España avisa de que non ve "moi xusto" a repartición proposta por Bruxelas para o fondo de transición 'verde'

É o oitavo país receptor duns fondos dos que dependen os plans territoriais de descarbonización.

Por Europa Press / Redacción | BRUSELAS | 20/01/2020 | Actualizada ás 12:12

Comparte esta noticia

A ministra de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación, Arancha González Laya, dixo este luns que España non está de acordo coa repartición entre países que propón a Comisión Europea dos recursos do fondo de transición ecolóxica e que reserva para España apenas un 4% do diñeiro.

"España apoia de maneira moi clara e decidida o fondo verde de transición xusta pero estamos un pouquiño preocupados porque o vemos moi verde, pero non moi xusto", avisou González Laya en declaracións á prensa á súa chegada a unha reunión de ministros de Exteriores da UE en Bruxelas.

Aínda que a cuestión do fondo non está na axenda dos ministros, si teñen previsto falar de maneira máis xeral da chamada "diplomacia climática" e nese marco González Laya quere trasladar aos seus colegas que o fondo e a súa clave de repartición require unha "atención particular".

A Comisión Europea previu unha clave de repartición para os 7.500 millóns de euros do fondo para axudar ás rexións na transición ecolóxica que sitúa a España en oitavo lugar como país receptor con 307 millóns asignados, nunha distribución que reserva as maiores partidas para Polonia (2.000 millóns) e Alemaña (877).

Por iso, a xefa da diplomacia española insistiu en que a transición ecolóxica debe ser tamén unha "transición xusta" e advertiu de que o Goberno de Pedros Sánchez ten "dúbidas" de que o método deseñado para repartir os fondos o sexa. "Queremos asegurarnos de que será realmente xusta, por agora non o vemos moi ben, imos seguir traballando", remachou, sobre unha proposta que o Executivo comunitario defende que se apoia en datos estatísticos e criterios obxectivos para calcular o custo da transición para cada rexión.

Marcha ata A Coruña por unha transición ecolóxica xusta
Marcha ata A Coruña por unha transición ecolóxica xusta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta