Feijóo deixa descabezada á Xunta co cese de 13 altos cargos que irán nas listas do PPdeG

Feijóo non quixo dar máis pistas, pero preguntado respecto de se o resto de provincias salvo a de Pontevedra --cuxa lista encabezará el mesmo-- serán lideradas por conselleiros, limitouse a manifestar que lle gusta ser "previsible".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/02/2020 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e candidato do PP galego á reelección, Alberto Núñez Feijóo, descabezou á Xunta de Galicia co cese de 13 altos cargos que formarán parte das listas do PPdeG. Deste xeito, o funcionamento do Goberno galego quedará comprometido, sobre todo, en determinados departamentos comoa Turismo, Emigración, Igualdade ou Agricultura, así como en todas as delegacións territoriais.

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello. XUNTA
O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello. XUNTA

Con este movemento, Feijóo aposta por reivindicar a xestión do seu Executivo a través das candidaturas para as eleccións galegas do 5 de abril, nas que tamén incorporará, segundo se dá por feito no partido, a conselleiros do seu Goberno. Feijóo non quixo dar máis pistas, pero preguntado respecto de se o resto de provincias salvo a de Pontevedra --cuxa lista encabezará el mesmo-- serán lideradas por conselleiros, limitouse a manifestar que lle gusta ser "previsible".

Ás portas de que conclúa o prazo para o rexistro das listas para a cita coas urnas, o vindeiro luns 2 de marzo, Feijóo anunciou, tras o Consello da Xunta, o cesamento de trece cargos do seu Goberno como consecuencia da súa "previsible incorporación" ás candidaturas populares. O seu cesamento, "por un criterio de prudencia", publicarase no Diario Oficial de Galicia do próximo luns.

No que respecta á provincia de Pontevedra, un dos cargos que cesa e que previsiblemente se integrará na lista popular e en posto de saída é a ata agora delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro.

Tamén cesaron este xoves para concorrer ao 5A o ata agora delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; así como Nava Castro (ata agora directora de Turismo de Galicia), Silvestre José Balseiros (director xeral de Gandaría) e Marta Fernández Tapias (directora xeral de Administración local). Papel protagonista na lista de Pontevedra terá o vicepresidente e líder dos populares pontevedreses, Alfonso Rueda, quen en 2016 foi o número dous de Feijóo.

Pola provincia da Coruña cesaron Borja Verea, secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Ovidio Rodeiro, ata agora delegado da Xunta na Coruña; e un dos homes de confianza do presidente, Álvaro López Pérez, quen xa foi nas listas en anteriores convocatorias e de quen Feijóo dixo, en ton de broma, que foi o seu secretario xeral de Presidencia "máis breve".

De Lugo cesa tamén o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro; do mesmo xeito que a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, que se dan por fixos en postos de saída pola provincia lucense.

Finalmente, cesa a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, que en 2016 encabezou a candidatura pola provincia ourensá; así como o ata agora secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 caxancran

Da igual.pra o que fan.milorcque vaian a sentarse ao Horreo.asi molestan menos e outros trepas ocupatan axiña o sitio.