Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2024 | Actualizada ás 18:32
O socialismo galego uniuse este xoves para arroupar ao presidente do Goberno e líder do PSOE, Pedro Sánchez, fronte ao "acoso" e diversas agrupacións convocaron concentracións para mostrar este respaldo para o vindeiro sábado, ás 11,00 horas, coincidindo coa convocatoria que terá lugar en Ferraz ante a sede do partido.
Deste xeito, nunha carta remitida aos medios, o secretario xeral do PSdeG electo, José Ramón Gómez Besteiro, e os responsables provinciais do partido en Galicia, Bernardo Fernández (A Coruña), José Tomé (Lugo), Rafael Rodríguez Villarino (Ourense) e David Regades (Pontevedra), trasladan todo o seu apoio e solidariedade ao presidente do Executivo estatal pola "campaña de acoso que sofre desde hai meses por parte da dereita e a ultradereita".
Na misiva, remitida un día despois de que o presidente do Goberno anunciase que cancelaba a súa axenda pública para reflexionar sobre a súa continuidade no Goberno tras a investigación á súa esposa, sinalan que este acoso se estendeu nos últimos meses a varios membros da súa familia, co consecuente desgaste persoal que isto provoca. "Os insultos e difamacións que tivo que soportar Pedro Sánchez desde a súa chegada á presidencia ameazan directamente ao Estado democrático e converten o escenario político nunha lameira na que os socialistas nos negamos a entrar por respecto á nosa historia e á nosa militancia".
"Galicia sufriu en primeira persoa as artimañas dunha dereita que tenta conseguir coa manipulación o que non consegue nas urnas. Cremos que estas prácticas son perigosas e fan necesaria unha reflexión, porque en política non todo vale", sinala a carta, que asegura que as "falsas acusacións, as descualificacións gratuítas e os embustes non teñen cabida na leal confrontación de políticas e ideas nin no labor de fiscalización dun Goberno elixido desde a lexitimidade constitucional".
O texto sinala que a vontade da cidadanía, expresada primeiro nas urnas e despois a través dos seus representantes, é a única canle lícita para alcanzar a responsabilidade de dirixir un país. "Calquera outro medio pon en cuestión as institucións que tanto custou consolidar", apunta.
Así, a carta finaliza chamando a "todos os demócratas a unirse e actuar" ante as "estratexias irresponsables" que poñen en perigo as institucións. "Non todo vale", finaliza o documento asinado por Besteiro e os secretarios provinciais.
REUNIÓNS DAS EXECUTIVAS E CONCENTRACIÓNS
Ao longo de toda a xornada sucedéronse en Galicia as reaccións das distintas estruturas do partido ao longo do territorio. Así, por exemplo, as executivas provinciais de Pontevedra e Ourense convocaron reunións de urxencia para analizar a situación e trasladar o apoio a Sánchez, unha medida tamén adoptada por agrupacións locais como a de Vigo.
"Hoxe, máis que nunca, é hora de estar unidos e unidas e plantar cara a esta dereita e a esta extrema dereita que percibe o poder como algo que lles pertence en exclusiva", sinala un comunicado remitido pola executiva provincial de Pontevedra, no que Regades avisa de que "a dereita e a extrema dereita utilizan os seus resortes en todos os recunchos da sociedade para deslexitimar ás institucións atacando á esencia mesma da democracia e pisando a dignidade das persoas".
Nesta liña, os socialistas coruñeses consideran que o PP e Vox "cruzan todas as liñas vermellas da política", sen admitir os resultados das urnas, coas súas campañas de desprestixio. "España e a súa cidadanía merecen que os socialistas continuemos loitando polos avances progresistas". "Fronte aos ataques ilexítimos da dereita, os socialistas respondemos cun país que avanza, económica e socialmente", indican.
Tamén a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, utilizou a rede social X para publicar unha carta na que traslada todo o respaldo a Pedro Sánchez e anímalle a que "non tire a toalla". "Quen dedicamos parte da nosa vida, senón toda, ao exercicio da política sabemos que hai momentos complexos. Todos e todas nos temos preguntando algún día se isto merece a pena", sinala a rexedora, que lembra medidas postas en marcha baixo a presidencia de Sánchez como a subida das pensións, o ingreso mínimo vital para animar ao presidente a pensar en todas as persoas que viron melloradas as súas vidas con estas medidas.
Ademais, en Santiago de Compostela, os socialistas convocaron aos cidadáns a mostrar o seu apoio a Pedro Sánchez o vindeiro sábado ás 11,00 horas, coincidindo coa mobilización que se celebrará ante a sede do partido en Ferraz. Unha medida pola que tamén optarán outras agrupacións como a de Ferrol, segundo indicaron fontes socialistas.
Tamén nesta xornada na que o secretario xeral saínte, Valentín González Formoso, subliñou o seu respaldo ao líder do partido, a vicesecretaria xeral do PSdeG, Lara Méndez, ofreceu unha rolda de prensa na Cámara galega na que lembrou a situación xudicial vivida por moitos cargos socialistas derivada de "prácticas" que atribuíu á dereita. "O PP de Feijóo pasará á historia como a oposición máis sucia de España", sinalou.
A situación supuxo a activación do partido nun contexto en que en Galicia se celebra o vindeiro domingo, día 28 de abril, un congreso extraordinario no PSdeG elixirá á executiva que acompañará a Besteiro na dirección do partido.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.