Pobreza infantil en Galicia, o indicador de que algo non está ben feito

A pobreza infantil en Galicia polo de agora está entre as cifras máis baixas dentro do Estado, segundo Política Social da Xunta e ONG que traballan con familias en situacións de case exclusión ou exclusión social. A recuperación é lenta e de aí que, desde un punto de vista estatístico, o número de xente moi nova afectada pola pobreza sexan altos.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 03/03/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A pobreza infantil non significa só que nenos e nenas menores de dezaseis anos non teñan acceso a diferentes recursos que si están ao dispor dos demais. A falta de recursos nos primeiros anos de vida ten consecuencias a medio e longo prazo para a persoa que a sufre. En relación con desenvolvemento físico, o neno ou nena experimenta atrasos no crecemento respecto dos seus iguais que non viven na mesma situación. Outro tanto pasa cando falamos de desenvolvemento intelectual, pois para a maioría dos casos é difícil acceder aos estudos medios non obrigatorios e menos os superiores. En Galicia, as enquisas oficiais sinalan un descenso no número de nenos e nenas afectadas pola pobreza e o risco de exclusión social.

Pobreza infantil.
Pobreza infantil.


DESCENSO LEVE

O neno ou nena pobre en Galicia é maioritariamente urbano, sen que haxa distinción por nacionalidade. A inmigración é escasa en Galicia, de aí que o perfil dos menores inmigrantes sexa inserido de maneira global dentro do perfil galego. Estes nenos e nenas viven en lugares ou barrios onde parten dunha situación previa de pobreza, de escasa escolarización e con pais con baixos ingresos que xa estaban na mesma situación cando naceron os fillos.

Desde a Consellería de Política Social sinalan que en decembro de 2019 o IGE publicou os últimos datos coñecidos, referidos a 2018. “Nestes reflíctese unha baixada do risco de pobreza e exclusión social en Galicia (AROPE), que se sitúa, en termos globais, no 18,95 %, o valor máis baixo dende que se comezou a rexistrar este indicador, no ano 2011”. As taxas, segundo os datos de Política Social apuntan que a taxa de “pobreza económica infantil é dun 3,4% nos menores de 16 anos e nun 2,05% para a xente nova entre 16 e 24 anos”.

Non obstante, segundo a ONG EAPN-Galicia, estamos diante dun proceso moi lento porque os números seguen sendo elevados. A consecuencia que se pode deducir disto será que nun futuro seguirá habendo unhas cifras altas de pobreza infantil. É o que se denomina “herdanza da pobreza”, un fenómeno ou factor que impedirá a súa eliminación en 20 ou 30 anos, cando os nenos e nenas de hoxe sexan adultos.

OS NÚMEROS

As estatísticas aparecidas no informe La infancia en Galicia 2018, documento elaborado por un equipo de UNICEF, valoraba as seguintes porcentaxes de pobreza que afectaban a menores e xente nova.

-Fogares con nenos e mozos a cargo” (21,4%)
-Fogares sen nenos e mozos a cargo” (19,2%),
-Cando se trata dun “adulto con nenos e mozos a cargo”, dita taxa alcanza ao 49,6%; é dicir, máis do dobre da media para o conxunto galego (20,3%).

Política Social, pola súa banda, responde cos seguintes datos referidos ao ano 2018, aparecidos no IGE:

-Fogares con nenos e xente nova ao cargo: 20,1%.
-Fogares sen nenos e xente nova ao cargo: 17,9%
-Un adulto con nenos e xente nova ao cargo: 48,4%.

Segundo os datos referidos, reflíctese unha baixada do risco de pobreza e exclusión social en Galicia (AROPE), que se sitúa, en termos globais, no 18,95 %, o valor máis baixo dende que se comezou a rexistrar este indicador en 2011. Con todo, a última porcentaxe dos datos emitidos polo departamento dirixido por Fabiola García, seguen superando case o dobre a media sinalada por Política Social, 18,95%.

As porcentaxes de “un adulto con nenos ou xente nova ao seu cargo”, corresponderían ás familias monoparentais ou monomarentais. O 80% destas familias teñen unha muller á fronte, unha taxa moi elevada. A maioría dos procesos de divorcio, separación etc., acaban outorgando á nai a custodia dos nenos. “Os homes, maiormente, desenténdense dos fillos”.

A CRISE E OS SEUS EFECTOS

A crise económica que comezou en 2008 cambiou o panorama da pobreza en todo o Estado. O número de familias, por tanto nenos e nenas, afectadas pola falta de recursos aumentou. A cuestión era que en España e en Galicia, a pobreza é unha cuestión estrutural. En España os índices nunca baixaron do 20%.

A doce anos vista do comezo da recesión, desde EAPN afirman que Galicia é unha das cinco comunidades onde baixou o índice de pobreza a cifras anteriores á crise de 2008. “Sería inxusto dicir que non se mellorou, mais tamén hai moitas familias que non sentiron a recuperación económica” din desde a organización. As taxas de menores afectados agora mesmo, segundo o IGE, está no 20,33%, “cando no momento máis elevado da crise, 2014, estabamos no 25%, houbo unha baixada que non se sentiu de maneira moi notable”.

A recuperación económica que apuntan algúns axentes sociais, trouxo unha serie de consecuencias que tamén frean o desenvolvemento laboral e social das familias. Por exemplo, a baixa calidade dos empregos xunto aos malos salarios ou a temporalidade. Todos estes factores reforzan a insuficiencia das medidas adoptadas a nivel estatal para beneficio das familias. Xunto ao emprego digno e os salarios dignos, habería que implementar unhas políticas que aseguren unha mínima estabilidade para os nenos e nenas. As suxestións de colectivos que loitan contra a pobreza son apoiar a educación, RISGA que apoien a estabilidade dos nenos e nenas con prestación por fillo ou filla.

O curioso é que os datos económicos non teñen toda a confianza que deberan espertar. “Se vén outra crise como a de 2008, o feito ata o de agora acabaría por romper todo ese traballo” din de EAPN. Xunto a isto, ter fillos é un factor de empobrecemento.  Os datos de pobreza varían moito cando hai fillos, e dentro das familias monoparentais a pobreza aumenta ao 50%. De aí  que se estea esperando o plan de choque contra a pobreza de familias monoparentais da Xunta. Con todo, o grande medo é a burocratización das axudas, coas diferentes administracións dividindo e subdividindo os lugares a onde teñen que asistir as familias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta