Activada a alerta laranxa por temporal costeiro no noroeste da Coruña e na Mariña

Estaca de Bares rexistra unha onda de case catro metros de altura.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2020 | Actualizada ás 11:07

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activou a alerta laranxa por temporal costeiro no noroeste da provincia da Coruña e na Mariña luguesa, mentres que o resto do litoral galego permanece en alerta amarela.

Segundo informou a Xunta, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) indicou que o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa comezará na tarde no noroeste da Coruña e, a partir das últimas horas da tarde no litoral da Mariña.

En concreto, espérase mar combinado do noroeste con ondas de ata seis metros de altura. No resto do litoral galego o aviso será amarelo con mar combinado de ata cinco metros.

Por iso, a Xunta lembra a importancia de manterse afastados da liña de costa e de todas as zonas que poidan ser varridas polo mar. Tamén aconsella a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas, así como extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.

Temporal costeiro. TIM POATE
Temporal costeiro. TIM POATE | Fonte: UNIVERSITY OF PLYMOUTH - Arquivo

ESTACA DE BARES

Estaca de Bares rexistrou na mañá deste xoves unha onda de 3,87 metros de altura. Segundo os rexistros de aboias de Portos do Estado, recollidos por Europa Press, na mañá deste xoves tamén a ondada alcanzou os 3,16 metros de altura.

Este xoves proseguen os avisos por fenómenos costeiros no noroeste, segundo a predición da Axencia Estatal de Meteoroloxía, xa que o vento provocará mar revolto en sete provincias, entre elas as do litoral galego. En concreto, en aviso amarelo (risco) están Cantabria, Pontevedra, Guipúzcoa e Biscaia, mentres que de nivel laranxa (risco importante) atópanse Asturias, A Coruña e Lugo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta