As probas de biocombustibles na planta das Pontes comezarán "nun mes"

O comité de crise do municipio e o Executivo galego urxen ao Goberno unha reunión para aclarar o futuro da térmica de Endesa.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/01/2020 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, prevé que "nun mes, mes e pico" comezarán as probas de biocombustibles na planta térmica, as cales terán un "control absoluto" por parte de entidades "tan cualificadas" como o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) --dependente da Xunta-- e a Intervención Xeral da Administración do Estado (IGAE) co fin de avaliar a súa viabilidade.

Diso informou este mércores o alcalde no marco dun encontro en Santiago do comité de crise das Pontes co conselleiro de Economía, Francisco Conde, para "coordinarse" e "seguir vixiantes coas tarefas que hai que facer".

Neste sentido, González Formoso advirte de que a supervivencia do complexo de Endesa pasa por convertelo "nalgo distinto do que foi ata agora de queima de carbón", de aí a importancia das probas experimentais de queima de lodos.

Paralelamente, o rexedor socialista reclama que exista un "trato adecuado" para a comarca na repartición de fondos europeos e estatais para a descarbonización, nun territorio cunha "perda de emprego importante desde o 2000".

Remarca que o obxectivo da transición ecolóxica é a "substitución o carbón a medio prazo", e para iso require axudas. "Que nos axuden a reinventarnos industrialmente falando", afirma.

Preguntado sobre a declaración por parte de España da emerxencia climática, González Formoso subliñou que esta medida en si "non beneficia ou prexudica en nada", senón que "o que beneficiará ou prexudicará serán textos lexislativos" e as medidas concretas que deles emanen.

URXEN UNHA REUNIÓN AO GOBERNO

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, urxiu ao Goberno á convocatoria da mesa das Pontes para abordar entre administracións e traballadores "cales son os seguintes pasos a dar para garantir que hai unha transición xusta".

Así, esíxelle ao Goberno que "reaccione" e a Endesa que "poña as medidas necesarias para dar unha solución", posto que "o Ministerio de Transición Ecolóxica se ten que implicar e dar unha resposta" con "concrecións" sobre fondos e prazos.

No tocante a Endesa, empraza a que teña unha "implicación activa" para a "reactivación" da planta, para a cal asegura que a Xunta estará "vixiante" sobre a avaliación das probas con biocombustibles. Para o funcionamento da planta, Conde pide ao Executivo central que aposta pola eliminación do céntimo verde, así como unha retribución para a combustión de lodos.

Incide en que España é un dos grandes prexudicados na repartición dos chamados fondos 'verdes', para os que a Comisión Europea prima países que pecharán as térmicas máis tarde, segundo avisa. Pon de exemplo que Alemaña "vai manter as súas centrais ata o ano 2038". Mentres, chama a que Galicia se beneficie deses apoios.

"Galicia non vai abandonar 750 familias que estes momentos están a esperar unha resposta por parte do Goberno e de Endesa", asegura Francisco Conde.

Reunión de Conde co comité de crise das Pontes. XUNTA
Reunión de Conde co comité de crise das Pontes. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta