Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2020 | Actualizada ás 19:30
Unha delegación institucional e empresarial galega viaxa cara a Berlín para participar no European Film Market, que arrinca este mércores na capital alemá de forma paralela á 70 edición do seu prestixioso festival internacional de cinema.
Nun comunicado, a Xunta destacou que apoia esta misión comercial, da que forman parte 17 compañías produtoras e distribuidoras, ademais da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Clúster Audiovisual Galego (Clag) e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).
En concreto, desprázanse a este mercado os representantes de Abano Producións, Big-Rigths, Cósmica Producións, CTV, Del Álamo Estudio, Ficción Produciones, Maruxiña Films, Matriuska Producciones, Miramemira, Noveolas Producciones, Numax Distribución, Ollovivo Producións, Portocabo, Sétima Cinema, Sun Lúa, Vaca Films e Zeitun Films.
Todas elas, así como as que participen noutras destacadas feiras e certames da industria audiovisual a nivel mundial, disporán en 2020 de dúas liñas específicas de subvencións para a asistencia a mercados e foros internacionais e para a promoción e difusión do audiovisual galego en festivais e mostras.
As citadas empresas chegan á cita berlinesa con títulos tanto en proxecto como en fase de produción ou xa terminados. Moitos deles, recóllense, ademais, na nova edición do catálogo promocional Films from Galicia, que inicia aquí a súa distribución internacional.
Entre elas, atópase a produción de Zeitun Films Lúa vermella, a nova película do realizador Lois Patiño, que se estrea mundialmente o sábado día 22 dentro da sección Forum da Berlinale.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.