Ángel Mato: "Ferrol é moi complexa. Hai quen maltrata a figuras tan importantes como Concepción Arenal ou Carvalho Calero"

O alcalde de Ferrol non entende porque dúas das figuras máis importantes da súa cidade acabaron sendo motivo de liorta política polo simple feito de propor que levaran o nome de prazas da cidade. Recoñece a dificultade de gobernar unha urbe que é obreira e militar, vermella e azul case que a partes iguais e que sufriu como poucas a dura represión franquista con numerosos fusilamentos, entre eles, o do alcalde republicano Jaime Quintanilla. Nesta entrevista fala do potencial naval de Ferrol, dos seus problemas e, sobre todo, da ilusión que ten por facer da súa cidade un novo polo industrial.

Por Xurxo Salgado | Ferrol | 13/02/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Ángel Mato, 49 anos e máis de media vida adicada á política. Comezou ben novo e madurou como secretario local do PSOE ferrolán na época na que o enxeñeiro Amable Dopico se presentou a acalde no 2003. Este enxeñeiro químico, especializado en xestión medioambiental, traballou en Abengoa e foi concelleiro de Urbanismo con Vicente Irisarri como alcalde e logo, senador desde 2016 a 2019.

Ángel Mato
Ángel Mato | Fonte: PSOE Ferrol

Desde que colleu o bastón de mando da cidade, con oito concelleiros fronte aos 12 do PPdeG, estivo facendo malabarismos políticos e tecendo difíciles acordos con Ferrol en Común e o BNG. De feito, aínda non foi quen de aprobar os seus primeiros orzamentos. "E que como alcalde un ten que ser alcalde de todos e é preferible deixar a un lado o partidismo e poñerte á fronte da cidade", argumenta.

Tamén recoñece a crise que vive a cidade, con 30.000 persoas menos, pero tamén é optimista. É un gran apaixoado e coñecedor do sector naval --o seu pai traballou en Navantia 42 anos-- e ve neste serctor e no das renovables un futuro polo industrial para vitalizar a urbe. Descarta problemas internos no seu partido, pero evita falar de "pacificación" interna. "Está ben de saúde", di.

Levas xa oito meses no goberno. Semella que moi doados non están sendo cun goberno en minoria, non?

Os gobernos nunca son fáciles pero como dixen xa durante a campaña eu tiña claro que as prioridades das cidades están identificadas pero é certo que teño que facer é un pequeno esforzo co resto dos grupos para ir sacando as cousas adiante. Creo que nestes meses abordamos os problemas estruturais que temos na casa, cun recorte brutal de persoal e unha administración parada. Por iso é necesario facer máis investimento público nesta cidade e que os problemas do día a día, especialmente os servizos públicos, funcionen perfectamente. E a iso nos temos adicado nos últimos meses...

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato | Fonte: EP

Queres dicir que o goberno anterior tiña isto feito un cristo?

O goberno anterior tivo unha situación difícil pola mesma situación. Tamén había moito enfrontamento entre os distintos grupos e o que tratamos de normalizar é a vida pública. Por iso eu, nestes meses, tentei asumir o papel institucional que me toca porque quen é alcalde ten que ser alcalde de todos e é preferible deixar a un lado o partidismo e poñerte á fronte da cidade. E Ferrol é un sitio complicado, polas distintas administracións implicadas; a Universidade, o Porto, a Xunta, a Armada... E tentar chegar a todas estas institucións e ter unha interlocución con elas é vital para que a cidade vaia arrincando.

E como está arrincando a cidade entón?

Pois como che dicía o que quero é que teña os mellores servizos públicos posibles. E, por iso, abordamos dúas cuestións fundamentais como é o remate do saneamento da ría que se está agora a executar e, logo, poñernos a disposición da Consellería de Sanidade para empezar xa o plan director no centro hospitalario. E por iso houbo que facer un esforzo de interlocución porque eran inversións importantes e queriamos que saíran adiante. Tamén é certo que recollemos obras que nos interesaban do goberno anterior para sacalas adiante, como a reforma de Praza de Armas, e tamén co Mercado de Caranza ou a pasarela que une os barrios do Inferniño e Santa Mariña.

Xustamente por iso di Ferrol en Común que son obras que vós estades executando pero que xa deixaran eles listas...

Si, efectivamente. É así. Pero iso pasa sempre que hai un cambio de goberno. Eu teño que determinar que proxectos do goberno anterior coinciden coa idea de cidade que nós temos e a Praza de Armas tiña un proxecto sen curso e por iso tivo algunha modificación. Pero o importante é que dinamice o centro que é do que se trata.

PRIMEIROS ORZAMENTOS

E tes agora enriba da mesa un tema complicado como son os orzamentos. Son os teus primeiros orzamentos e os grupos din que hai falta de diálogo pola túa banda...

Estes orzamentos van ser tremendamente ambiciosos para tentar revertir a situación dos últimos anos. Por iso apostamos por moito máis investimento e aumento de partidas.

E a que están destinadas?

Pois a investilas na cidade...

Pero, onde?. En infraestruturas, en asuntos sociais?...

En todos os ámbitos. No ámbito social imos ter un incremento moi notable. Tamén no que ten que ver cos servizos públicos e resolver os contratos de limpeza, mantemento de xardíns, mantemento da zona rural limpa e despois os investimentos públicos que van dirixidos a recuperar o casco histórico que está moi degradado. A miña principal aposta é recuperar o gran patrimonio histórico que temos. Creo que non é o momento de xerar chan residencial, senón rehabilitar e recuperar cascos históricos. E queremos que Ferrol Vello e o barrio de Recimil volvan ser barrios vivos da cidade.

 

"Queremos que Ferrol Vello e o barrio de Recimil volvan ser barrios vivos da cidade"

Pareceme importante isto que apuntas porque algo que se lle critica a Ferrol nos últimos anos é a súa decadencia, o seu abandono total e pouca vida que hai no seu casco vello cunha chea de negocios pechados. Hai posibilidades de reverter iso?

Hai que facer un diagnostico tentando ser positivo. É certo que Ferrol tivo case 30.000 persoas máis das que ten hoxe.  Para unha cidade perder esta poboación non é sinxelo. E isto ten varias razóns e unha delas foi a crise que foi un caldo de cultivo para a emigración por falta de traballo. Por iso, temos pensado investir en programas de emprego. Tamén temos que mellorar as infraestruturas, cunha AP-9 con elevadas peaxes e déficits ferroviarios importantes. E logo tamén hai que ter en conta que a Xunta non fixo os investimentos públicos nesta cidade que eran necesarios, sobre todo, porque comeza a ser unha cidade envellecida e temos que dispor de servizos de calidade para esta xente maior. E tamén estamos abandonados en materia de infraestruturas deportivas cando Ferrol sempre foi unha potencia deportiva dentro da provincia da Coruña. Finalmente está recuperar a centralidade de Ferrol como cabeceira de comarca en relación cos concellos da comarca.

"POTENCIA NAVAL"

Falas de algo importante e é que para que unha cidade teña vida e sexa dinámica fai falla xente moza e, polo tanto, ter traballo para eles. E aquí o naval foi sempre un motor económico. Qué pasa con este sector sendo como foi Ferrol o centro naval do Estado?. Hai posibilidade de reverter a actual situación?

Eu penso que Ferrol segue sendo un referente no mundo naval. Basta con ver como foi o desenvolvemento das Fragatas F-100 e tamén estase acabando a construción de dous buques loxísticos para Australia e no ámbito civil en Fene estanse facendo a totalidade dos soportes flotantes para a eólica mariña das grandes multinacionais mundiais. Hai un mercado no que somos competitivos, como é o de buques militares.

Xa, pero agora non hai xa ningún novo encargo...

É certo. En grada non temos ningunha nova encarga a curto prazo. Pero facemos enxeñería de barcos en Turquía e temos proxectos na India, facemos propostas para Noruega, Canadá e EE.UU. Creo que hai frontes abertos nos que Navantia segue sendo un dos astaleiros de carácter militar máis importantes do mundo. E nisto ten que ver moito o Plan Industrial de Navantia aprobado hai un ano e medio que, xunto co das fragatas F-100, eu penso que haberá un repunte importante do sector. Temos 600 novas prazas de traballo e por iso creo que volveremos ser, novamente, ese motor industrial e naval que sempre fomos.

Véxote moi optimista con isto a pesar do proteccionismo que se están impoñendo en moitos países...

Poi si. Mira unha cousa, o meu pai traballou en Navantia 42 anos. Nos 70, Navantia fabricaba barcos con planos americanos e agora mesmo, con tecnoloxía e planos españois, estamos competindo para fabricar barcos para a Mariña dos EE.UU. En 40 anos cambio o círculo. Agora somos nós os que coa nosa tecnoloxía lle vendemos a eles. 

Xa, pero por moita tecnoloxía que haxa se non veñen os pedidos, estamos no mesmo...

Pero agora mesmo estamos traballando en distintas propostas de varios países. Hai posibilidades con Arabia Saudí que está demandando corbetas e logo están as fragatas f-100.

"Ferrol ten que ser un polo industrial da enerxía renovable"

Pero moitos deses pedidos van para Cartaxena...

Unha fragata é o navío máis tecnolóxicamente completo dos que se están facendo na actualidade, quitando os submarinos. E agora mesmo estamos traballando con novos paquetes tecnolóxicos que está a xerar algún emprego e actividade arredor dos astaleiros e temos que prepararnos para a modernización dos propios astaleiros. E nese Plan Industrial para Navantia xa se teñen recollidas varias propostas por máis de 650 millóns de euros, incluída a construción dun dique cuberto. Pero para afianzar este sector tamén temos que potenciar a construción civil ligada á industria das enerxías renovables como os novos parques eólicos mariños que xa nos están encargando. Coa universidade, a Xunta e os distintos ministerios, Ferrol ten que ser un polo industrial da enerxía renovable.  Temos as empresas, o tecido industrial, os clientes e as instalacións e iso hai que aproveitalo. Por iso, o que fai falla é que todas as administracións se poñan de acordo.

Pero falas de poñerse de acordo e eu o que vexo nos últimos anos é todo o contrario. Non hai ningún tipo de unión para impulsar ese polo industrial en Ferrol

Para iso estamos as administracións públicos e alcaldes e alcaldesas traballando con sindicatos e empresarios para facer unha plataforma común e...

Pero ti cres, perdoa que che interrompa, que agora que hai un goberno amigo e unha ministra de Ferrol isto vai a axudar?

Sempre é importante que haxa alguén de Ferrol en postos importantes e con esas responsabilidades porque moitas veces estamos lonxe dos centros de decisión. En Galicia estamos lonxe de Santiago, en España, lonxe de Madrid e na UE, lonxe de Bruxelas. Por iso é importante que teñan coñecemento de primeira man do tecido produtivo que temos e que Ferrol, xunto con Vigo, é a segunda área industrial máis importante de Galicia e, polo tanto, hai que facer unha aposta clara para reverter a situación dos últimos anos. Galicia non pode pasar de ser un polo industrial a vivir dos servizos.

FERROL, PORTO DA DEFENSA DA UE

Pero iso é o que semella que está pasando coa crise do naval, o peche das Pontes, de Alcoa, Ferroatlántica e tanta industria que estamos perdendo...

Iso vai xerar o envellecemento da poboación, o despoboamento de moitos lugares e por iso é importante potenciar a industria, comezando pola que xa temos. E neste contexto no que o Reino Unido saíu da UE, máis que nunca, xa que Ferrol pode ser un porto estratéxico na política de defensa común da UE.

Falas entón de remilitarizar Ferrol?

Pois é unha oportunidade para a base naval de Ferrol que foi perdendo importancia nos últimos anos  porque os riscos hoxe na xeostratexia mundial están no sur. E, agora que Reino Unido saíu de Europa e a UE quere facer unha política de defensa común aquí en Ferrol xa temos as bases feitas e podería asumir o mando de moitas operacións conxuntas que se fagan en Europa. E esa é a decisión do Goberno central e eu xa lle teño dito ao Ministerio de Defensa que ofreza a base naval de Ferrol para asumir o mando dalgunha operación como, por exemplo, de vixiancia marítima. Aí está o caso de Rota que fai o mantemento da VI Flota dos EE.UU. que é a que se encarga da vixiancia do Mediterraneo.

Seguro que os militares están encantados con esta proposta?

O que non hai que facer é promover o enfrontamento entre estamentos. Aquí o 22% do chan urbano está ligado á Defensa Nacional e porque hai escolas navais militares que acollen cada ano a 700 novos militares para formarse.

Comentas agora o do terreo militar en pleno centro de Ferrol. Unha das discusións históricas que hai nesta cidade é abrila ao mar e tirar o famoso muro que o impide ver. Cando será isto unha realidade?

Ese proceso xa empezou e ten que ver con ese proceso  de modernización dos astaleiros que hoxe ocupan un millón de metros cadrados e que terán que desprenderse de parte del.  E moito dese chan poderemos utilizalo como espazo público. Pero hai que facer as cousas con orde. A nosa aposta é que Ferrol Vello, que naceu íntimamente ligado ao mar, pois vai abrindose ao mar.  E logo hai algo que a xente non sabe de Ferrol e que é un lugar enorme, con 20 km2 de chan urbano e 60km2 de rural, 12km de costa e 10 areais distintos. Por iso tamén podemos facer unha aposta por un turismo sostible porque temos a costa mellor conservada, non me atrevería a dicir de todo o norte,  pero si...

Aí vas ter competición seguro...

Eu creo que quitando Ortigueira- Barqueiro e Mariña lucense non hai mellor costa e protexida que esta. 

Vanse cabrear os de Cedeira e Valdoviño...

Eu non o quero dicir moito porque teño moita xente amiga alí, pero o seu problema é que construiron ao pé da costa. E convido a calquera a que vaian dar unha volta por Ponzos, por Doniños, por San Xurxo, por Esmelle aquí no Concello de Ferrol e que comparen. 

Falas duns areais que tampouco se coñecen moito e ese é un problema voso de non saber vendelos...

Si, si. Tes razón. Temos un problema e haberá que corrixir erros do pasado porque Ferrol naceu do mar e aquí o litoral sempre foi protexido xa desde os anos 60. Por iso creo que facendo unha aposta por un turismo de cultural ou paisaxístico, un turismo tranquilo, temos moitas posibilidades.

"Creo que en case todas as familias se padeceron situacións represivas"

Cambiando de tema. Esta cidade deu figuras tan dispares como Franco ou Pablo Iglesias, o fundador do teu partido, e Concepción Arenal ou Carvalho Calero. E tamén, por esa dicotomía, de cidade obreira e militar, a represión na Guerra Civil foi moi virulenta. Non merece tamén Ferrol que se teña moi presente esa memoria histórica?

Pois naturalmente. Esa é outra cuestión que queremos rememorar. Para nós é moi importante, forma parte da historia e, é certo, provocou moito sufrimento. Creo que en case todas as familias se padeceron situacións represivas na complexidade, como dis, que ten esta cidade. Pero tamén por iso foi unha das primeiras en protestar tamén masivamente en tempos da dictadura con grandes protestas obreiras.  E, ese patrimonio da memoria tamén haberá que poñelo en valor con figuras como Jaime Quintanilla, alcalde republicano asasinado. Ou tamén figuras como Concepción Arenal que, precisamente por nacer en Ferrol, tivo un pensamento máis aberto, máis liberal e máis ligado ao interese social que ningunha outra muller do seu tempo.

E por que non se lle deu o seu nome á Praza das Armas?

Pois porque tal e como se di en moitas ocasión non é o mesmo vencer que convencer. Eu, creo que non se pode converter un feito ou dous de tanta relevancia como a conmemoración do bicentenario de Concepción Arenal nunha liorta política. Eu tiña como alcalde a posibilidade de impoñer o rigor dos votos pero tamén tendo en conta a outra metade do consistorio que non o vía así. E penso que somos unha democracia madura e temos que estar á altura da importancia que teñen tanto Concepción Arenal como Carvalho Calero e niso as distintas forzas políticas tiñamos que ter un acordo. 

O que tampouco entendo como unha figura como Concepción Arenal, que mesmo está incorporada no discurso do PP, puido xerar tanta polémica?

Pois non o sei. Eu o que dixen é que, como alcalde, non ía permitir que unha conmemoración se ía converter nunha liorta política.

Pero iso foi porque ti percibiches que ía ser así?

E que foi iso e mesmo houbo un debate. E iso é porque esta cidade é así. Somos quen de maltratar a figuras tan importantes como Concepción Arenal.

Insisto, non entendo como pode haber discusión política coa súa figura cando o propio Feijóo no Parlamento destacaba as cualidades de Concepción Arenal. Que pasa que alí en Santiago din unha cousa e en Ferrol, outra?

Seguramente porque entendeu a miña proposta que se fixo cos voceiros dos distintos grupos, pero que logo, o PP se puxo en contra. Eu, sinceramente, tampouco quixen gañar pola mínima na votación, aínda que puidera telo feito, porque penso que temos que ter altura de miras e saber recoñecer o valor humano e persoal que supón Concepción Arenal e xa non só para os ferroláns, senón para os galegos e españois.

E o mesmo pasa con Carvalho Calero, non?

Si, porque, a pesar de ser o filólogo máis relevante que tivo nunca a lingua galega e xa tivo moitos problemas para ser nomeado para un día das letras e nós, en Ferrol, temos que estar á altura dun veciño ilustre gran defensor da nosa lingua... Pero aquí en Ferrol hai moitos exemplos así...

"O PARTIDO ESTÁ BEN DE SAÚDE"

Para ir rematando... Está pacificado xa o partido?

O partido está ben de saúde. A palabra pacificado a min non me gusta moito.

E que tal a relación con Beatriz Sestayo, xa mellor?

Agora mesmo eu estou aquí exercendo o meu espazo institucional e hai un espazo para cada un de nós nisto e teño unha responsabilidade elevada tentando facer o mellor posible o meu traballo institucional. A cuestión orgánica é de pouca trascendencia para o cidadán e eu teño que amosar a través das políticas do Goberno de Ferrol ese programa político co que me presentei. Son espazos diferentes de traballo.

E nese espazo está tamén Gonzalo Caballero?, Que tal a relación con el?

Perfecta. É o meu secretario xeral e espero que sexa o vindeiro presidente da Xunta e xa sabe que me ten ao seu dispor para o que necesite e agardo que haxa un goberno progresista. 

E cres que haberá cambio en Galicia?

Eu estou seguro que haberá cambio e, desde logo, Ferrol vai a estar aí para traballar cóbado con cóbado coa Xunta e tamén para reclamar o que lle debe á cidade.

En Madrid xa se está ensaiando ese goberno do cambio entre PSOE e Unidas Podemos. Aquí sería entre esas forzas e outras máis. Non cres que tamén ese futuro acordo se poida trasladar ao concello con Ferrol en Común e o BNG?

Xo teño dito. Estou aberto a calquera tipo de acordo sempre.

Pero ves esa posibilidade? Estás disposto a integralos dentro do teu goberno?

Eu xo teño tentado en varias ocasións. E como alcalde teño que agradecerlle que me apoiaran para ser rexedor e non ao candidato popular, pero creo que o mero feito de ser alcalde non é suficiente porque estamos aquí para gobernar e o máis fácil é facelo cun goberno estable, pero non fomos quen de facelo a pesar de que eu fun xeneroso.

E, sinceramente, cres que hai esa posibilidade?

Todas as posibilidades están abertas e a miña porta está aberta a calquera grupo. Pero penso que os grupos teñen xa tomada as súas decisións e decidiron manterse na oposición.

Sería moi raro explicar que haxa un goberno de coalición no Estado, outro en Galicia e non nos concellos, non cres?

Aquí decidiron manterse fóra do goberno e que sexa o PSOE quen asuma toda a responsabilidade de gobernar. Había moi poucas diferencias programáticas con Ferrol en Común, moi poucas, pero non fomos quen de chegar a un acordo. Fun tremendamente xeneroso para que tiveran amplas áreas de responsabilidades pero non houbo xeito.

A ver se no futuro, entón...

A ver que pasa...

Investidura de Ángel Mato como alcalde de Ferrol
Investidura de Ángel Mato como alcalde de Ferrol
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Isidro

Hai 10 anos o Concello de Ferrol, por medio de Mato, mercou a casa natal de Carvalho Calero por 350.000 euros, máis de tres veces o seu valor de mercado. Hoxe segue en ruínas e Mato non ten proxecto para rehabilitala nin interese en facelo

1 Kz8h

Carvalho Calero está moi sobrevalorado, os seus traballos de filolóxia son versións doutros anteriores, non inventou nada.