Convócase o I Premio de Novela da Galicia Rural

O Concello de San Xoán de Río busca promover a visibilidade dos mundos da aldea e facer reflexionar sobre as súas problemáticas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2020 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Se escribes un relato sobre a vida da túa aldea, non o gardes nun caixón. Dende o concello ourensán de San Xoán de Río andan promovendo a convocatoria do primeiro Premio de Novela da Galicia Rural. As propostas, informan dende a alcaldía, deberán ser enviadas antes do 30 de xuño do 2020, e o ditame do xurado farase público no mes de setembro. 

Unha aldea de Viveiro
Unha aldea de Viveiro | Fonte: XdM

UN MUNDO RURAL VISIBLE

Segundo contan no concello, artellaron este concurso sendo conscientes dos "grandes retos" que debe afrontar a Galicia de hoxe en día, sobre todo, no eido rural. Cómpre procurar alternativas para o desenvolvemento das aldeas para "garantir o seu futuro e a adecuación ás novas realidades do século XXI, sen que isto derive na perda da súa identidade, tradicións e cultura". Tamén co foco posto no coidado da lingua galega e na promoción de actividades culturais, San Xoán de Río presenta este premio co obxectivo de "promover a visibilidade do mundo rural" e facer "reflexionar sobre as súas problemáticas, posibilidades e retos presentes e futuros" a través da creación literaria.

Na posta en marcha do proxecto, o Concello contou co apoio e patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a colaboración da Editorial Galaxia. Explican que se trata dunha convocatoria dirixida tanto a autores e autoras xa consagrados como a novos

talentos da nosa literatura que, coas súas novelas, queiran contribuír a "poñer en contacto os lectores do presente, do pasado e do futuro".

 

BASES DO CONCURSO

 

Nas bases do concurso recóllese que o texto debe ser orixinal e inédito, non publicado en ningún outro medio, e que debe estar escrito en galego. As obras terán unha extensión mínima de 100 páxinas e entregaranse seis copias en papel. O agasallo consistirá na edición da obra por parte da Editorial Galaxia, unha contía en metálico de 1.000€ e a entrega dun diploma acreditativo, que será entregado nun acto público organizado polo Concello de San Xoán de Río e ao que se compromete a asistir a persoa galardoada. 

 

Con todo, se o xurado, pertencente ao ámbito da cultura, considera que as obras non reúnen a calidade necesaria ou non cumpren cos obxectivos da convocatoria, o premio poderá quedar deserto. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta