Por X.M. Fernández | Viana do Bolo | 09/01/2020 | Actualizada ás 08:10
O entroido galego xa quenta motores, e como vén sendo costume dende hai 6 anos, nas terras de Viana do Bolo e Vilariño abren a veda coa Mascarada Ibérica, un desfile de máscaras de diferentes lugares da península que destacan pola súa singularidade e carácter ancestral. Este ano van máis alá pois haberá tamén representación Italiana, co cal o evento colle xa unha dimensión internacional.
Segundo nos conta Jorge Minas, presidente da asociación Robreda e dos Fulións Rurais de Viana do Bolo, este ano estarán representadas 46 máscaras, 6 dos concellos organizadores -Viana do Bolo e Vilariño de Conso- e 40 máis de Galicia, Cantabria, Castela e León, Castela a Mancha, País Vasco, Portugal e Italia. Unha oportunidade única para ver nun só día unha chea de manifestacións entroideiras e gozar da experiencia nunha contorna rural de montaña.
O desfile dos grupos terá lugar en Viana do Bolo o sábado 11 de xaneiro a partir das 16:30 h. polas principais rúas da vila; e o domingo 12 ás 11:30 h. en Vilariño de Conso. Falamos con Jorge Minas, activista coñecido e recoñecido do entroido na zona e un dos impulsores do evento.
Fuches ti quen tivo a idea da mascarada ou hai máis xente detrás?
A idea en principio foi miña e hoxe en día están axudándome mozos e mozas dos dous concellos de Viana e Vilariño.
Como xurdiu a idea de organizar a Mascarada Ibérica hai 6 anos?
Despois de Visitar outras mascaradas como a de Lisboa, cos Fulións Rurais de Viana, xurdiume a idea de organizar algo igual pero no seu lugar de orixe, o rural. A partir de aí convidei a asociación cultural Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso a participar un día facendo un desfile paralelo ao de Viana .
Como foi a experiencia do primeiro ano e cantos grupos participaron?
Participaron dezaseis grupos, dos cales seis eran dos dous concellos organizadores, Viana do Bolo e Vilariño de Conso, e dez do resto. Este ano seguimos eses seis e corenta máis que veñen de fóra.
O evento está collendo unha dimensión espectacular. De que lugares veñen eses corenta grupos?
Os participantes deste ano veñen das catro provincias galegas, a maioría da provincia de Ourense; doutras comunidades autónomas como Cantabria, Castela e León, Castela a Mancha e o País Vasco; e doutros países como Portugal e este ano Italia. Estes últimos chegarán como experiencia de intercambio cultural cos Mamuthones e issohadores de Mamoiada, en Nuoro -Cerdeña-. Os Boteiros e o Fulión de Viana visitaron Cerdeña no Festival Mamumask e agora eles veñen onda nós.
Como facedes para coordinar e acoller a tanta xente como chega a Viana e a Vilariño neste encontro?
Pois aloxándoos en albergues, con colchonetas e sacos de durmir... logo mozos e mozas do fulión voluntarios que axudan de guías dos grupos e velamos por que o desfile descorra ben.
O evento preséntase este ano como “ViBoMask”. Por que o cambio de nome?
Por ter un nome que nos identifique. Vi é polas iniciais dos concellos -Viana e Vilariño de Conso- Bo polos Boteiros -máscara dos dous concellos- e logo o de Mask polo irmanamento co Festival Mamumask de Cerdeña.
Pensando xa en transcender do panorama 'Ibérico'?
A nosa idea é ser cada ano máis grandes e ter un programa máis cultural, este ano o festival estará presente nos colexios dos dous concellos e nos institutos e tamén teremos un palco Vimusic onde teremos grupos de música tradicional galega e unha foliada o venres polas rúas de Viana.
Quen organiza e quen financia este gran evento?
Organizan as asociacións ‘Robreda de Viana’, ‘Xuntos polo Fulion’ de Vilariño de Conso e ‘Fulións rurais’ de Viana do Bolo. Os concellos de Viana do Bolo e Vilariño de Conso son os que máis aportan e apoian o Festival, e teño que salientar a súa plena confianza no meu traballo e no dos rapaces que organizamos. Tamén temos un gran apoio da Deputacion de Ourense e este ano, por primeira vez, temos patrocinadores do evento e colaboración económica de empresas e negocios de Viana do Bolo. En paralelo, tamén organizamos accións para recadar fondos como un mercadiño, rifas, etc.
Custou que ao longo destes anos as institucións máis próximas se decataran da importancia de apoiar un evento desta magnitude?
Si, cada ano temos máis apoios pero debo salientar que os concellos están a aportar moito. Están facilitando todo o que sexa necesario para o evento. Debo dar as grazas tamén ás asociacións de ‘Mulleres Rurais Bibei’ de Viana do Bolo por colaborar cociñando e servir a cea do sábado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.