A Universidade da Coruña doa miles de máscaras, luvas, lentes e batas ao Sergas

Entrega todo o seu material sanitario a Sanidade para dotar de máis medios de prevención aos profesionais.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 20/03/2020 | Actualizada ás 15:49

Comparte esta noticia

A Universidade da Coruña (UDC) doou "todo o seu material sanitario" como máscaras, luvas, lentes, batas e outro tipo de existencias ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) para dotar de máis medios de prevención aos profesionais sanitarios que traballan nos centros hospitalarios.

Doazón de material de protección da UDC ao Sergas
Doazón de material de protección da UDC ao Sergas | Fonte: UDC.

Esta doazón será trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e ao Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) a través da vicerrectoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social.

Ambos os órganos encargáronse de centralizar todo o equipamento desde as distintas facultades, escolas e centros de investigación da institución universitaria.

En total, a UDC conseguiu recompilar 76.793 luvas, 4.366 máscaras, 12.446 batas, 665 lentes así como solución hidroalcohólica, xel hixienizante e antiséptico de mans.

Tamén se enviarán aos centros calzas, gorros, material cirúrxico e outras pezas de protección. A vicerrectoría explicou, igualmente, que ofrecerán termocicladores (analizadores de infección) por se fosen necesarios.

Por último, a UDC indica que está "a disposición das autoridades sanitarias" para "todo o que precisen" e que a doazón deste material "é o menos" que poden facer.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta