O PPdeG critica o lema 'Soa e borracha, quero chegar a casa' do Ministerio de Igualdade

Unha 'percebeira', a patroa dun barco, unha adegueira e a titular dunha explotación gandeira contan a súa experiencia nun acto do PP.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2020 | Actualizada ás 17:19

Comparte esta noticia

O PPdeG reivindicou a igualdade nun acto no que, baixo o lema 'As Galegas son moito', participaron numerosos cargos da formación e que conduciu a coordinadora de Igualdade do partido, Susana López Abella. No evento coáronse críticas ao eslógan, presente de forma habitual nas protestas feministas, que o Ministerio de Igualdade asumiu con motivo do 8M: 'Soa e bébeda, quero chegar a casa'.

As críticas chegaron da man da presidenta provincial do PP de Lugo e número un pola provincia ás eleccións do próximo 5 abril, Elena Candia, quen interveu nun dos coloquios do acto con Marisol Díaz Mouteira e Ángeles Vázquez, quen encabezan as candidaturas de Ourense e A Coruña; así como con Corina Porro, número dous por Pontevedra tras Alberto Núñez Feijóo.

"Se ser feminista é dicir que quero volver a casa soa e bébeda, por favor...", esgrimiu Candia, a quen tomou a palabra López Abella para afirmar: "Iso preocúpanos, que desde algunha institución tan importante (como o Ministerio que dirixe Irene Montero) se lance esta mensaxe".

Máis aló, Candia reivindicouse como unha muller "con moito carácter" que fala "máis co corazón que coa cabeza e, tras subliñar que a súa avoa é o seu referente, chamou os populares a reivindicar os seus logros no ámbito da igualdade e da conciliación, "con humildade", pero "sen avergoñarse" do traballo feito.

Ademais, como dirixente de primeiro nivel no seu partido, asegurou que tivo "as mesmas oportunidades que un home" e sofre tamén "os mesmos problemas" na xestión diaria da formación. En todo caso, considera que actos como o deste venres son "vitais" para evitar unha apropiación das formacións de esquerdas, cando aseguran que "só eles dan dereitos e protexen ás mulleres".

A conselleira Anxos Vázquez lembrou o papel da súa nai e da súa avoa na súa traxectoria, pero tamén o do seu pai e sue avó; ademais de subliñar que nos distintos cargos que tivo ao longo da súa vida política (foi alcaldesa de Melide) sempre estivo máis acompañada de mulleres, "por valía", que de homes. Chanceou con que eles "vanse adaptando perfectamente".

Corina Porro salientou que, para ela, os seus máximos exemplos son as súas fillas; e tamén reivindicou os avances en igualdade, ademais de facer un chamamento á estabilidade; mentres que Marisol Díaz Mouteira sinalou que para ela o seu referente foi o seu pai e agora, destacou o "orgullo" que sente o seu fillo polo que logrou.

Díaz Mouteira tamén remarcou que, no seu traballo diario como delegada territorial da Xunta en Ourense, non percibe diferenzas entre alcaldes e alcaldesas da provincia no que respecta a ser máis ou menos reivindicativos.

VOZ A CATRO MULLERES

Máis aló da intervención das dirixentes do partido, o PPdeG quixo dar voz a catro mulleres "con profesións que tradicionalmente corresponderon a homes" e que participaron nun debate moderado pola candidata vilalbesa Sandra Vázquez: a 'percebeira' Paula Mouzo, de Camariñas; Adriana Souto, titular dunha explotación gandeira en Lalín; a patroa de barco en Fisterra Jennifer Sardiñeiro; e a adegueira de Sober Sandra Macía.

Todas resaltaron que elixiron a vida que quixeron ter e reivindicou a Galicia rural. "Para min non hai diferenza entre homes e mulleres, para min non hai discriminación", dixo Jennifer Sardiñeiro; mentres que Adriana Souto manifestou que espera "que se consiga igualdade en toda a sociedade", ademais de subliñar que "sen o rural, o urbano non come".

Máis aló, Souto subliñou a satisfacción que lle produce a súa vida á fronte dunha explotación agraria. "Levantarme e estar cos meus tenreiros faime sentir ben e libre", clamou.

Acto de igualdade organizado polo PPdeG. PPDEG
Acto de igualdade organizado polo PPdeG. PPDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta