Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2020 | Actualizada ás 14:29
"Galicia é unha nacionalidade histórica, que é como está definida na Constitución, e calquera avance cara a unha configuración na que as nacionalidades históricas puidesen recoñecerse como nacións esixirá que Galicia así o sexa", asegura o líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero.
Nunha entrevista concedida a Europa Press, o secretario xeral do PSdeG (Ponteareas, 1975) defende o "mesmo status constitucional que poidan ter o País Vasco ou Cataluña" para Galicia pero deixa claro que "o conxunto da soberanía reside no Estado español na súa plenitude".
Que se asegure o "mesmo status" para as nacionalidades históricas é, precisamente, un dos puntos que recolle o acordo rubricado entre o PSOE e o BNG para que os nacionalistas apoiasen a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno, un pacto que contempla o "impulso das reformas necesarias para adecuar a estrutura do Estado ao recoñecemento dos sentimentos nacionais de pertenza".
Preguntado pola súa postura sobre a reforma constitucional, o xefe de filas dos socialistas galegos recoñece que o actual termo que recolle a Constitución, o de "nacionalidade histórica", "resultou cómodo" aos socialistas galegos pero mostrouse "aberto" a abordar unha nova "configuración" se se dan as "maiorías suficientes para facer este tipo de reformas".
Deste xeito, asegura que tamén estarán "cómodos" se un novo texto "recoñece que as nacionalidades históricas sexan nacións" pero "sempre entendendo que isto non pode romper a soberanía que reside no conxunto do Estado Español".
E é que Gonzalo Caballero pon en valor a "formulación galeguista" do PSdeG, que pasa por "defender o autogoberno, o Estado das Autonomías". "Defender Galicia pero facelo tamén desde unha perspectiva integradora, de entender que nós non queremos pór fronteiras", sinala nunha entrevista na que avoga por traballar por unha "España plural, diversa, de xustiza social e que non xere trincheiras".
"ILUSIÓN" NO GOBERNO DE COALICIÓN
Na entrevista concedida tras a investidura de Sánchez como presidente, o líder dos socialistas galegos asegurou que o goberno de coalición pactado entre PSOE e Unidas Podemos está "a xerar moita ilusión e moi boas vibracións" entre o electorado progresista.
"Era unha anomalía que nunha democracia occidental de corte parlamentario como a española non existise un goberno de coalición", sinala Gonzalo Caballero, que sostén, ademais, que responde a unha "necesidade histórica" como, na súa opinión, supón "frear o discurso dunha ultradereita demagóxica, populista" e que busca "romper o marco de convivencia".
Nesta liña, subliña que o pacto era "algo que había que facer" e "a única opción posible" dado a repartición de escanos no Congreso dos Deputados. "Creo que o acordo pola coalición progresista é o mellor para España, crino en abril, crino en novembro e sígoo crendo agora", indica.
Neste punto, interpelado sobre se considera que Sánchez errou ao volver convocar a repetición electoral, Gonzalo Caballero defendeu o "exercicio de responsabilidade" feito polo presidente. Así, lembrou que "entre abril e o verán" houbo un "escenario de procura dun acordo" que "ao final non se produciu".
"Por tanto, Pedro Sánchez, que podía aceptar ser presidente nese momento, nun exercicio de responsabilidade, decide que é conveniente que os cidadáns volvan falar por se xeran un novo escenario electoral", sostén Caballero, que asegura que o resultado "repite o escenario de coalicións posibles que había en abril sen grandes cambios". "O máis importante é que o PSOE gañou as eleccións e é a única forza de goberno", apunta.
TEMPOS NA DESIGNACIÓN DO NOVO GOBERNO
Na entrevista concedida a Europa Press, ademais, xustificou que o presidente do Goberno tome "uns días" para dar a coñecer os membros do seu equipo. "O escenario duns días para configurar o goberno é o normal, son canons habituais que non supoñen ningunha excepción", defende.
Dito isto, rexeita que o atraso no anuncio das persoas que ostentarán cada ministerio se deba a existencia de diferenzas entre o Partido Socialista e Unidas Podemos. "Sei que é un tema que ocupa moitos debates pero creo que o importante é que haxa un gran goberno para España e estou convencido de que Pedro Sánchez o vai facer", incide.
Ademais, preguntado pola designación da que a integrante de Galicia en Común Yolanda Díaz como ministra de Traballo, Gonzalo Caballero rexeitou que este feito poida derivar nun aumento do apoio aos rupturistas en Galicia en detrimento do PSdeG nun ano no que se celebrarán eleccións autonómicas.
"Os votos móvense doutra forma, os cidadáns votan vendo o que queren para o seu país e para o seu goberno e, en Galicia, tivemos en 2019 o mellor exemplo de como funcionan os galegos á hora de votar. Medio millón de votos para o PSdeG e ese medio millón de votos para o PSdeG que eu dirixo é o que imos mobilizar para as próximas eleccións", destaca.
"A partir de aí", desexou ao resto de forzas progresistas que "o fagan o mellor posible" para fortalecer a "maioría progresista" que, ao seu xuízo, imporase nas eleccións autonómicas que se celebrarán no outono en Galicia se non se produce un adianto. Por iso, rexeita dar nomes sobre as súas preferencias para a configuración do goberno. "Trasladeille a Pedro Sánchez todo o apoio do Partido Socialista de Galicia para que faga o mellor goberno posible", gabia.
TRASPASO DA AP-9
Na súa intervención e preguntado sobre o traspaso da AP-9 neste 2020 que contempla o acordo selado entre o PSOE e o BNG e se considera que pode ser capitalizado polos nacionalistas, Gonzalo Caballero reivindicou que foi o Partido Socialista o que "desbloqueou" o debate sobre a transferencia desta infraestrutura que Mariano Rajoy "impedía probablemente de forma xuridicamente dubidosa".
"Nós posibilitamos ese debate (na pasada lexislatura) pero é certo que non tiñamos unha maioría parlamentaria para aprobar esa cuestión e que os prazos ao final foron rotos por unha convocatoria electoral", lembrou.
Por esta cuestión e dados os resultados da repetición electoral, sinala que, "para construír os cambios", o PSOE "necesita facelo de forma acompañada por outras forzas". "Os votos do PSOE, por si sós, non son suficientes para aprobar orzamentos en España ou os grandes temas que afectan a Galicia", apunta o socialista, que cualifica de "aliadas" ao resto de forzas progresistas, como Galicia en Común e o BNG, nesta cuestión.
"Consideramos que o resto de forzas progresistas son aliadas e imos construír conxuntamente. Estou convencido de que haberá moitos avances en España e en Galicia cando corresponda", finalizou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.