O universo creativo de Gonzalo López Abete, "o mellor poeta do mar", inunda as redes

Este martes conmemórase o aniversario do seu nacemento.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2020 | Actualizada ás 11:38

Comparte esta noticia

O universo creativo de Gonzalo López Abente salta ás redes este martes para conmemorar o aniversario do seu nacemento. Todo iso da man das posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías e o avance do proceso de dixitalización.

A Real Academia Galega conserva gran parte deste traballo e acaba de finalizar os labores de dixitalización deste fondo documental, dispoñible 'en liña' a través do Arquivo Dixital de Galicia. Nestes fondos destacan unha serie de textos autógrafos do propio autor e que permaneceron inéditos ata despois do seu falecemento.

É por iso que, nunha xornada como a presente, a institución decidiu botar a vista atrás cara ao 24 de marzo de 1878, cando Muxía deu a benvida ao que Vicente Risco chamou 'o mellor poeta do mar' e difundir os seus textos a través das redes.

A Costa da Morte marcou profundamente a obra do autor, un dos protagonistas do movemento de renovación literaria impulsado polas Irmandades da Fala con novelas como 'O diputado por Veiramar' (1919), a obra de teatro 'María Rosa' (1921) e unha destacada produción poética.

Os manuscritos conservados na Academia galega son unha mostra do valor da súa obra, recompilados en dúas edicións póstumas. O primeiro deles foi publicado en 1971, 'Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca', con motivo da súa homenaxe no Día das Letras Galegas.

O libro está conformado por quince pezas nas que López Abente canta á virxe de Muxía e que o propio autor entregou no seu día a Sebastían Martínez Risco, presidente da institución académica en 1960.

'Bretemada', pola súa banda, saíu corenta anos despois (ao cargo de Miro Millar) con cen poemas escritos polo autor entre 1917 e 1922.

'NAMORADO DOS SILENCIOS'

López Abente faleceu en 1963, na súa terra natal, e o intelectual Ramón Otero Pedrayo dedicoulle entón unha necrolóxica no Boletín da Real Academia Galega. Nela, o poeta do Mar foi lembrado como 'un namorado dos silencios de Muxía', 'dos calmos paseares polas praias e costas e as terras que a ilas deitan pautadas por os ríos calados'.

Texto dixitalizado de López Abente. RAG
Texto dixitalizado de López Abente. RAG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta