O PSOE de Ourense reunirase con Ábalos polo proxecto de intermodal

Trasladarán este sábado ao ministro de Transportes a "situación actual" para buscar unha solución que "cumpra cos criterios técnicos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/01/2020 | Actualizada ás 15:33

Comparte esta noticia

O PSOE de Ourense reunirase este sábado co ministro de Transportes, José Luís Ábalos, para "dialogar" sobre as "alternativas" que se presentan para a construción da "mellor estación intermodal posible". Os socialistas valoran explicarlle a "situación actual do proxecto" e "o sentir da cidadanía en contra del".

Ademais, comprometéronse a "tentar buscar a mellor solución técnica" e transmitila posteriormente cos "prazos xa establecidos" aos ourensáns. Así o trasladou este mércores o portavoz socialista na Deputación de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, durante unha comparecencia ante os medios.

Neste contexto, os socialistas tamén dixeron ser "conscientes" de que non é posible volver ao proxecto orixinal para a estación intermodal, pondo como exemplo "o simple feito de que xa só a estación de autobuses está fóra de lugar".

Neste contexto, Villarino tamén pediu que "ninguén dubide de que se vai levar á práctica a variante exterior", unhas declaracións que chegan despois das "dúbidas" manifestadas o pasado martes polo rexedor das Burgas. O portavoz socialista sinalou que "se fará de modo inminente" segundo "a información da que dispón".

Así mesmo, Villarino criticou ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, por "tentar saír do paso unha vez máis enganando á cidadanía". "En contra do que Jácome queira dicir si que hai varios tramos do proxecto que dependen de licenzas municipais, por tanto se quixesen facer algo contan con mecanismos para iso", valorou o portavoz socialista.

Tamén lle lembrou ao rexedor de Ourense que "é imposible facer calquera soterramento do AVE" e pediulle que "deixe de dicir barbaridades que xa coñece".

OUTRAS MEDIDAS

En canto ao proxecto da estación de autobuses, "responsabilidade exclusiva da Xunta de Galicia", Villarino criticou que desde o Goberno galego se pretende "pór a primeira pedra de cara a unhas eleccións" cunha obra que debe ter unha gran entidade e que finalmente se fai "de forma lamentable en tan só 8 meses".

Por outra banda, o portavoz socialista na Deputación de Ourense compareceu este mércores para presentar unha das mocións que o grupo levará ao próximo pleno e na que solicita a mellora nos arranxos da OU-540.

A este respecto, a moción reclama que se faga "a obra na súa totalidade", tal e como estaba orzada, "completando a circunvalación dos núcleos de Bande e Verea, apartando o tráfico pesado e facilitando o acceso de todas as outras poboacións". Piden "axilidade" para que se cumpra "unha promesa que arrinca no Plan Galicia 2003 con Feijóo como conselleiro de Política Territorial".

E criticaron "o modo de actuar electoralista" do presidente da Xunta que "vén presentar unha obra devaluada que non se empezará a executar ata o ano 2022".

O ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos. Nagore Iraola - Europa Press
O ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos. Nagore Iraola - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta