O PSOE de Ourense acusa a Jácome de "apoiar un PXOM cheo de pelotazos e intereses especulativos"

Asegura que o "PP rexe a política urbanística" e "cede ás presións de promotores para converter parcelas en chans urbanizables"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2020 | Actualizada ás 16:07

Comparte esta noticia

O PSOE de Ourense acusou o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, de "apoiar agora un PXOM cheo de pelotazos que antes denunciou". Unha afirmación que sosteñen no feito de que entenden que "Democracia Ourensana é un instrumento do PP".

Rolda de prensa dos responsables do PSOE de Ourense
Rolda de prensa dos responsables do PSOE de Ourense | Fonte: Europa Press

Así o manifestou este venres a concelleira socialista Natalia González que compareceu en rolda de prensa xunto co portavoz dos socialistas, Rafael Rodríguez Villarino e o edil Wilson Jones para denunciar "un PXOM que prima os intereses dos promotores".

Deste xeito, Natalia González fixo referencia ás 14 providencias ditadas polo ex concelleiro de Urbanismo do PP, José Cudeiro, ao dicir que "todos eses terreos teñen nomes e apelidos e pertencen a intereses especulativos".

Como exemplo, o edil Wilson Jones criticou "a falsa aposta do grupo de goberno polo termalismo" co cambio de plans para unha zona de Quintela na que "inicialmente se prevía un punto estratéxico para o termalismo" e que finalmente "se converte en chan urbanizable sen ningún tipo de protección especial".

Neste contexto, acusou a DO de concibir un modelo de cidade "sen rumbo nin prioridades" baseado no "cambiazo dun modelo de xestión por un modelo de compensación" por parte do PP con respecto ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), aprobado inicialmente en pleno polo anterior goberno do PSOE.

Na mesma liña foron as declaracións do portavoz socialista, Rafael Rodríguez Villarino, que sinalou que "nin ao PP nin a DO lles importa o urbanismo nin o desenvolvemento da cidade". É máis, Villarino criticou que "se dedican a xogar ao Monopoly con todo o diñeiro que sae dos petos dos veciños cambiando os dólares por euros".

Tamén acusan o grupo de goberno de "enganar á cidadanía con propostas electoralistas que pasan por continuos cambios de localización", como os tres cambios para as instalacións do Centro de Intelixencia Artificial ou os posibles usos do Antigo Cárcere.

CITY MANAGER

Por outra banda, o portavoz socialista denunciou que "todos" saben "que o city manager ten un nome" e aludiu ao secretario da Deputación, Francisco Cacharro, para dicir que obterá o posto "mediante un proceso de selección ficticio".

Ao seu entender, Cacharro "dá un salto ao baleiro pasando dun lugar niño da corrupción a outro niño do descontrol máis absoluto e con sede no Concello".

Tanto este posto como o de director xeral do centro de Intelixencia Artificial xeran numerosas controversias porque "o importe vulnera mesmo os propios orzamentos e supera por moito o admisible".

No caso do director do centro de Intelixencia Artifical, os socialistas tamén cuestionan a legalidade de que "unha administración pública contrate un director xeral para traballar nun edificio baleiro e sen ter o Concello as competencias en materia científica que se requiren neste caso".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta