Xoan Báscuas: "Compromiso será o gran partido nacional galego"

O líder de CxC amosase convencido de que esta formación dará a sorpresa o 21-O xa que neses comicios gañarán "os partidos da casa".

Por Xurxo Salgado | Compostela | 09/10/2012 | Actualizada ás 02:00

Comparte esta noticia

Xoán Bascuas é un home pequeno pero de forte convicción. É breve nas repostas. Prefire a reflexión á lingua fácil. É a primeira campaña que fai como líder dunha formación nacionalista de novo cuño. "CxG é a cuarta forza a nivel institucional de Galicia", lembra ao referirse ao poder municipal dunha formación que augura será o "gran partido nacional galego" ao xeito do Scotish National Party.

Un momento da entrevista con Xoán Báscuas/ Sara Torreiro Xoán Bascuas/ Sara Torreiro
Un momento da entrevista con Xoán Báscuas/ Sara Torreiro Xoán Bascuas/ Sara Torreiro

Polo momento, xa conta con dous alcaldes e dúcias de concelleiros. Por iso, está convencido de que Compromiso estará no Pazo do Horreo e que será decisivo para facer unha nova política para os cidadáns. A ruptura co BNG, di, xa é cousa do pasado.

Galicia Confidencial. É a tua primeira campaña como candidato, como a estás levando?

Xoán Báscuas. A verdade é que ben. Estou moi ilusionado, moi entusiasmado e con moito ánimo. Estamos facendo unha campaña novidosa que á xente lle está a gustar e que nos está permitindo darnos a coñecer que é o importante.

GC. E este darse a coñecer parece que funciona. Algunhas enquisas din que entrades no Parlamento. Estes datos coinciden cos que manexa Compromiso?

XB. As enquisas débennos ocupar pero non preocupar porque ao fin e ao cabo sería soberbio facer elucubracións dun resultado que se vai coñecer o 21 de outubro. O que temos que facer é traballar e punto, e non deixarse levar por enquisas, aínda que lle prestemos atención porque marcan tendencias.

GC. A tendencia que marcan é que hai boas perspectivas en Ourense. Esta provincia é clave para vós nestes comicios?

XB. Claves serán as catro porque as dificultades que temos nunhas pola lei electoral non as temos noutras. Pero, con todo, as eleccións son moi abertas e pode pasar absolutamente de todo e hai un escenario aberto para que forzas como a nosa teñan resultados bos.

Relacións co BNG

GC. Pero foi en Ourense onde houbo en periodo preelectoral unha baixa moi significativa para o BNG e unha alta importante para CxG como é a do alcalde de Vilar de Santos o que provocou tensións co Bloque. Como están as relacións co BNG?

XB. A nós o que nos preocupa é a relación coa cidadanía. A relación con outras forzas políticas pois deben de ser corteses e normalizadas e, por iso, aspiramos a que a relación co BNG sexa o máis correcta posible. 

GC. Pero, que tal son agora?

XB. Nós non temos ningún problema co BNG, nin entendo que o BNG teña ningún problema con nós.

GC. Con todo, algunhas declacións dos seus líderes semella que indican o contrario. Falan dunha estratexia medida pola vosa parte para ter repercusión pública.

XB. Eu respecto esa opinión pero nada diso é certo. Igual que hai outros concelleiros que se foron incorporando a CxG e non tiveron o mesmo impacto e incidencia. Ben é certo que estamos falando do alcalde máis votado do país e, claro, iso ten a súa trascendencia. Pero é normal que iso trascenda pero non hai ningún ánimo de facer dano, senón que é un proceso que caracteriza a CxG que é o de saber sumar.

GC. Sen embargo, este proceso de suma do que falas ven doutro de resta que tivo lugar na última Asemblea Nacional do BNG da que saíron, precisamente, Máis Galiza, agora en CxG, e Encontro Irmandiño, agora en Alternativa Galega de Esquerdas. Como pode interpretar o votante que agora haxa tres formacións onde antes só había unha?.

XB. A xente non nos pregunta de onde vimos, senon cara a onde imos e as respostas e as alternativas que temos. CxG está participado por doce grupos e só un procede do BNG e hai xente que ten distintas procedencias e, agora, a gran maioría de xente que participa en Compromiso procede doutras forzas políticas e polo tanto non ten sentido removendo en cousas que non teñen ningunha importancia para a cidadanía.

E logo hai quen fala do voto útil do nacionalismo. Antes non había trasvase de votos e precisamente a aparición de novos partidos dá lugar a que haxa máis apertura de opcións políticas e onde o voto pode ser máis útil aínda.

"O partido nacional galego"

GC. Falas desas novas opcións como a que representa Alternativa. Hai quen di que queredes construír un partido de centro dereita semellante ao PNV en Euskadi ou CiU en Catalunya?

XB. Pero onde está que Compromiso sexa un partido de centro-dereita?

GC. Un dos seus candidatos procede do Partido Popular...

XB. Pero como dis é un só e está integrado nunha corrente de xente que saíu do BNG antes de que o fixera Máis Galiza e que eran do BNG... O que se trata de dicir con esa comparación é que Compromiso pode representar en Galicia o que xa representan en Euskadi e Catalunya, PNV e CiU, respectivamente, é dicir, un gran partido nacional galego. Xa postos a comparar podía compararse co Scotish National Party que é un partido de centro-esquerda.

GC. Xa vimos que unha das primeiras medidas postas en marcha por CxG é a sinatura dun compromiso de rexeneración democrática. Cales son os obxectivos que buscades nestes comicios?

XB. Efectivamente. Firmamos un documento de esixencia ética e radicalidade democrática porque entendemos que a política é un servizo público á cidadanía. Precisamente, Compromiso foi o único dos partidos cuxos candidatos saíron das bases. Non é patrimonio da súa dirección. 

Como segunda idea clave está a defensa do estado do benestar e dos servizos socias e, finalmente, o avance no autogoberno de Galicia xa que estamos a ver como isto sempre foi un xogo para Feijóo.

GC. Ousexa que se teñen posibilidades de decidir un goberno de esquerdas se non hai maioría absoluta do PPdeG van poñer estas esixencias enriba da mesa?.

XB. Por suposto.

GC. Entón, entraría a formar parte dese novo goberno?

XB.Nós o que queremos agora é traballar firmemente para acadar os mellores resultados electorais posibles. Non estamos aquí co obxectivo de botar a ninguén senón ao servizo da cidadanía. Outros xa din que están para "facerlle fronte ao PP" ou "que hai que botalos". Nós non. Nós queremos ser a voz da cidadanía para cambiar as politicas actuais, non os gobernos.

CG. Pero pactarían ou non pactarían?

XB. Penso que xa o deixei claro na anterior resposta.

GC. Preguntollo doutro xeito. Pactarían logo co PPdeG?

XB. Non.

O futuro do nacionalismo

GC. Unha das fendas abertas logo da asemblea do BNG foi, tamén, a desunión do nacionalismo. Finalmente, CxG foi só e Anova pactou con EU. Hai posibilidade dun futuro entendemento entre estas dúas formacións?

XB. O pasado, pasado está e a cidadanía xa non lle importa. O diálogo sempre está aí. Eu nunca pechei as portas a ninguén e non llas vou a pechar agora.

GC. E cal é o futuro de CxG se non acada representación parlamentaria?

XB. Compromiso está traballo para ter presencia na Cámara galega. Xa ten presencia na rúa que está sendo decisiva. Se queremos ser ese gran proxecto político nacional temos que tomalo con tempo e non se vai solucionar nunhas autonómicas.

GC. Supoño que o voso forte son as municipais xa que tedes unha gran presencia institucional?

XB. Obxectivamente somos a cuarta forza en número de concelleiros e alcaldes. Con nós están o alcalde de Maceda, o de Vilar de Santos e falta a que se decida o de Narón. E logo temos moitos concelleiros repartidos por todo o País. Nalgúns concellos ata somos a segunda forza xa. 

GC. E que opinas dos debates a tres que exclúen ao resto das formacións?

XB. É unha pena o que está a acontecer e que iso, ademais, o fagan os medios públicos deste país que pagamos todos do noso peto. O que está claro é que eses medios teñen que reflexar a pluralidade existenten neste País e, polo de agora, non están facendo. Un debate no que participemos todos sería o máis democrático e o que pedirían os cidadáns para estar representados.

GC.E xa para rematar. Dime a túa quiniela?

XB. Un 1. Van gañar os equipos da casa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 125 comentarios

16 xavierinho

Moitos estabamos esperando un partido así, somos nacionalistas, ou galeguistas como queirades chamarlle, e sí, para construir un país fai falla todo o mundo, dende o empresario ata o traballador ata o estudante ata a ama/o de casa.

1 anonimo

ahi esta, nunca entendín porque teñen que ser os partidos de esquerda quen representen ós traballadores e os de dereita ás empresas, digo eu que pode haber un partido que coide dos mais humildes pero que involucre tamen ó mundo empresarial.

2 aaaaaaaaaag

Iso mesmo dicimos na Falange de Feijoons

3 Primo de Rivera o da cervexa

Si señor, non somos nin de esquerdas nin de dereitas. Benvidos ao populismo falanxista do século XXI.

4 Arquiveiro

Ser de centro e algo malo? para min abre moitas máis posibilidades de goberno que ser un ultra de esquerda o dereita...

5 Acordai já

Eu quando falais de "construir um pais" fico asombrado,Galiza não há que contruila há que recuperala a destrução do espaÑolismo, sim esse espaÑolismo no que CXG-BNG-ANOVA-AGE etc. etc tão comodo vos sentis.

15 votante

Toda a vida dicindo que se necesitaba unha forza política que aglutinara distintos sectores sociais (empresariado, autónomos, traballadores, clases medias,...) e cando aparece alguén dentro destes perfís xa saen os "sabios" a condealo. Por que? Porque poden perder o chupe de donos de Galiza e o nacionalismo ou que ligan menos nas discotecas sendo tan pouco "obreiristas". E así nos vai.

1 Mundos de yupi

Non é posible aglutinar a Inditex e os seus escravos. Sempre terá que ter un o látego e os outros traballar.

2 Votarei polos de sempre

Cairás da burra o 21 de outubro e nas vindeiras eleccións municipais...coñecerás o que é Galiza.

3 anonimo

pero vamos a ver, non lle votan o PP a xente máis humilde do rural e tamen os empresarios maís opulentos??? pois xa que a xente é por definicion incoherente pois o abanico de votantes de compromiso tamén vai ser amplo, e ó contrario que no PP, suponse que queren gobernar para todos e non pra un sector do seu electorado.

4 Xanti

Upegallos ide para Corea do Norte, alí seredes felices.

5 Paspán sen fronteiras

Xanti, seguro que ti coñeces Corea polas moitas veces que estiveches alí, e non coñeces a dictadura capitalista de aqui, porque vives na tua burbulla de cristal.

6 Pomponio

Galiza é un territorio minguante. Chegará a 200.000? non o creo.

14 metaldeza ere

Que o "cuiño" diga onde está todo este diñeiro público que non devolveron e deixate de caralladas bascuitas. http://www.economiadigital.es/gles/...

13 Votarei polos de sempre

Por desgraza para este país, o PP gañará as eleccións. Non dubido do nacionalismo dalgúns, mais moitos aínda teñen que madurar e entender e comprender como funciona Galiza. Non estou afiliado ao Bloque, pero para min son os que teñen algo de lucidez nestes intres. Beiras pensa no presente, máis ben nas eleccións, máis engánase con ir con IU. Isto verémolo no futuro. A moita xente de Compromiso, cando leven os batacazos electorais tanto nestas coma nas municipais os veremos de novo no BNG. Aos de Beiras, non o creo, véxolles con moita xenreira cara o BNG, máis por razóns persoais e de egos que políticas...xa veredes cantos van rematar a súa vida política en IU.

1 Votarei polos de sempre

O voto a IU vai ser un voto cabreo que co ingredente de Beiras van levar votos. Máis é comida para hoxe pero fame para mañán. Aos de Beiras véxolles un futuro pésimo despois destas eleccións.

2 Votarei polos de sempre

Xa para rematar, aínda que se dera o caso (que non vai pasar porque vai aguantar moito) que o BNG ficase sen representación, teño claro que é a ferramenta que precisa este país. Marchei do Bloque por certas políticas que se fixeron no periodo de Quintana (aquel golfiño que puxo Beiras e que despois traizou, para máis INRI) mais estou pensando desde hai tempo en pedir a alta. Este Bloque gústame de novo.

3 Arquiveiro

Votarei, o BNG e unha boa opción de nacionalismo de esquerda, máis polo que parece segundo os votos, os galegon na sua maioria non son de esquerdas; concordo co que pensas de Beiras e IU, e tamén que algúns de CxG marcharán tras as eleccións, pero outros quedarán porque ten sitio no electorado galego: un galeguismo de centro.

4 Pomponio

Podes ter razón en todo menos nunha cousa. Non han voltar. Os que se foron non voltarán, Buscade outros que paguen as cuotas. Buscade noutros caladoiros.

12 saña

GC.manipula a informacion, 1º cando afirma que a vosa maior forza esta nos concellos e mentira, GC, quere dar a enteder que estes concelleiros foron nas listas de esta formacion e é FALSO, foron nas do BNG, ou non? logo foron apropiadas indebidamente. 2º Afirmar como fai este diario que CxG e a cuarta forza politica de Galiza, pareceme polo menos mui arriscado votar a lingoa a pacer antes das eleccions, ou non? Logo pedimos sentidiño aos demais, vesevos demasiado o plumeiro.