Os datos anuncian unha perda de 200.000 habitantes en Galicia de cara ao 2031

O país rexistra un saldo migratorio exterior positivo de 7.026 persoas, pero o saldo vexetativo segue en declive.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2020 | Actualizada ás 12:29

Comparte esta noticia

Galicia contaba con 2.698.764 habitantes a 1 de xullo de 2019, o que supón 1.677 persoas menos coas que comezaba ese ano, segundo os datos provisionais publicados este mércores polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Deste xeito, Galicia queda por baixo dos 2,7 millóns de habitantes, coa menor cifra de persoas en máis de 17 anos (desde o 1 de xaneiro de 2002).

Esta perda de poboación en Galicia (-0,06%) contrasta coa alza media en España (+0,35%). Os datos galegos son os cuartos peores, só superados por Estremadura (-0,25%), Asturias (-0,22%) e Castela e León (-0,20%).

A pesar de que Galicia rexistrou un saldo migratorio positivo co estranxeiro de 7.026 persoas no primeiro semestre de 2019, o saldo vexetativo segue en declive, xa que houbo 8.426 falecementos máis que nacementos. A isto únese saldo migratorio negativo con outras comunidades (-215). Con estes datos a poboación prevista para Galicia en 2031 será de 2.489.946 persoas, o que supón unha perda de máis de 200.000 habitantes respecto da cifra actual.

SALDO MIGRATORIO POSITIVO

Deste xeito, Galicia recibiu 11.022 inmigrantes no primeiros seis meses do ano. Supón a segunda cifra máis alta nun semestre na última década. Pola súa banda, no mesmo período marcharon 3.996 persoas de Galicia ao estranxeiro. É a cifra máis baixa nun semestre no últimos dez anos.

Esta diferenza entre emigrantes e inmigrantes arroxa un saldo positivo de 7.026 persoas que chegan. É unha cifra menor que o segundo semestre de 2018 (7.756), pero supón a segunda maior desde o inicio desta estatística no INE (en 2008). De tal forma, Galicia acumula oito semestres consecutivos cun saldo migratorio exterior positivo, xa que o último dato negativo tivo lugar no primeiro semestre de 2015.

Pola súa banda, dos 11.022 que chegaron a Galicia no primeiro semestre había 2.862 con nacionalidade española. Respecto dos 3.996 que marcharon ao estranxeiro, 1.960 eran de nacionalidade española. En cambio, nas migracións entre Galicia e outras comunidades hai un saldo negativo, xa que marcharon 215 persoas máis das que chegaron.

No Estado hai nove autonomías cun saldo migratorio interior positivo, coa Comunidade Valenciana á cabeza (+1.952). Galicia atópase no grupo en negativo, con Estremadura cos peores números (-1.283).

Evolución  da poboación galega  a 1 de xullo de 2019. EPDATA
Evolución da poboación galega a 1 de xullo de 2019. EPDATA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta