Xoan Costa: "Se falamos de axudas ao galego nos medios, os criterios hai que melloralos moito"

Xoán Costa é filólogo e conselleiro delegado de Sermos Galiza, empresa editora de Nós Galicia, o único xornal diario en papel e en galego que acaba de nacer coa aportación de 3.000 subscritores. Nesta entrevista valora como imprescindible a creación dun tecido de medios na nosa lingua e que se adapte ás tendencias das persoas máis novas. Costa ve con optimismo o panorama mediático en galego mentres considera factible a saída de Feijóo da Xunta se as demais forzas políticas tentan achegarse nun goberno amplo.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 07/01/2020 | Actualizada ás 21:51

Comparte esta noticia

-Facer xornalismo en galego fóra dos medios públicos autonómicos, é un acto de resistencia ou desobediencia dentro dun contexto pouco favorable á lingua segundo o Consello de Europa?
A prensa en galego por unha parte é como un acto de resistencia cando a maioría das cabeceiras, sobre todo as de papel diarias, son en castelán. Ao mesmo tempo, ese acto de resistencia estase transformando mediante experiencias con medios dixitais. Esas experiencias buscan construir medios desde o punto de vista profesional e empresarial. Creo que si hai un pouso de resistencia, con todo, cada vez máis se está configurando un panorama onde se intenta profesionalizar a experiencia en medios de comunicación e por outra parte, integralos ou tentar reconfigurar unha oferta de medios en galego que atendan a botar para atrás esa idea de postura meramente resistente.

O filólogo Xoán Costa
O filólogo Xoán Costa | Fonte: axenda cultural

-Traballar en medios en galego pode marcar profesionalmente a quen o fai?
Pode marcar a quen o fai no mesmo sentido que en calquera outro sector as persoas que desenvolven a súa actividade en galego quedan marcadas. Se unha persoa desenvolve a súa profesión na docencia e o fai contra o que son as preferencias xerais ou mesmo as normas que obrigan a impartir determinadas materias en castelán, se o fai en galego estase marcando. Por tanto, ese é un elemento que tanto nos medios como en calquera ámbito da sociedade, pode marcar ás persoas no desenvolvemento da súa profesión.

-Aparece un novo proxecto que é Nós Diario, mais existe sempre a sombra de proxectos semellantes que quedaron polo camiño. Como teñen previsto enfrontar as diferentes vagas en contra?
Cando foi tomando corpo a idea de sacarmos un medio en papel dentro da empresa editora Sermos Galiza, fixémolo analizando cal era a realidade dos medios en galego. Lembro que o noso manifesto inicial co que se lanzou a idea dun xornal en papel, levaba xustamente  o título “Un diario en papel para un dixital máis forte”. Somos conscientes nestes momentos de que a inmensa maioría dos medios que naceron antes en papel e logo pasaron a dixital,  tiveron que readaptarse ao que son os usos de consumo da información durante os últimos tempos. Somos conscientes desa realidade e tamén somos conscientes de que na sociedade segue habendo espazo para o papel e o dixital. Por tanto, afrontamos o reto dun diario en papel sendo conscientes de que os soportes multiplataforma no ámbito informativo no presente son os que máis futuro teñen. Tamén queremos conformar leitores ou leitoras diferentes abordando a información de maneira diferente ou complementaria segundo nos dirixamos ao público dixital ou ao que consume papel. Mais tamén sempre dixemos que nos metiamos neste proxecto partindo dunha circunstancia ben coñecida de todos, precisabamos 3.000 persoas que se subscribisen e que se non o conseguiamos, non poderiamos sacar o xornal. Xuntamos esas 3.000 persoas, que son a base para afrontar os custes do lanzamento do proxecto, así permitirase que durante o 2020 continúe este xornal. Se acabado o 2020 as circunstancias non fosen favorables, tamén dixemos que non considerabamos o papel ningún fetiche. Nós só buscabamos incidir no panorama dos medios en galego, mais tamén avisabamos que se as cousas non ían como esperabamos, a nosa intención non era afundir durante o proceso.

A prensa en galego é como un acto de resistencia cando a maioría das cabeceiras son en castelán

-Cal era o perfil da persoa que realizaba a súa achega para sacar o xornal en papel?
Cando comezamos o proxecto, fixemos un amplo contacto con persoas representativas de diferentes ámbitos da produción cultural e doutros sectores. Contactamos con partidos políticos, organizacións sindicais, asociacións culturais, fundacións e algunhas empresas para presentar o proxecto. Desde aí, configuramos un grupo impulsor representativos de todas esas entidades, case duascentas persoas, que asumiron o compromiso de avalar cos seus nomes, e ás veces co seu diñeiro, a posta en marcha da idea. Logo fomos presentándoa durante dous anos por toda Galicia en actos públicos onde se pretendía facer fincapé nas nosas intencións, que un diario en papel e en galego era posible e sobre todo, era necesario. Sobre esas dúas premisas iniciouse unha campaña que deu como resultado esas 3.000 persoas subscriptoras para poñer a maquinaria a partir do 2 de xaneiro de 2020.

Con María Obelleiro no Culturgal 2019
Con María Obelleiro no Culturgal 2019 | Fonte: TVG

-Cal é o público obxectivo desta proposta?
Tendo en conta as actuais circunstancias sociais e laborais de Galicia, o público tería que ter unha certa estabilidade económica, aínda que a subscripción se axusta ao que son o resto dos medios en valor económico. Contemplamos unha faixa de idade sobre os 35 anos, un público cunha necesidade de achegarse á realidade de Galicia e do mundo que habitualmente non aparece na axenda dos medios máis maioritarios como é o feminismo, memoria histórica e historia de Galicia. E por outra parte, un público que tamén sente que é preciso darlle normalidade á lingua galega en ámbitos onde non a ten. Con esas tres premisas dirixímonos ao público. Non está previsto cobrar por todos os servizos da web, porque nos parece que xusto neste momento que vive a lingua galega, aqueles sectores que queremos comprometer máis, como son as persoas menores de 35 e con menos capacidade económica, queremos darlles a ler prensa en galego.

Somos conscientes de que na sociedade segue habendo espazo para o papel e o dixital

-Non é posible que haxa un certo desfase entre os gustos da xente nova e os medios que escriben en Internet?
É certo que os gustos da xente máis nova se configuran ao abeiro de medios e plataformas que teñen o galego entre as súas opcións máis minoritarias. Nese sentido, creo que os medios dixitais en galego si teñen intención e si fan porque os gustos da xente máis nova se integren nos nosos proxectos. Outra cousa é que os medios dixitais compiten con poderosos elementos de conformación de gustos que se moven a nivel internacional, e que non sempre somos capaces de contrarrestar. Iso acontece tamen co cinema e TV, mais iso non significa que nos esteamos afastando dos gustos da xente máis nova.

-Como se pode animar á xente máis nova que consuma medios en galego, polo menos na rede?
Dándolle espazos de presenza nestes medios e non ter medo a que esas persoas teñan posibilidade de expandir as propostas que teñan. Iso non é doado de acadar, porque as mesmas plataformas de traballo ou entretemento, están configuradas a nivel internacional. Facer software en galego é caro, aínda que hai experiencias, mais úsanse plataformas ou redes non controladas desde aquí no que é o seu desenvolvemento. Aínda así, creo que si se lle presta atención ás demandas do público máis novo.

-Existen máis reticencias a vender publicidade a medios en galego que en castelán?
A grosso modo podemos dicir que si, mais ás veces teño visto que non hai reticencias da empresa emisora de publicidade, senón o que hai é unha inercia. A compra de publicidade faise normalmente a través de axencia, non é frecuente que os medios contraten directamente a publicidade cunha empresa. As axencias de publicidade teñen unha fórmula de traballo que non contempla as linguas minoritarias. Pola experiencia que teño, algunhas publicidades que fixemos para Nós Diario, dicindo que non a poriamos se non era en galego, pois non vimos condicionantes en contra. Temos feitos anuncios de empresas que se anuncian en castelán noutros medios e en galego no noso. Por tanto, hai inercias que non significan que non haxa empresas que non queiran anunciarse en galego.

Creo que os medios dixitais en galego si teñen intención de que os gustos da xente máis nova se integren nos nosos proxectos

-Nestes anos, cal é a percepción que ten visto de cara os medios en galego?
Hoxe os nosos leitores len indistintamente, se teñen ocasión en galego ou castelán ou noutras linguas, por tanto a presenza do galego nos medios non se sente como antinatural. Outra cousa é que a posibilidade de competir numericamente sexa moi inferior. Se actualmente en Galicia temos sete ou oito xornais e só un é en galego, as posibilidades de chegar aos leitores son desproporcionadas.

-As axudas públicas para os medios, retirada completa das mesmas a todos os medios privados ou control desas axudas por parte de organismos independentes?

Se aceitamos que no contexto actual haxa axudas para todo tipo de empresas, banca, medios ou naval, habería que regulalas para seren distribuídas con criterios de xustiza. Se falamos de axudas ao galego na prensa, os criterios hai que melloralos moito. Desde a Asociación de Medios en Galego, estase a traballar de cara a colaborar coa Xunta, para que os criterios actuais sexan actualizados. Por exemplo, as axudas para a prensa dixital atenden a criterios de empresas de máis de cinco traballadores. Entendemos que é unha fórmula que prexudica a algunhas empresas que con menos traballadores fan un traballo importante. Tamén os mecanismos de control de difusión. Non é momento de cuestionar que haxa axudas para a prensa, porque as hai para outros sectores, mais si é o momento de que se rexan por criterios de fomento do galego.

As axencias de publicidade teñen unha fórmula de traballo que non contempla as linguas minoritarias

-Segundo a súa perspectiva, os medios receptores das axudas son máis dinámicos mediaticamente ou o goberno galego quere solventar débedas dalgúns deses medios?
Non me atrevería a dicir iso, aínda que hai estudosos e traballos que así o afirman, que mesmo hai criterios políticos detrás desas axudas, non sei se é verdade. Mais eu sei de medios de comunicación que levan unha porcentaxe alta das axudas públicas sen cumprir ao cen por cen algúns conceptos. Unha publicación diraria en galego non debe recibir menos achegas que unha publicación que non chega ao mínimo legal de uso do galego. Aí é onde se deberan reformar as condicións para que se cumpran os criterios legais.

-Este tipo de axudas non acabarán por ser o único ingreso dalgunhas empresas mediáticas, que serían incapaces de vivir sen elas?
Si, claro, por iso a nosa fórmula para configurar este diario foi a de garantir a presenza de 3.000 subscripcións, o mínimo que necesitabamos para tirar dunha empresa e non ter que depender tanto das axudas públicas. Existen novas fórmulas de facer e crear medios de comunicación no presente que deben evitar a dependencia de axudas públicas ou de grandes empresas que os condicionen.

-Entón, a cultura empresarial en Galicia está apagada, é complicado materializar o emprendemento?
Non, creo que no ámbito mediático todo o que xurde é froito do emprendemento, mais é un emprendemento cunhas empresas que non teñen máis alá de cinco ou seis traballadores, iso non dá a trascendencia pública que teñen outras empresas. Vexo que o micro-emprendemento está moi vigoroso dentro dos medios con diferentes propostas de divulgación tanto de cultura ou información. Hai medios como Galicia Confidencial, Praza ou Adiante que buscan conformar un tecido mediático en Galicia con influencia social. Por tanto, si creo que hai emprendemento e, insisto, a proba  está en conseguir que 3.000 persoas sexan avalistas de Nós Diario.

-Hai quen augura unha saída do PP da Xunta nas vindeiras elección. Acabaría Feijóo botando man de Vox ou Ciudadanos?
Sabemos que todo é posible nos tempos actuais. Nos  últimos comicios demostraron que Vox non pinta nada aquí e Ciudadanos vai pintar menos. Mais que nada dependerá de como se configure a situación sociopolítica nos vindeiros meses. Esa posibilidade existe mais eu véxoa remota e non me gustaría que se producise.

-Gonzalo Caballero aposta pola posibilidade dunha coalición ampla para gobernar Galicia. É unha aposta moi forte?
Experiencias coma esa danse noutros ámbitos de goberno e tamén xa se deron no pasado. Todo dependerá de que esas forzas progresistas consigan unha maioría e se poñan de acordo. Creo que as dúas cousas son posibles, mais haberá que ver como evoluciona o contexto político e social nos meses que quedan ata as eleccións. Non vai ser o mesmo se Feijóo esgota a lexislatura ou adianta as eleccións para antes do verán, mais si vexo posible que perda a maioría.

Nos  últimos comicios demostraron que Vox non pinta nada aquí e Ciudadanos vai pintar menos

-Volvendo ao mediático, ve á CRTVG como unha máquina para monopolizar todo o que sexa comunicación en galego?
A CRTVG ten a maioría de potencialidades para comunicar en galego. Nalgúns ámbitos non actúa como forza promotora do espazo comunicativo en galego. Hai certas evidencias de que a Corporación, aínda que non ten o monopolio, si pretende excluír do ámbito de comunicación galego outras iniciativas que se dan para a construción dun espazo de comunicación en galego. Un exemplo descarado é a revista de prensa diaria que fan e só atende a cabeceiras en castelán, con escasísimas referencias a medios galegos. Nese sentido a TVG está actuando con criterios de case-monopolio.

-Núñez Feijóo déulles os parabéns pola saída de Nós Diario?
Non, non nos comunicou nada. Ademais, hai tempo que pedimos ter unha reunión con el para presentarlle o proxecto, mais aínda estamos esperando a resposta. É certo que no proceso de conformación do proxecto falamos con todas as forzas políticas incluído o PP mais non con Feijóo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

2 Xian do Sil

Un bo traballo de investigación: coñecer cantas das 3.000 presuntas subscricións non son de organismos públicos controlados polo BNG: concellos, deputacións, bibliotecas dirixidas por militantes bloqueiros, institutos e colexios con forte presenza da CIG, etc. Apostamos a que son moi poucas

1 Chistes non

Hai días que parecen noites e caras que parecen cus. Con iso querido Xian do Sil resúmese a túa existencia. Ademais se hai tantos bloqueiros e da CIG pois será normal que se vendan moitos exemplares. Tamén en Cataluña sacan moitos deputados indepentistas porque hai xente que lles vota. A ti ninguén che obriga mercalo. E tamén co meu diñeiro se mercan revistas de matemáticas ou xornais que ninguén le. Demagogos hai moitos e ti un deles. O peor é que coincidas con FOX (ao mellor non é coincidencia)

2 Grazas por aclaralo

Pois se é así, parabéns ao BNG, non? IU e CC OO non creo que axuden moito a verdade...

1 De Vox

Pobre infeliz. En los últimos comicios de noviembre Vox sacó casi tantos votos en Galicia como el BNG. Sin sedes, sin líderes conocidos, sin apoyo mediático, sin presencia institucional y sin centenares de liberados a sueldo público como si tiene el BNG. Prepárate para las siguientes elecciones porque vas a tener voxazo del bueno.

1 Papuxa

Voxtazo do que fede¡