a outra persoa que viaxaba con el saíra despedida do turismo tras o impacto no que perdeu a vida.

Tras coñecerse o sucedido, un dos familiares dunha das vítimas requiriu asistencia médica e o 112 solicitou a intervención dos profesionais do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Graves Emerxencias (GIPCE).

Ademais, as dúas persoas que resultaron feridas son un home de 53 anos, A.L.C., e unha muller de 51, M.V.M., que no mesmo lugar foron atendidos polo persoal do Punto de Atención Continuada de Laracha e logo trasladados ao hospital.

Ata a zona tamén se desprazaron os axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas. O 061, pola súa banda, mobilizou unha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado e dous de soporte vital básico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta