O 'Álbum de Galicia', unha ferramenta para "pór rostro ao país" coa biografía de máis de 500 figuras da cultura galega

Foi presentado este xoves no primeiro pleno ordinario do ano do Consello da Cultura Galega

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2020 | Actualizada ás 19:25

Comparte esta noticia

O Consello da Cultura Galega presentou este xoves un novo recurso en liña, o 'Álbum de Galicia', unha ferramenta coa que pretende "pór rostro ao país" a través da biografía de máis de 500 figuras relevantes da cultura galega, ás que suma os documentos, traballos e artigos sobre elas desenvolvidos pola institución.

Presentación do Álbum de Galicia no Consello da Cultura Galega
Presentación do Álbum de Galicia no Consello da Cultura Galega | Fonte: Europa Press

Estas figuras, desde as máis coñecidas ata personaxes "practicamente anónimos", son, en palabras dun dos seus responsables, Manuel Gago, "as teselas" do "mosaico" da cultura galega, visibles dentro dun proxecto que arrinca con 504 entradas pero que prevé crecer no futuro.

Trátase, segundo a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, de "porlle rostro ao país" e "contar a historia de Galicia" con "nome e apelidos, lugares e datas" relacionadas coas "persoas que contribuíron á formación" da Galicia cultural.

Neste documento, con todo "aínda non están todos os que merecen estar", dixo Álvarez, que lembrou que como inicio, agrupa aquelas biografías incluídas noutros traballos desenvolvidos polo CCG, como o relativo á muller, á educación ou á ciencia.

Nas súas páxinas 'en liña', o público pode atopar desde biografías de personaxes tan coñecidos como Rosalía de Castro ata reseñas sobre figuras menos populares como Gabriel Fernández, introductor da química en Galicia.

A intención é que se trate dunha peza "coral" que se incremente cos anos. Para 2020, por exemplo, unha das liñas de traballo será a inclusión de todos os protagonistas da Revista Nós.

NEXOS E DIFUSIÓN

En primeiro lugar, este proxecto, cuxas raíces se remontan a 2005, busca difundir a figura de personaxes non tan coñecidos e dar recursos fiables e "de rigor" aos xa populares, contou outra dos seus responsables, Dolores Vilavedra.

Neste sentido, e para difundir os fondos propios do CCG, o 'Álbum de Galicia' dará acceso tamén desde a biografía de cada autor ás fotografías, documentos e recursos que poder do Consello que estean relacionados con el, desde dixitalizacións das súas cartas a artigos sobre a persoa a cuestión, recursos sonoros e audiovisuais ou actas de encontros e simposios. "Quere ser un mapa do que somos", dixo Vilavedra.

Na mesma liña, Manuel Gago explicou que o proxecto busca ser "a porta de entrada que ofrece" o CCG para "todo o material que atesoura sobre as grandes figuras de Galicia", co obxectivo último de "empezar a construír unha rede social da cultura galega".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta