Netflix, Movistar +, HBO... As grandes plataformas ábrenlle portas ao audiovisual galego

Estas plataformas apostan por formatos creados en Galicia e financiados mediante axudas á coprodución internacional. A produtora Portocabo explora un novo nicho coa serie Auga Seca, un thriller transfronteirizo Galicia-Portugal. Falamos con Alfonso Branco, da produtora, para entender os puntos clave deste fenómeno.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 07/02/2020 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

O xeito de consumir ficción audiovisual cambiou radicalmente nos últimos catro ou cinco anos. Agora plataformas dixitais serven series para consumir cando, como e onde guste o público. A emisión a unha hora fixa un día fíxo da semana, está superada pola oferta case inesgotables das xa mencionadas plataformas dixitais. E isto último, segundo algúns profesionais do sector, permitiu a circulación de series en diferentes idiomas que teñen triunfado máis alá do marco xeográfico ao que estarían restrinxidas. Un caso é O sabor das margaridas, unha aposta de Netflix en galego que tivo uns excelentes resultados entre o público doutras nacionalidades.

Fotograma de 'O que arde'
Fotograma de 'O que arde'

COPRODUCIÓNS

Os premios a O que arde de Óliver Laxe e á actriz Benedicta Sánchez, protagonista do filme, non foron os únicos que lle caeron á produción audiovisual galega. A serie Hierro levou premios Ondas, Iris e o Feroz, un fito para unha serie producida en Galicia, aínda que ambientada en Canarias. Por outra parte, a colaboración transfronteiriza permitiu a creación da serie Auga Seca, unha coprodución entre Galicia e  Portugal. Aínda que si leva subvencións galegas, tamén é necesario dicir que a UE puxo parte do orzamento como apoio a iniciativas transnacionais como esta.

Auga Seca para nós é un paso cara adiante, cunha liña de traballo que puxemos en marcha hai xa uns anos que era facer coprodución internacional” di Alfonso Branco, director xeral de Portocabo. A idea era que os contidos puidense transcender Galicia con creacións que tamén gusten aquí porque son produtos feitos con talento galego. “A idea desde o comezo foi buscar socios fóra, neste caso foi RTP en Portugal e SPI unha das produtoras de Portugal e tamén o apoio dunha distribuidora británica DCD Rights”.

As colaboracións transfronteirizas, unha teima tamén da UE hai que dicilo, non eran moi habituais hai menos dun lustro. Coa chegada de coproducións entre países escandinavos, outros tentaron facer o mesmo, sobre todo con aqueles cos que compartillaban trazos culturais.  Hai dez anos este tipo de colaboracións entre diferentes audiovisuais sería imposible, di Branco. “mais vimos un cambio de paradigma con Vidago Palace, tiñamos un distribuidor francés, houbo boas vendas en Estados Unidos, e isto hai catro anos”. Despois desenvolveron Hierro, “que foi para nós a gran coprodución con Francia, logo Auga Seca, e digamos que nos temos especializado na coprodución internacional”.

Poster da serie Auga Seca
Poster da serie Auga Seca | Fonte: Portocabo

O PÚBLICO BUSCA A COMODIDADE

O modelo de consumir ficción mudo, principalmente grazas ás plataformas (NETFLIX, HBO e MOVISTAR) fixo que os contidos de calquera procedencia circulasen arredor do mundo. Así, o público do sur de Europa e de EE UU afíxose a ver series nórdicas baixo o modelo de coprodución.  “Esta facilidade do consumo posibilitou algo que levamos pelexando desde hai tempo que é coproducir para permitir a circulación de contidos e talento” describe Alfonso Branco.

Agora a pregunta é se todos os xéneros poden ser “exportables”? “En liñas xerais si, o thriller ou o drama histórico viaxan mellor que a comedia”. Non obstante, pouco a pouco as barreiras vanse eliminando, mais o que mellor viaxa é o policíaco, mesmo con compoñentes locais moi fortes, un exemplo son os thriller nórdicos xa mencionados. O consumo de comedia pola contra, é difícil de medir, “cando producín Mareas Vivas pensei que sería un éxito mundial mais non foi así, tamén é certo que estabamos menos preparados”. Outro caso foi o formato Lucy para a TVG, que viaxou algo, “mais o que nos pedían eran os dereitos do remake e non emitila tal cal”.

LINGUA E NEGOCIO, COMPATIBLES?

O complexo de inferioridade a respecto da lingua, ou a simple visión negativa de crear produtos en galego para a súa exportación, era unha quimera cando menos. En Auga Seca traballouse de “maneira natural” en galego a maioría da rodaxe, “cando están só os portugueses só falan en portugués e cando están galegos e portugueses falan como cando falas con alguén con quen te podes entender mais fas un esforzo”.

A serie gravouse dunha maneira “naturalista que para a histora era importante, a protagonista é unha moza portuguesa que acaba en Vigo” sinala Alfonso Branco. A protagonista falaba galego porque estudara aquí cando era nova. “Preguntamos á Policía Nacional como facían cando ían a Portugal e dixeron “coma vós, facemos por entendernos””. O que si apunta Branco é que “noutros territorios emitirán con subtítulos e para outros lugares irá dobrado”. Por tanto, o idioma para a produción audiovisual non é un impedimento. “Fixemos unha en portugués, outra en galego, outra en castelán de Canarias e agora estamos cunha coprodución de varias nacionalidades”.

Os orzamentos para este tipo de traballos son moi laboriosos, con achegas das canles de TV implicadas, con axudas públicas, privadas e investidores. Branco insiste en que este modelo é acaído para territorios pequenos. Así Auga Seca é a serie de prime time en coprodución das máis caras de Galicia, con numerosas liñas de finanzamento”.

Todo este investimento podería crear unha liña de traballo que nalgún momento chegase a competir con Madrid ou Barcelona, os dous grandes centros de exportación audiovisual no Estado. “Desde aquí sería imposible competir, por iso queremos facer contidos para TVG e teles nacionais liderado desde aquí” di Branco. Eses contidos serían produto da cooperación e coprodución. “Isto fainos ben, obrígaste a que teña que gustar en Galicia e Portugal, por exemplo”. Para o director xeral de Portocabo, o audiovisual non é só cultura “tamén unha industria potente, Vacafilms, CTV, Portocabo, estamos producindo para fóra, creando negocio e cunhas axudas máis baixas que outros sectores, a cultura está infraapoiada”.

Por último, está a canteira de actores, actrices, persoal técnico que hai en Galicia, e que sería bo saber se se explota na súa xusta medida. “O talento para a poboación que temos é enorme, comparados con outras rexións, non teñen o 10% do que temos nós”.  Para Branco “hai que agradecer a TVG que apostara pola ficción, a canteira do audiovisual galego foi o feito aquí en galego, anos de pico e pá con orzamentos axustados”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta