Descende o número de accidentes de tráfico na provincia de Pontevedra, pero mantense a cifra de mortos

Na última década reduciuse nun 50% o número de vítimas mortais nas estradas provinciais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2020 | Actualizada ás 16:19

Comparte esta noticia

O pasado ano 2019 descendeu o número de accidentes de tráfico nas estradas da provincia de Pontevedra, pero mantívose a cifra de vítimas mortais, segundo datos provisionais do balance sobre a sinistralidade presentados este martes pola subdelegada do Goberno na provincia, Maica Larriba.

Axentes da Garda Civil atenden un accidente de tráfico.
Axentes da Garda Civil atenden un accidente de tráfico.

Segundo valorou Maica Larriba, "as cifras do ano pasado foron mellores que as rexistradas en 2018". "Pero aínda así non podemos estar satisfeitos porque as vítimas mortais son iguais ás rexistradas en 2018", abundou.

Ademais, a subdelegada lamentou que non se conseguiu "reducir os falecidos" nas estradas pontevedresas. "Aínda que mantemos a liña descendente dos últimos anos", apostilou. Na última década reduciuse nun 50% o número de vítimas mortais nas estradas provinciais.

Larriba sinalou como un "dato importante" que a nivel provincial se produciu un incremento no número de falecidos entre os 15 e 24 anos, en concreto un 25%. Así lembrou o lamentable accidente do pasado mes de maio na AP-9, co falecemento de tres novos de Redondela.

Segundo indicou a subdelegada, en autoestradas e autovías a saída de vía é nun 75% a responsable dos accidentes mortais e esta cifra rebáixase ata o 35% nas vías interurbanas. Nestas últimas estradas a colisión lateral e frontolateral está presente no 25% dos casos e a colisión frontal e o atropelo de peóns nun 20%.

Con respecto ao tipo de vía no que se producen os accidentes mortais destacou que o 83% deles foron en vías interurbanas fronte ao 17% das autoestradas e autovías. En datos comparativos coa última referencia de 2018, estas cifras eran do 79% en vías interurbanas e o 21% en autoestradas e autovías.

TITULARIDADE AUTONÓMICA

Maica Larriba precisou que nas vías de titularidade autonómica houbo dez accidentes con dez mortos; en vías estatais foron seis accidentes con seis vítimas; en autoestrada, dous accidentes con catro falecidos; e en vías provinciais, tres accidentes mortais con tres vítimas. E, por último, un falecido nun accidente en vía sen denominación no concello de Mos.

As distraccións ao volante e a velocidade inadecuada representan os factores que máis influíron nos accidentes mortais de tráfico en Pontevedra, que chegaron a un 29% dos 22 ocorridos na provincia.

Outros factores que destacaron correspóndense coa condución temeraria, o non respectar a distancia de seguridade, a irrupción de peóns e o consumo de alcol e drogas.

A esta última información a subdelegada do Goberno quixo achegar os datos da agrupación de Tráfico da provincia, destacando as máis de 4.600 probas de control de drogas que arroxaron un 41,65% de positivos.

Igualmente, os controis sobre a presenza de alcol na condución foi de 255.014 probas, resultando positivos en 4.436 deles.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta