Por Galicia Confidencial | Ourense | 24/02/2020 | Actualizada ás 09:00
A empresa cárnica Coren denunciou a un agricultor por "imputacións falsas" e pídelle un millón de euros. O xuízo onde terá que comparecer o agricultor, será o 2 de marzo. O denunciado é membro do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) que ven denunciando verteduras de xurros en montes da comarca. Por este motivo, o membro do MEL durante unha emisión do programa “España Directo” en setembro de 2019, mostrou unha gravación onde se vía un aspersor que emitía un líquido que, segundo o agricultor, eran xurros esparexidos nun monte comunal. Durante a emisión do programa, o agricultor aseguraba que o aspersor era da empresa Coren.
Por este motivo, a empresa alimentaria denunciou ao agricultor e ecoloxista por “imputacións falsas” por intromisión ilexítima no dereito á honra. É por iso que Coren estima nun millón de euros os danos e prexuízos que considera foi obxecto por parte das palabras e imaxes emitidas en setembro de 2019.
O activista xa recibiu o apoio dun grupo de colectivos que ansinan un documento de apoio ao denunciado, sinalan que “xa anteriormente houbo activistas que recibiron ameazas de demanda, aínda que ata agora nunca chegaran ao xulgado”.
"PRESIÓNS DA GANDERÍA INTENSIVA"
Tamén consideran que esta acción é un intento do sector da gandaría intensiva por pretender “pechar a boca a quen nos opoñemos a este modelo industrial e dicimos en voz alta o que pensamos das súas prácticas”. En base a este punto, denuncian que o val do Limia absorbe cada ano máis de un millón de toneladas de residuos gandeiros que apuntan, en moitas ocasións non son sometidos a ningún tipo de tratamento previo. Xunto a isto tamén denuncian que os xurros son vertidos “mesmo en espazos protexidos, en inmediacións de cursos de auga, pasando así ao solo e contaminando este e os acuíferos”.
No comunicado, sinalan que este tipo de actuacións obrigaron ao Ministerio para a Transición Ecolóxica a emitir unha resolución á Consellería de Medio Rural, indicándolles a necesidade de declarar como zona vulnerable a Limia. A resposta da Xunta de Galicia, declaran no comunicado, non se traduciu na “adopción de medidas de protección para a zona, senón a presentación de alegacións a esa resolución”. Por este motivo, acusan á Xunta de defender os intereses das grandes empresas do sector agrícola intensivo a costa de desprotexer o medio ambiente, así como os intereses dos pequenos agricultores ou os da gandaría en extensivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.