Verín aposta por un entroido de rúa cheo de música

Catorce charangas, once orquestras, catro discomóbiles e a banda de gaitas municipal marcarán o ritmo do entroido 2020. As actividades festivas comezarán o 13 de febreiro e rematarán o 1 de marzo.

Por X.M. Fernández | Verín | 04/02/2020 | Actualizada ás 09:40

Comparte esta noticia

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e a concelleira de Educación, Cultura e Festexos, Emilia Somoza, presentaron o pasado 31 de xaneiro no Salón de Actos da Casa da Cultura a programación oficial do Entroido 2020, que este ano potencia o festa popular na rúa coa contratación dun maior número de charangas que en anteriores edicións.

Presentación do programa de Entroido 2020. Foto: Prensa Concello de Verín
Presentación do programa de Entroido 2020. Foto: Prensa Concello de Verín

As actividades festivas comezarán o vindeiro 13 de febreiro co xoves de  compadres e rematará o 1 de marzo co domingo de  piñata. A concelleira de cultura e festexos, Emilia Somoza, destacou o carácter continuista da programación destes festexos e lembrou que o premio de Gadis fará posible máis investimento no entroido: “desde o grupo de goberno mantémonos firmes na potenciación e valorización do que consideramos que e a esencia e a identidade da nosa celebración: o entroido popular  na rúa, por iso decidimos investir o premio do concurso ‘O Mellor Entroido de Galicia’ outorgado por Gadis en aumentar o número de charangas, pasando de nove o ano pasado a catroce este ano”.  

Unha das novidades deste ano, na liña de apostar pola música de rúa, é a creación dun “circuíto de charangas” que facilitará aos visitantes a localización do ambiente de festa polas rúas  da vila en todo momento, e que estará en funcionamento o sábado 24 e domingo 25, entre as 19:00 e as 22:30 horas.

O alcalde, Gerardo Seoane, explicou que o orzamento para esta edición roldará os 150.000 euros e informou da orixe dos recursos que financiarán unha das maiores festas do ano para Verín. Neste senso, comentou que “o Importe total está conformado polos fondos propios do concello, as achegas dos negocios da vila e por subvencións de diferentes administracións públicas e privadas. Este ano  temos que sumarlle o orzamento os 30.000 euros do premio ao ‘Mellor Entroido de Galicia’ outorgado por Gadis ao Entroido de Verín”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta