Losada ve a Feijóo "hiperventilado" polo "final de ciclo" político e recoméndalle "soprar nunha bolsa"

Sobre a hipotética data das eleccións autonómicas, o delegado do Goberno chanceou con que tería que consultar co "oráculo", aínda que cre que ao líder do PP lle quedan "sete domingos nada máis" para tomar unha decisión.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2020 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, referiuse este xoves ás críticas reiteradas desde as filas populares ao Executivo central e, en concreto, desde a Xunta. O representante estatal ironizou cos reproches pola suposta pola falta de implicación no Xacobeo ou a débeda do IVE coas comunidades autónomas, e considerou que a xente, en alusión a Alberto Núñez Feijóo está "un pouco hiperventilada" ante este momento de "fin de ciclo" político.

Losada negou, neste sentido, a falta de implicación do Goberno central con Galicia e especialmente co Ano Santo 2021 e asegurou que Feijóo sabe que existe unha "total colaboración", tanto desde Turespaña, como desde Fomento e Cultura e na "seguridade" do Camiño de Santiago.

"Eu creo que é unha situación que se ve non só nisto -as críticas polo Xacobeo-, senón noutras facetas da vida política. Que estamos nun final de ciclo e está a xerar un grao de excesiva hiperventilación", sinalou, a preguntas dos medios durante unha visita ás actuacións de reforma na Catedral de Santiago de Compostela, atribuíndo a tensión existente como propia do "nerviosismo por esta etapa preelectoral". "Imos deixalo aí", engadiu.

No entanto, o delegado do Goberno foi máis aló ante a insistencia dos medios polas críticas populares ao Executivo dirixido por Pedro Sánchez e chanceou con que a Feijóo e aos seus compañeiros de filas lles viría ben "respirar nunha bolsa" para reducir o nerviosismo no que están inmersos pola próxima cita electoral autonómica.

"Está a xente un pouco hiperventilada. Sabe o que hai que facer cando un está hiperventilado? Soprar nunha bolsa para que baixe o CO2 ao seu nivel adecuado, porque un dos problemas que hai cando un está hiperventilado é que o CO2 baixa moito, baixa moito, rechúmese o cerebro, e non se pensa ben", ironizou.

"SETE DOMINGOS"

Neste sentido sobre a hipotética data das eleccións autonómicas, Losada chanceou con que tería que consultar co "oráculo", aínda que cre que ao líder do PP lle quedan "sete domingos nada máis" para tomar unha decisión, sempre desde "a súa competencia". "Hai sete domingos, se fan a quiniela seguro que acertan. Quedan poucos, deles a maioría caen na primavera...", engadiu.

Feijóo, ata agora, apostou por traballar "con independencia do ruído e os comentarios" e asegurou "non estar preocupado" polo calendario electoral, ao ser preguntado este mércores sobre se prevé compasar as eleccións autonómicas ás do País Vasco, cuxo lehendakari, Iñigo Urkullu, sopesa un adianto.

O delegado do Goberno, Javier Losada, intervén ante a prensa en Santiago de Compostela. DELEGACIÓN DO GOBERNO
O delegado do Goberno, Javier Losada, intervén ante a prensa en Santiago de Compostela. DELEGACIÓN DO GOBERNO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta