Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2020 | Actualizada ás 13:54
Galicia rexistra xa 64 casos de infección por coronavirus, dos que 28 están pendentes da confirmación final polo laboratorio central de microbioloxía de Majadahonda, ao que xa non se lle pedirán máis probas para a segunda confirmación. Isto supón 19 máis que o mércores. Así o confirmou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a rolda de prensa posterior ao Consello, unha reunión na que se tomaron medidas para pór freo ao contaxio por esta enfermidade.
Con estes datos globais, incluídos os pendentes de confirmación final, a prevalencia deste novo coronavirus en Galicia sería de 2,3 enfermos por cada 100.000 habitantes, inferior á media española, que supera os catro.
Aínda así, o presidente galego fixo fincapé na necesidade de "tomar máis medidas" canto antes e "anticiparse" para que o conxunto de España "non se vexa na situación de territorios afectados de forma máis intensa". O Consello da Xunta decidiu aprobar medidas "preventivas" para tratar de frear os contagios, como pechar as clases durante dúas semanas. "Non imos perder máis minutos e imos tomar máis medidas", resolveu.
Polo momento, informou, en Galicia tomáronse 345 mostras domiciliarias en relación ao virus e, en conxunto, realizáronse 591 análise. Segundo confirmaron fontes hospitalarias, os pacientes ingresados en hospitais galegos por este virus sitúanse en 19, catro deles en UCI -tres no Chuac e un no Chuvi-. A maior parte dos afectados están na Coruña e 45 están aislados en domicilio.
CONFIRMACIÓN DIRECTA
Dado que nas probas positivas remitidas a Madrid ata o de agora confirmouse a infección, a Xunta decidiu deixar de remitir a Majadahonda os casos e "dar directamente" os resultados desde Galicia, co obxectivo de "liberar" o laboratorio madrileño.
Sobre a evolución do Covid-19, Núñez Feijóo expresou a súa "preocupación" por "o gran número de universitarios galegos que están a chegar doutras comunidades autónomas" tras a suspensión das clases. "Pedímoslles a estes mozos que chegan que sexan sensibles coas medidas que estamos a trasladar", dixo o presidente, que reclamou que fagan "especial fincapé en seguir as pautas".
"Preocúpanos que, se se pechan as escolas, os nenos poidan xuntarse en grandes grupos a xogar, pedimos aos pais evitalo, que aínda que a xente teletraballe, despois decida xuntarse en espazos pechados en gran número", exemplificou o presidente galego, que pediu "responsabilidade máxima" aos cidadáns.
FALTA DE MEDIOS EN AMBULANCIAS
O sindicato CIG denunciou a situación na que se atopa o sector de condutores de ambulancias ante a alerta sanitaria provocada polo COVID-19 con falta de medios e de información relativa a prevención de riscos laborais por parte das empresas para evitar a propagación do coronavirus.
Pastoriza explicou que a tónica destas empresas con respecto ao coronavirus é a "improvisación", posto que aínda non se están trasladando e explicando aos traballadores os protocolos de prevención relativos ao COVID-19.
Actualmente, sinalou, existe "certa masificación" nas ambulancias e déronse casos de coches levando pacientes "na parte de diante", que é unha zona "que non está preparada" para esta función e que "Non é de fácil desinfección".
Doutra banda, en zonas como Lugo e Ourense hai compañías que "non están a lavar a roupa" e son os traballadores quen o fan nas súas casas, co risco de "un posible contaxio de face ás súas familias e a veciñanza".
A todo iso uniu a falta de dotación de EPIs de protección, como uniformes e máscaras, e que hai casos nos que se están entregando "plásticos" para a choiva, "que non son apropiados para desinfectarse".
Pastoriza reclamou, neste sentido, que a administración conte coas organizacións sindicais para estar en contacto cos traballadores, posto que as empresas non están a informar adecuadamente sobre as medidas preventivas necesarias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.