Pontevedra terá os orzamentos máis elevados da súa historia: 79,3 millóns de euros

Fernández Lores destacou que estes orzamentos son "consecuencia do pacto de goberno", e defendeuse ante as críticas do Partido Popular pola tardanza en presentar este documento económico: "O ben feito leva tempo"-

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2020 | Actualizada ás 18:37

Comparte esta noticia

A cidade de Pontevedra contará cos orzamentos "máis elevados da historia" do municipio, que ascenderán a 79,3 millóns de euros, o que suporá un 3,5 por cento de subida respecto das contas do pasado exercicio.

O rexedor local, Miguel Anxo Fernández Lores e o tenente de alcalde, Tino Fernández, presentaron este venres os primeiros orzamentos municipais do goberno coaligado BNG-PSOE, que definiron como "altamente investidores".

As contas municipais para 2020 supoñen un incremento de 3,5% ao respecto do pasado ano, cunha subida neta de 2,7 millóns de euros. A esta cifra xeral do orzamento, hai que engadir que se solicitará menos crédito que en 2019, que ascenderá a 750.000 euros.

A partida de investimentos fixada en 10,3 millóns de euros (crecen 0,5 millóns con respecto de 2019) prioriza o sostemento dos espazos públicos e rurais, xardíns e zonas verdes, parques infantís, accesibilidade urbana e rural, parques forestais, a posta en marcha do proxecto deportivo da Parda, a mellora do barrio de Mollavao, melloras na infraestrutura do Pazo da Cultura, renovación do sistema de iluminación, gasto social, entre outros.

Tamén incrementa a partida de transferencias para outras administracións colaboradoras, con 1,5 millóns para o Hospital Montecelo ou 1 millón de euros para a renovación da Estación de Autobuses. A estes investimentos incorpóranse os 40 millóns de euros procedentes do novo contrato da auga, que se executarán durante o presente mandato na práctica totalidade nas parroquias do rural.

CONSECUENCIA DO PACTO

Fernández Lores destacou que estes orzamentos son "consecuencia do pacto de goberno", e defendeuse ante as críticas do Partido Popular pola tardanza en presentar este documento económico. "O ben feito leva tempo", sinalou.

Para o rexedor nacionalista as contas de 2020 contextualízanse no "bo momento que vive Pontevedra" cun crecemento da actividade económica xeral, un aumento de poboación moderado, unha subida da renda familiar, repunte da construción e da súa actividade auxiliar e un incremento do turismo, "especialmente o desestacionalizado".

"E como colofón temos a débeda máis baixa dos últimos 40 anos", engadiu o alcalde. Fernández Lores cualificou os orzamentos de "altamente investidores e de fondo contido social e medio ambiental". Pola súa banda, Tino Fernández, asegurou que estes orzamentos reflicten "a realidade: un goberno sólido, comprometido cos veciños e veciñas, e coa transformación do noso concello".

Para o socialista Tino Fernández, "estes non son os orzamentos de dúas forzas políticas, é o orzamento dun goberno encabezado e dirixido por un alcalde, para seguir transformando Pontevedra e consolidando o concello como referencia en Galicia, no Estado e fóra do Estado".

Fernández Lores co bastón de mando de Pontevedra
Fernández Lores co bastón de mando de Pontevedra | Fonte: pontevedraviva.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta