A Xunta leva a experiencia do peregrino a Fitur a través de 'Camiño ao Xacobeo 2021'

Rueda e Román Rodríguez chaman a converter o Ano Santo na celebración global da mellor 'Galicia calidade'.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/01/2020 | Actualizada ás 15:22

Comparte esta noticia

O Goberno galego inaugurou este mércores a súa caseta na Feira Internacional de Turismo (Fitur) presentando á experiencia do peregrino e do Camiño de Santiago, co fin de realizar un chamamento a converter o próximo Ano Santo na celebración global da mellor 'Galicia calidade'.

Alí estiveron tanto o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, como o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, xunto con outros cargos como Nava Castro, responsable de Turismo de Galicia, ou o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices.

O obxectivo é arrincar cunha campaña de intensa promoción do Xacobeo 21, neste caso a través dunha caseta de case 1.000 metros cadrados e un renovado expositor que inclúe o 'Túnel do Camiño', que recrea as sensacións do peregrino a través dun percorrido e experiencia audiovisual; un mapa interactivo dos dez itinerarios, un probador virtual con vestimentas e complementos propios dos peregrinos e diversas outras accións.

Alí os representantes da Xunta trasladaron o avance da programación do Ano Santo presentada en Galicia, que incluirá máis de 180 proxectos e preto de 8.000 actividades nos 313 concellos de Galicia.

O vicepresidente Rueda destacou a preparación desta efeméride como "prioritaria" para o Executivo autonómico e que o Xacobeo integrará valores tan importantes como a igualdade, a inclusión, á accesibilidade, e a innovación, ao mesmo tempo que permitirá xerar riqueza e emprego no territorio.

O ACONTECEMENTO "MÁIS IMPORTANTE"

Pola súa banda, o conselleiro Román Rodríguez insistiu en que o Camiño é "un motivo de orgullo" para todos os galegos e que un dos obxectivos da Xunta é converter o próximo ano Santo no "acontecemento cultural máis importante de Europa".

"O Xacobeo é a nosa mellor carta de visita e un acontecemento transversal que non se limita só a Santiago de Compostela, senón que abarca toda España", engadiu.

O expositor galego acollerá desde este mércores máis de 40 presentacións e máis de 16 espazos divulgativos que representarán os principais elementos do territorio galego, á vez que promoverán a presenza das candidaturas a Patrimonio Mundial da Ribeira Sacra, as Illas Cíes ou Ferrol da Ilustración, entre outros.

A Xunta presenta o Xacobeo en Fitur. XUNTA
A Xunta presenta o Xacobeo en Fitur. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta