Feijóo quere gobernar fronte a unha oposición "multipartita" logo de descartar a coalición con Ciudadanos

Feijóo quere catro anos para "seguir as instruccións dos votos". Descarta a coalición con Ciudadanos. Sinala que PPdeG e Cs verán "a próxima semana" se o partido laranxa presenta algúns dos seus candidatos en postos non de saída das listas do PP e renuncian a presentarse.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 21/02/2020 | Actualizada ás 14:57

Comparte esta noticia

O presidente do PPdeG e candidato á reelección na Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que tentará "non só gañar as eleccións" do próximo 5 de abril senón "ter a maioría suficiente" para gobernar Galicia fronte a unha "oposición multipartita".

Antes de participar na xunta directiva do PP de Lugo, Feijóo asegurou que o compromiso do PPdeG nesta precampaña é "presentar un proxecto para Galicia". "Tentar facer un contacto coa xente para explicar que queremos catro anos de estabilidade, dun goberno sólido e dun goberno que goberne", indicou.

"Queremos catro anos para seguir as instrucións dos votos que saian das urnas, para non debernos a ninguén que non sexan os galegos e galegas que representamos", sostivo Feijóo, que tamén trasladou que a situación política que atravesa España "non lle interesa a Galicia".

Neste sentido, argumentou que tanto o Goberno central como os seus socios "non teñen ningún interese en Galicia. "No radar do Goberno central non está o territorio de Galicia e nós imos tentar pór o territorio de Galicia no centro dos intereses políticos dun partido que pretende seguir gobernando", sinalou.

Por iso, de face á próxima cita coas urnas, asegurou que hai "dúas opcións". "Un goberno que goberne ou unha oposición multipartita, que descoñecemos o liderado da mesma e que o único que os une é impedir que o partido que gañe as eleccións poida gobernar", sostivo para subliñar que lle gustaría que "o partido que gañe as eleccións goberne".

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello. XUNTA
O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello. XUNTA | Fonte: Europa Press

SEN COALICIÓN CON CIUDADANOS

Alberto Núñez Feijóo, asegurou este venres que, unha vez descartada a coalición, o seu partido e Cs quedaron "convocados para a próxima semana" para ver se é posible alcanzar algún acordo nas listas para os comicios autonómicos do 5 de abril.

Feijóo, quen reiteradamente ofreceu a "integración" nas listas a dirixentes do partido laranxa, pronunciouse deste xeito despois dun acto en Santiago, ao ser preguntado pola formulación concretada por Ciudadanos relativo á posibilidade de concorrer xuntos e posteriormente dividirse en grupos parlamentarios distintos.

"Quedamos convocados para a próxima semana --este venres péchase o prazo para o rexistro das coalicións--, e veremos a proposta definitiva. Non ten moito sentido iso de unirse para despois separarse, pero en fin. Imos ver se esa é a proposta e, se o é, pensaremos a resposta", apuntou.

A continuación, concretou que se "valorará" a posibilidade de que "algún dirixente nalgunha provincia" se poida integrar nas listas populares, aínda que non en postos de saída. "Imos facer algunha aproximación a esa posibilidade e outras posibilidades non están sobre a mesa", remarcou.

SIGLAS DO PP VASCO

En canto á polémica sobre o acordo en Euskadi e as reticencias de Alfonso Alonso, o presidente galego advertiu que o PP vasco é "un símbolo" dentro do partido, que ten "moita dor e moitos asasinatos" --de ETA-- "debaixo das súas siglas", polo que espera que as familias das vítimas "se vexan correspondidas e representadas" coa determinación que se adopte nesa comunidade.

Na mesma liña, a poucas horas de que se peche o prazo para presentar acordos de coalición en Galicia, o secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, tamén deixou claro que o PPdeG concorrerá ás eleccións coas súas "propias siglas", xa que a súa "coalición" é con "os galegos".

CIUDADANOS ELIXE CANDIDATOS

Os afiliados de Ciudadanos en Galicia e o País Vasco votan esta fin de semana a elección dos candidatos para as autonómicas do 5 de abril. Con todo, o aspirante a presidir o Goberno autonómico só se elixirá no caso de Galicia, xa que en Euskadi, onde a formación laranxa concorre aos comicios en coalición co PP, será este partido o que decida o candidato a lehendakari.

No caso de Galicia, son seis os candidatos que se postularon para aspirar a presidente da Xunta, segundo informaron fontes de Cs a Europa Press. A portavoz do partido na comunidade e membro da Xestora nacional, Beatriz Piñeiro, enfrontarase a David Álvarez, José Manuel Blanco, Juan Antonio Díaz, Jorge Marín e Manuel Jesús Morgade.

Se Piñeiro representa a candidatura considerada 'oficial', fontes da formación identifican coa liña crítica a Manuel Jesús Morgade e a José Manuel Blanco López, o que fose cabeza de lista do partido por Lugo nas últimas xerais e que estivo no acto no que Francisco Igea participou en Santiago na pasada xornada.

Á marxe deste seis candidatos, fontes da formación laranxa consultadas por Europa Press sinalaron que Jorge Alberto García Iglesias, da Coruña, pediu voluntariamente a renuncia a ser candidato ás primarias.

Tanto en Galicia como no País Vasco, os afiliados poderán votar por vía telemática desde a medianoite do venres ao sábado ata o domingo ás 19.00 horas. Na Comunidade galega están chamados a votar 980 militantes.

APOIO DE FEIJÓO A ALFONSO ALONSO

O presidente do PPdeG e candidato á reelección á fronte da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avisou de que o líder do PP vasco, Alfonso Alonso, merece "todo" o respaldo do Partido Popular e comprometeulle o seu apoio para o que este lle solicite.

O tamén presidente á Xunta pronunciouse deste xeito en declaracións aos medios en Lugo e tras coñecerse que o PP e Ciudadanos asinaron o acordo sen a presenza de Alfonso Alonso dadas as súas reticencias a aceptar que os dirixentes da formación laranxa vaian en postos de saída nas listas da súa formación en Euskadi.

"O presidente do partido e candidato a Lendakari é o noso candidato, é o candidato de todo o PP de España e, na medida na que podamos, nós ímolo a apoiar", subliñou Feijóo, que insistiu en que é o aspirante elixido "polo PP de Euskadi" e ten "o visto e prace do Partido Popular nacional".

Neste sentido, puxo en valor o traballo desempeñado por Alonso "con moito rigor e moita talla" tanto na súa etapa como portavoz no Congreso e como durante o seu nomeamento como ministro de Sanidade. "Pedíuselle volver ao País Vasco e deu a cara, foi alcalde de Vitoria. Ao meu parecer é un bo compañeiro, un compañeiro que merece todo o apoio do PP", insistiu.

"Eu polo menos, na medida das miñas responsabilidades, dareille todo o apoio que el me solicite e coa intensidade que el considere oportuno", manifestou. Feijóo fixo estas declaracións antes de participar na xunta directiva do PP de Lugo ao ser preguntado sobre a ausencia de Alfonso Alonso da firma do acordo entre PP e Cidadáns.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta