Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2020 | Actualizada ás 19:32
Cobre San Rafael, a empresa promotora do proxecto da mina de Touro, asegurou que acata a resolución da Xunta de Galicia sobre a Declaración de Impacto Ambiental publicada este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) e considera que "non conseguiu transmitir a todos os departamentos a solidez da súa argumentación técnica".
A empresa sinala que estudará o informe emitido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para decidir as súas accións de futuro.
A entidade destaca que se envorcou durante o últimos catro anos en construír un "proxecto sólido" que dese resposta a todos os organismos implicados na reapertura da explotación de cobre na área mineira de Touro e O Pino.
Cobre San Rafael sinalou que pechou 2019 cun investimento acumulado de 7,5 millóns de euros destinados a labores de investigación, desenvolvemento e innovación. Tarefas nas que colaboraron investigadores das universidades públicas galegas de diferentes ámbitos e outros organismos científicos e consultorías galegas e internacionais de primeiro nivel.
Ademais, agradeceu o traballo e implicación dos seus colaboradores, expertos e investigadores que, segundo indicou, puxeron "todo o seu coñecemento e ilusión" na reapertura da explotación, así como "o apoio da maioría dos veciños de Touro e O Pino que vían no proxecto unha oportunidade de futuro para a comarca".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.