Que calan a Xunta e Sacyr detrás das balsas de San Finx?

O relatorio da ONU para os Dereitos Humanos alerta que as autoridades galegas “obstruíron o acceso a información ambiental crítica”, sobre as balsas da mina de San Finx. A interpelación facíase logo que asociacións cidadás presentasen queixas por falta de transparencia ante organismos internacionais. Tanto as autoridades galegas como a empresa responsable, Sacyr-Valoriza, non responden.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 05/02/2020 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

A plataforma Contraminacción anunciaba que a Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, manifestaba no seu relatorio sobre España, a necesidade de cumprir "o respecto dos dereitos ambientais mediante a supervisión e a restauración adecuadas das instalacións que requiran atención urxente, en particular as presas de estériles mineiros abandonadas".

Muro contención balsa San Finx
Muro contención balsa San Finx | Fonte: Contraminacción

Entendía así Contraminacción, que o organismo internacional consideraba unha situación de risco para as persoas e o medio ambiente o estado da almacenaxe de residuos sólidos e líquidos de explotacións mineiras. Ditas almacenaxes, de non estaren supervisadas debidamente, poden ser causa de estragos medioambientais, como xa ocorrera en 1960 en San Finx. Por outra parte, nese mesmo documento a mención á falta de transparencia informativa por parte das autoridades públicas galegas xerou, para o organismo internacional, unha obstrucción ao “acceso a información ambiental crítica” sobre o estado das balsas en San Finx.

FALTA DE TRANSPARENCIA

Contraminacción lembraba nun comunicado emitido o pasado 28 de xaneiro, que o Alto Comisionado da ONU fixera mención no seu relatorio a unha investigación diante do Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus, dependente das Nacións Unidas. A mención a este punto baséase na correspondente queixa de colectivos sociais fronte á falta do que vían “falta de transparencia” por parte das autoridades galegas.

“Presentáranse queixas porque non era posible acceder á información sobre as balsas, e iso que existe un inventario estatal” din desde Contraminacción. Ante a dificultade de acceso aos informes, pediuse a investigación ao Comité Aarhus.

Muro contención balsa San Finx
Muro contención balsa San Finx | Fonte: Contraminacción

O parágrafo que sinala a necesidade de cumprimento das medidas medioambientais sinala que  “Center  for Global  Nonkilling (CGNK) recomendou que se garantise o respecto dos dereitos ambientais mediante a supervisión e a restauración adecuadas das instalacións que requirían atención urxente, en particular as presas de estériles das minas abandonadas”. Desta maneira foron dous os incumprimentos por parte das autoridades e propietarios da mina. Falta de transparencia e falta de supervisión.

POSIBILIDADE DE ROTURA NAS BALSAS

A actividade volveu a San Finx entre 2016 e 2017 como sinala Contraminacción, que engade que empresa actuante, Tungsten San Finx S.L., vinculada ao grupo Sacyr, buscaba baleirar a auga das galerías excavadas mediante a súa vertedura ao río San Finx. Augas de Galicia non autorizou a manobra mentres pedía un plan de tratamento de augas. Contraminacción sinala que actualmente as obras de baleirado están paralizadas.

Non obstante, o actual estado que presentan as estruturas de contención das balsas preocupan seriamente a colectivos e veciños. Nalgúns casos as paredes presentan fendas polas que escapa líquido de cor ferruxinosa. Estas fendas verten cara o río coa consecuente polución das augas. Steven Emerman, consultor de minaría, sinalara xa o risco en 2019, cando avisou da licuación que estaba afectando á estrutura e á resistencia dos muros de contención.

“A rotura das balsas traería a contaminación de todo o río San Finx ata a desembocadura na ría de Noia, e a ría podería quedar contaminada por décadas” din en Contraminacción. O percorrido dunha hipotética vertedura serían oito quilómetros que tamén afectarían a outras correntes de auga que se unen ao San Finx. Actualmente os compoñentes que circulan desde as balsas son metais pesados, cadmio, zinc e cobre.

Ante unha posibilidade así, pedíuselle á empresa concesionaria, que presentase un aval que permitise cubrir os gastos ocasionados por unha vertedura incontrolada. “A cantidade que puxo como aval foi de 168.000 euros para riscos, cousa que vemos insuficiente”. Para as plataformas cívicas contrarias ás balsas, unha catástrofe así “é incuantificable”.

A posibilidade de rotura e posterior vertedura incontrolada de metais pesados, augas residuais e sólidos estérilies, foi motivo dunha proposición non de lei presentada polo grupo parlamentario PSdeG-PSOE. No documento as deputadas asinantes, Patricia Vilán, María Dolores Toja, Raúl Fernández, María Luisa Pierres e o daquela portavoz do grupo, Xoaquín Fernández Leiceaga, apuntaban que en xaneiro de 2017 o rego de San Finx "baixou tinguido de laranxa. Augas de Galicia realizou inspeccións e análises, concluíndo que, augas arriba da explotación mineira os regos baixan limpos". Non obstante, o organismo público puido comprobar que augas abaixo,
"hai altas concentracións de metais pesados e tóxicos". Como exemplo, "os datos de cadmio amosan unha multiplicación por 28 dos máximos permitidos" polas normas de calidade ambiental.

Galicia Confidencial  púxose en contacto con Valoriza, mais os seus números na nosa comunidade están “apagados ou fóra de cobertura”. Sacyr remitiu a Valoriza Madrid, quen desde o seu gabinete de prensa falaron de responder aos emails enviados desde GC. Aínda non hai resposta. Tamén se contactou coa Consellería de Economía con senllos emails e chamadas telefónicas sen ter de momento respostas. Contactouse coa alcaldesa de Lousame, termo municipal onde se sitúan as balsas, mais desde o Concello alegaron que estaba reunida cada vez que se chamaba.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Moine

A seguir votando PP. Nengum povo é inocente da sua história.

1 Sentidiño

Os que votan pp non len GC, e @s do autoodio tampouco deberan... (só tes un argumento?).