O PP rexeita que o Igape adiante os salarios dos traballadores de empresas en procesos concursais

Os socialistas denuncian que o Igape "deixou sen executar" un total de 146 millóns de euros entre 2016 e 2018.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2020 | Actualizada ás 20:03

Comparte esta noticia

O PPdeG tombou unha iniciativa parlamentaria presentada por En Marea na que propuñan que a Xunta, a través do Igape, afrontase os salarios dos traballadores de empresas que se atopen inmersas en procesos concursais.

Na defensa da proposición non de lei debatida este mércores no pleno da Cámara galega e que contou co apoio dos grupos da oposición, o portavoz do grupo mixto e líder de En Marea, Luís Villares, explicou que a medida "axudaría a paliar situacións descarnadas".

Ademais, esgrimiu que o mecanismo proposto suporía "pouco custo" para a Xunta porque "só" tería que facer fronte aos intereses, xa que recuperaría o diñeiro desembolsado unha vez finalizase o proceso concursal da empresa.

Con todo, a deputada do PP Sandra Vázquez defendeu que xa existen mecanismos de "apoio" tanto ás empresas en situacións concursais como aos seus empregados.

INVESTIMENTO DO IGAPE

A presentada por En Marea non foi a única proposición non de lei sobre o Igape debatida este mércores na Cámara galega. Así, nunha iniciativa que tampouco saíu adiante pola postura contraria do PP, o Partido Socialista denunciou que o Igape "deixase sen executar ata 146 millóns de euros, a metade dos gastos previstos entre 2016 e 2018".

A deputada Begoña Rodríguez Rumbo lamentou a "xestión ineficiente" deste instituto dependente da Consellería de Economía da Xunta, á que pediu que "execute os orzamentos na súa totalidade".

"A Xunta fai que fai, parece que vai facer para despois non facer nada", asegurou a parlamentaria socialista, que censurou que o PP "presuma dun incremento orzamentario que despois non gasta".

Precisamente a execución da totalidade do orzamento do Igape era unha das cuestións solicitadas na iniciativa dos socialistas, que tamén reclamaban a posta en marcha de novas estratexias tanto en internacionalización das empresas galegas como en investimentos.

Durante o debate, Sandra Vázquez (PPdeG) acusou os socialistas de menosprezar a traxectoria do Igape, que nos seus 25 anos de vida, di, destinou "14.000 millóns de euros que deron apoio a 80.000 empresas".

Así, defendeu que o traballo do Igape está "avalado" por "os resultados positivos" obtidos. "Non conten con este grupo para prexudicar aos proxectos dos emprendedores, as pemes e a industria", aseverou a deputada popular.

O director do Igape, Juan Cividanes. XUNTA
O director do Igape, Juan Cividanes. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta