Por Galicia Confidencial | Madrid | 08/10/2012 | Actualizada ás 17:55
Un documento do comité de empresa de El País refuta os argumentos do Grupo Prisa e da dirección de El País para iniciar un ERE neste xornal polo que poderían ser despedidos entre 138 e 150 traballadores dunha plantilla de 440 profesionais.
O texto, ao que tivo acceso GC, denuncia unha "ofensiva" por parte da dirección da empresa para "tentar convencer ao persoal de que o brutal ERE previsto é unha medida obrigada pola forte crise do sector e o único modo de garantir a supervivencia de El País".
Porén, os datos económicos que manexa o comité de empresa "desmontan facilmente eses argumentos", segundo o informe redactado, no que se salienta que "en ningún caso se xustifica a magnitude do estrago laboral, persoal e profesional que se prepara".
O comité de empresa asegura que "o ERE non ten base económica algunha, e os executivos da compañía e a dirección do xornal sábeno". Ademais, advirte de que a empresa está a "construír un relato co que pretende convencer ao persoal" da necesidade de levar adiante o expediente regulación de emprego. Para o comité trátase dunha "vulgar patraña na que se tomou como chibos expiatorios ás delegacións territoriais de El País e aos compañeiros con máis experiencia e que máis anos de traballo aportaron a esta casa".
De feito, os máis afectados polo ERE serán as plantillas das delegacións de Galicia, Euskadi, País Valencià e Andalucía, para as cales Prisa xa comezou o seu desmantelamento, e os traballadores maiores de 55 anos, aos que Juan Luis Cebrián —presidente executivo de Prisa e factótum dos socios maioritarios do grupo, os propietarios do fondo de investimentos especulativos estadounidense Liberty Acquisition Holdings Corp— pretende prexubilar, xa que considera que a plantilla de El País está moi envellecida e que os que teñen máis de 50 anos entraron na "terceira idade do xornalismo".
"Como o ERE non ten xustificacións económicas de peso, só cabe supoñer que os verdadeiros motivos da empresa son desmantelar a redacción de El País co horizonte de que en poucos anos despareza a súa edición en papel", denuncia o comité.
Censura da opinión dos lectores
Unha das cousas que máis chaman a atención é a denuncia que transmitiron a GC fontes de Prisa, relativa ao papel que está a xogar o Defensor do Lector do xornal, Tomás Delclós, no que se refire ao desmantelamento das edicións autonómicas. Así, segundo o relato destas fontes, Delclós "evitou entrar no asunto da desaparición dos cuadernños, pese a que se lle remitiu a recollida de case 7.000 sinaturas" en apoio a estas edicións. A escusa, din, é que "se trata dunha decisión firme, como se as decisións firmes non puidesen ser analizadas", critican as fontes.
No caso de Galicia, aseguran que "se están enviando cartas ao director, algunhas de persoeiros da sociedade galega, para protestar pola eliminación de páxinas e para expresar a indignación polo desprezo que supón aos lectores galegos" este desmantelamento da delegación de El País. "Están sendo sistematicamente censuradas", denuncian.
O desmantelamento da delegación galega de El País ten implicacións maiores, xa que estas mesmas fontes explican que "Cebrian afirmou estes días que a edición de Galicia se abriu debido ás pretensións de lobbies pseudoprogresistas que desexaban ter unha carteleira no seu territorio".
As contas de Prisa e os soldos dos directivos son o lastre
O comité culpa á dirección de Prisa de querer sanear as contas do grupo á custa de El País e considera asumíbeis unhas "pequenas perdas" que "son habituais en todos os xornais do mundo" e que "asumen sen problemas os grupos nos que están integrados".
"O noso lastre non son, xa que logo, os números de El País, senón a situación do Grupo Prisa, que, ademais, paga aos seus directivos mellor que ninguén", aclara o comité de empresa.
Un dos datos máis polémicos é precisamente o soldo dos directivos. Entre os principais argumentos de Cebrián para xustificar o ERE están o que considera un envellecemento da plantilla, a falta de profesionais con perfís dixitais e o soldo medio dos traballadores de El País, que cifrou en 88.000 euros anuais, un custo "moi caro" para Cebrián, quen advertiu á plantilla de que "non se pode seguir vivindo tan ben". Porén, o comité considera "enganoso" ese dato porque "a media inclúe a toda a cúpula directiva", explica.
Os traballadores botaron por terra os argumentos de Cebrián poñendo sobre a mesa os salarios dos altos directivos do grupo, que superan amplamente os dous millóns de perdas previstos pola empresa ata final deste ano. Así, por exemplo, o conselleiro delegado de Prisa, Fernando Abril Martorell, cobra ao ano 3,2 millóns de euros, segundo os datos aportados polo comité de empresa, que denuncia ademais que ocupa un cargo que "se duplicou tralo ascenso á presidencia de Juan Luis Cebrián".
O comité vai máis aló e fai contas dando por bo un salario de 88.000 euros por cada traballador. Multiplicando esta cantidade por cada un dos 150 traballadores que poderían verse afectados polo ERE, o custo total sería de 13,2 millóns de euros, practicamente a mesma cantidade que cobrou Cebrián no ano 2011, segundo denuncian os representantes dos traballadores, que lembran que o propio presidente executivo de Prisa considerou o seu un “soldo habitual do mercado”.
Os traballadores recorren a datos doutras empresas do sector para evidenciar que os directivos de Prisa teñen uns soldos moi por enriba da media. Así, no texto se sinala que "o conselleiro delegado de Vocento percibe 847.000 euros ao ano; o de Tele 5, Paolo Vasile, 1,26 millóns, e en Antena 3 os soldos dos tres máximos executivos suman 2,88 millóns por exercicio".
Privilexios para os directivos
Os representantes dos traballadores lembran que foi o propio Cebrián quen "asegurou o pasado venres que o gasto anual en nóminas de El País é de 41 millóns", dos cales case a metade, 20 millóns, foron a parar ás contas dos 16 conselleiros de Prisa, segundo os datos aportados polo comité.
Tampouco se entende que "a finais de 2011 a nómina de directivos do grupo sumaba 486, máis que traballadores ten esta casa", recriminan. E acusan ao actual director do xornal, Javier Moreno, de permitir durante o seu mandato que "non parase de crecer a nómina de cargos da redacción, ata chegar á situación inaudita de duplicar as funcións dos redactores xefes con subdirectores (en poucos anos pasaron de dous a oito, separadamente dos dous directores adjuntos)".
Para máis inri, o comité lamenta que, "ademais dos seus salarios, [os directivos] gozan de privilexios como os coches de alta gama que lles facilita a empresa, xunto a bonus —que se seguiron repartindo este ano— e seguros médicos". Fontes do Grupo Prisa consultadas por GC confirmaron tamén que "uns 40 directivos do xornal están cobrando bonus por obxectivos neste 2012, entre estes, o director e subdirector". Eses bonus por obxectivos estarían "claramente ligados a sacar adiante o ERE", avisan as fontes consultadas. Entre esas bonificacións están as que van percibir os redactores xefe, que "este ano son de máis ou menos 6.000 euros" para cada un, aclaran as fontes.
Fracaso do modelo dixital
O comité de empresa tamén culpa a Moreno de ter fomentado un modelo de negocio fracasado en Internet. Para os representantes dos traballadores, o actual director de El País é "responsable de crear unha nova nómina de directivos dedicados ao desenvolvemento dixital sen que iso supoña o menor avance no esbozo dun modelo de negocio na Rede, mentres a caída de vendas do papel, moito maior que as da competencia, agudizábase pola política do gratis total en Internet (que non aplica case ningún dos grandes periódicos internacionais, agás o ruinoso The Guardian)", lamentan os traballadores, que cifran en só 1,3 millóns de euros mensuais os ingresos que xera a páxina web de El País.
"Prisa entregouse ás prácticas financeiras máis depredadoras"
Para os representantes dos traballadores, estes movementos da cúpula directiva teñen un obxectivo: o desmantelamento progresivo da edición en papel, "a única que podería soster os ínfimos ingresos da páxina web", advirten. Para o comité de empresa este é "só o comezo dunha serie de recortes que deixará o xornal reducido á mínima expresión e cun persoal escuálido e mal pagado".
"A lóxica", din os representantes da plantilla, "conduce a unha conclusión desoladora: coa entrada do ‘hedge fund’ Liberty (fondos voitre, chámano outros) no capital de Prisa, a nosa compañía entregouse ás prácticas financeiras máis depredadoras, a ese tipo de capitalismo sen escrúpulos que pretende aproveitar a crise para maximizar beneficios e transferir as rendas dos traballadores a accionistas e directivos dispostos a todo con tal de aumentar as súas remuneracións".
O informe recorda que Liberty entrou como accionista maioritario en Prisa no ano 2010 cunha achega de 650 millóns de euros. Unha operación na que "se blindou o pago de dividendos anuais ao fondo de investimento estadounidense con independencia dos resultados da compañía", saliéntase no informe. Naquel primeiro ano, "Liberty xa percibiu 165,2 millóns en dividendos" e "a ese ritmo, en catro anos recuperará o seu investimento sen perder o control accionarial do grupo", advirte o comité.
"Golpe mortal á reputación de El País"
O informe remata cunhas durísimas consideracións, concluíndo que estas operacións son un "atentado laboral", "a maior agresión que sufriu este persoal en toda a súa historia" e unha "traizón aos principios do xornal e ao legado empresarial do fundador de Prisa, Jesús de Polanco". Pero tamén, din, supoñen "un golpe mortal á reputación da nosa cabeceira, que se entrega ás mesmas prácticas de explotación económica que tantas veces criticamos desde as nosas páxinas".
Segundo as fontes do Grupo Prisa consultadas por GC, "o ambiente en El País é de indignación na plantilla, que está moi tocada" e na que se percibe un estado de "rabia e tristeza".
Caso único e inxustificado
O comité de empresa de El País asegura que "sería difícil —por non dicir imposible— atopar un caso semellante en España ou noutro país occidental dunha empresa que, logo de 35 anos ininterrompidos de beneficios, proxecte despedir ao 30% do persoal porque, segundo as súas previsións, vai pechar o seu primeiro exercicio en perdas, que non se estiman en máis aló de dous millóns de euros".
Segundo os datos que manexa a empresa, a proxección de perdas no ano 2013 sería duns 7 millóns de euros, o cal tampouco xustificaría, para o comite, "a desapiadada medida que se propón".
O texto tamén salienta que entre os grandes diarios españois, "ningún ofrece unha conta de resultados máis saneada que El País", e pon como exemplos o caso do principal rival do xornal de Prisa, El Mundo: "A editora de El Mundo, por exemplo, fixo un ERE de dimensións semellantes, pero tras presentar un resultado negativo de 10 millóns de euros só no primeiro trimestre de 2012 (as perdas do grupo foran de 330 millóns ao final de 2011) e Vocento tivo números vermellos por 3,3 millóns no mesmo período. Neses tres meses, as perdas de El País eran de apenas 70.000 euros", compara o informe.
O comité tamén tirou de datos de xornais estranxeiros como The Guardian, socio de El País en 2010 na publicación dos documentos segredos do caso 'Cablegate' de WikiLeaks. O do diario británico é un "caso extremo" no que se despediu a "un terzo dos seus empregados", mais a medida se tomou "logo de tres exercicios nos que perdeu unha media anual de 38 millóns de libras (47 millóns de euros)", destácase no texto, no que se apunta que, malia todo, The Guardian mantén un persoal de máis de 600 traballadores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.