Temas: NAVANTIA

Xunta e empregados de Navantia urxen facer un buque AOR en Ferrol para que haxa carga de traballo ata as fragatas

Demandan tamén a obra do dique seco para abaratar ás F-110.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2020 | Actualizada ás 20:43

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o comité de empresa de Navantia Ferrol-Fene reclamaron este martes ao Goberno que "este trimestre" dea luz verde á construción dun buque de aprovisionamento para a Armada (AOR) na ría co fin de que haxa carga de traballo mentres non se inician as fragatas F-110.

Integrantes do Comité de Navantia e da industria auxiliar en Ferrol.
Integrantes do Comité de Navantia e da industria auxiliar en Ferrol.

Así o demandaron tras unha reunión en Santiago, na que Feijóo constatou a "ausencia de carga de traballo do estaleiro de Navantia en Ferrol nos próximos meses" e ata que comecen as obras das fragatas "en 2022".

Respecto diso, o titular do Executivo galego subliña que o Goberno "non está a cumprir os compromisos con Navantia Ferrol", con 750 millóns "sen executar". Por iso, esixe a construción dun buque AOR que sirva de "ponte" ata as fragatas.

E é que Feijóo alerta de que "no verán o estaleiro queda sen carga de traballo", polo que "máis de 2.000 persoas directas do persoal máis empresas auxiliares quedan sen posibilidade de seguir traballando".

Así mesmo, demanda realizar de forma inmediata as obras do dique seco, unha obra comprometida para abaratar os custos da realización das fragatas.

De tal forma, o presidente da Xunta avisa de que hai unha "situación de máxima preocupación" polo "deixamento" do Goberno en Ferrolterra, que leva tamén a un impacto sobre as empresas electrointensivas.

OS TRABALLADORES PEDIRÁN REUNIRSE CO GOBERNO

Tras reunirse con municipios da comarca e ter unha reunión "receptiva" coa Xunta, agora os traballadores solicitarán unha reunión co novo Goberno e partidos do Congreso para expor as súas peticións.

O presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, Javier Galán, alerta de que non hai "ningún tipo de carga de traballo" en 2020 e 2021, polo que se prevén "despedimentos importantes" e "perda de coñecemento" das auxiliares. "Non se pode permitir que chegado o ano 2022 non teñamos profesionais na ría de Ferrol", avisa.

O obxectivo é "evitar que miles" de traballadores pasen a "engrosar as listas do paro". Tamén chama a atención sobre que o departamento de turbinas "pode ter moito futuro se hai unha aposta decidida" polas enerxías renovables. Galán explica que en Fene existe "unha subactividade importante", con "miles de metros cadrados inutilizados".

Temas: NAVANTIA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta