A Xunta realizará unha intervención de mellora paisaxística na cima do Monte do Gozo para o Xacobeo

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2020 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia realizará unha intervención de mellora paisaxística na cima do Monte do Gozo, en Santiago, que complementará as obras xa realizadas e as que se atopan en execución de cara ao próximo Xacobeo 2021.

Peregrinos do Camiño de Santiago
Peregrinos do Camiño de Santiago | Fonte: Europa Press.

Trátase dunha actuación complementaria ás desenvolvidas nos últimos anos pola Consellería de Cultura para a rehabilitación integral do complexo do Monte do Gozo, que permitiron levar a cabo importantes actuacións de mellora no auditorio, nos pavillóns, na contorna ou nos servizos, recuperando a funcionalidade deste espazo.

Esta nova intervención prevista no Monte do Gozo servirá tamén de complemento ás obras que, no marco da estratexia de mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago en Compostela, está a desenvolver a Axencia Galega de Infraestruturas entre a capela de San Marcos e San Lázaro, cun investimento de 1,75 millóns de euros.

As obras que se están executando "mellorarán a experiencia do peregrino" e do visitante ao chegar ao lugar emblemático do Monte do Gozo, xa descrito no Códice Calixtino como o primeiro punto desde o que se divisan as torres da Catedral de Santiago. Esta vista quedou oculta durante anos por un bosque de eucaliptos no que se actuou hai varios meses, recuperando a perspectiva orixinal.

A actuación prevé unha intervención no complexo escultórico de conmemoración da visita do Papa Xoán Paulo II a Compostela en 1993, cuxa estrutura interna se atopa moi deteriorada. Considérase necesario acometer sobre a mesma unha actuación urxente, na que se avaliarán alternativas para pór en valor os elementos artísticos esenciais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta