Temas: FRASEOLOXíA

“A rastro”, equivalente ó castelán “a rastras”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 09/02/2020 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

En castelán, para dar a entender que alguén ou algo se despraza arrastrándose polo chan, ou que é levado ou traído dese mesmo xeito, adóitase empregar a locución a rastras, locución que hoxe en día xa non resulta tan raro escoitar en boca de xente galegofalante invadindo o espazo da que é realmente nosa: a rastro.

Remolcan ata A Coruña a un arrastreiro á deriva GARDA CIVIL
Remolcan ata A Coruña a un arrastreiro á deriva GARDA CIVIL

Trátase, amais, dunha locución que tamén se emprega, basicamente con verbos de movemento do tipo de ir, vir, levar, traer ou semellantes, para indicar que ou ben o axente da acción (nos casos dos verbos intransitivos, coma ir ou vir), ou ben o obxecto paciente da mesma (nos casos dos verbos transitivos, coma levar ou traer), realiza a dita acción, ou a sofre, a contragusto, de mal grado ou de mala gana.

A rastras

{= 1. Arrastrándose, ou arrastrando, polo chan. 2. (Basicamente con verbos de movemento do tipo de ir, vir, levar, traer ou semellantes, e indicando, no caso dos que son intransitivos, o xeito de realizar a acción, ou ben, no caso dos que son transitivos, o xeito de a sufrir) A contragusto, á forza ou de mala gana.}

A rastro

Ex. (1): El asesino debió de llevar el cuerpo a rastras unos doscientos metros, y lo escondió tras aquellos zarzales.

O asasino debeu de levar o corpo a rastro uns douscentos metros, e agachouno tras daquelas silveiras.

Ex. (2): Ha venido a rastras, pero al fin y al cabo ha venido, que es lo que interesa.

Veu a rastro, pero ó cabo e á conta, veu, que é o que interesa.

● Tamén, nalgúns contextos relacionados coa segunda “acepción”, para indicar que se leva ou trae a alguén a onde se quere e contra a súa vontade:

Llevar # Traer a alguien por los cabezones && Llevar # Traer a alguien del cabestro

Levar # Traer a alguén (agarrado) polas/das orellas && Levar # Traer a alguén (amarrado) polo/do cabestro # pola/da corda # pola/da trela # pola/da trenla

NOTAS:

1. Para a segunda das “acepcións” resulta moi habitual en galego a utilización das expresións que veremos nos dous próximos artigos, correspondentes ás locucións castelás a disgusto e a regañadientes.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Aurelita

Polo Morrazo, é común a forma "de a rastro", igual que existe o par "a cabalo"/"de a cabalo".

1 xoseant.pena

Ok, descoñecíao. E resulta moi interesante. Graciñas pola información.