Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2020 | Actualizada ás 15:07
Este 2020 é ano electoral en Galicia. E no segundo Consello da Xunta, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, non dubidou en presumir de subas salariais a todos os funcionarios públicos da Administración Galega.
Así, e na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta dixo que fará efectivo de inmediato "todo aquel incremento retributivo que non necesite cobertura estatal" --en referencia á alza do 2% pactada e pendente para todos os funcionarios do conxunto de España--, polo que uns 100.000 empregados galegos verán xa nas nóminas deste mes as subidas acordadas no ámbito autonómico.
"Empezamos a aplicar estas subidas en 2020 sen esperar ao Goberno central porque temos autonomía para facelo", remarcou, para engadir que, en canto o Executivo estatal autorice a vía para aplicar o incremento do 2%, a Xunta tamén a fará efectiva de inmediato e desde o 1 de xaneiro, polo que se abonarán tamén os atrasos desde este mes.
CANTIDADES E COLECTIVOS
Feijóo precisou que estes incrementos afectan aos distintos colectivos de empregados públicos da comunidade (traballadores da Administración xeral, do Sergas, do ensino público e da xustiza) e precisou que, a tal fin, nos orzamentos de 2020 resérvanse 140 millóns de euros.
Así, e segundo suliñou o presidente galego, os 20.000 empregados do Sergas terán un incremento anual no seu salario de entre 1.227 e 305 euros en función da súa categoría. A maiores, o persoal de medicina e enfermaría dos PAC aumentarán os pluses de nocturnidade. Así, os médicos pasarán a cobrar de 4,9 euros a hora, a 25,6 e os enfermeiros, de 3,8 euros a hora a 16,7 euros.
Por outra banda, os 11.500 funcionarios da Administración Xeral pasarán a cobrar entre 822 e 382 euros e os 30.00 de educación 350 euros máis. Pola súa banda os 2.200 funcionarios de xustiza aumentarán o seu salario anual entre 344 e 300 euros, segundo as categorías, e 500 axentes forestais e medioambientais dependentes da Xunta, entre 865 e 716 euros. Finalmente, os traballadores do consorcio de Igualdade e Benestar, uns 2.000, pasarán a cobrar entre 1.268 e 812 euros ao ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.