A Xunta ve "certa relaxación" no Goberno central co Xacobeo 2021 e pide "colaboración real"

Román Rodríguez espera pedir proximamente unha reunión co ministro de Cultura e di que "oxalá" o AVE poida estar operativo para o Ano Santo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2020 | Actualizada ás 18:49

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, é consciente do papel "moi importante" que debe ter o Goberno central na planificación do Xacobeo 2021. Con todo, considera que "hai unha certa relaxación" no Executivo de Pedro Sánchez, polo que reclama "unha colaboración real e leal" coa Xunta.

"Porque o Camiño non é Galicia. Esa é a meta, pero transcorre por moitas comunidades, vertebra España de sur a norte e de leste a oeste, e entendemos que o Estado ten que facer unha aposta forte", expresou Rodríguez este domingo nunha entrevista concedida á Cadena Ser e recollida por Europa Press.

E é que, segundo as súas palabras, a Xunta expuxo no Consello Xacobeo -órgano estatal no que están representados o Goberno e as comunidades polas que transcorre o Camiño- un plan de rehabilitación de bens de interese cultural (BIC) e un plan nacional dos Camiños de Santiago. "Pero vemos que non están na axenda", lamentou o conselleiro.

Así, Román Rodríguez relatou que durante a súa visita a Fitur esta semana, en Madrid, tivo un breve encontro co novo ministro de Cultura, José Manuel Rodríguez Uribes, ao que espera pedirlle unha reunión proximamente para abordar os proxectos pendentes do Ano Santo.

"OXALÁ" O AVE EN 2021

Sobre a chegada do AVE a Galicia, o conselleiro de Cultura e Turismo dixo que "oxalá" se materialice xa para o 2021. "Esa era a data, pero tamén é certo que, despois dun ano dunha acción política práctica practicamente paralizada no Estado, non está a ser posible cumprir os prazos que estaban previstos", engadiu.

En calquera caso, sinalou que a posta a piques da alta velocidade para o Xacobeo -a Comisión Europea marca de máximo xaneiro do 2022, pero o Goberno español mantén a intención de que chegue antes- sería "un revulsivo e cambio importantísimo".

"Sitúanos moi preto dun mercado emisor tan potente como é Madrid", afirmou, non sen antes lembrar que o 2021 pode ser tamén o ano en que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

CULTURA E XACOBEO

Preguntado sobre as críticas da oposición, que considera que a súa Consellería fía toda a súa xestión á celebración do Xacobeo, Román Rodríguez pide que non "xeren unha confusión intencionada". Defendeu que o seu departamento está, por exemplo, "en plena reorganización" da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), que disporán duns novos estatutos.

Neste sentido, o conselleiro cre que "disociar o Xacobeo" doutras vertentes da cultura propia de Galicia "ten pouco sentido", xa que ten un carácter transversal. "A cultura galega ten un magnífico momento e non é que o diga eu, dio o público e dínnolo fóra. Ten un recoñecemento exterior importantísimo", asegurou.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, nunha entrevista para Cadea Ser.. CADEA SER
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, nunha entrevista para Cadea Ser.. CADEA SER | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta