A Xunta dálle aos concellos luvas de perruquería e máscaras caducadas ou rotas para loitar contra o coronavirus

Indignación entre moitos alcaldes que din que este material non se pode utilizar e acusan á Xunta de facer como no Prestige, anunciar "a todo bombo" a entrega duns equipos en mal estado. Cruce de acusacións entre Alfonso Rueda e Carmela Silva.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 26/03/2020 | Actualizada ás 12:34

Comparte esta noticia

Indignación entre moitos alcaldes galegos ante a gran operación publicitaria posta en marcha pola Xunta do PP para dotar aos concellos de material sanitario. Moito deste material chega en malas condicións, caducado, roto ou mesmo sen funcións sanitarias garantidas.

Máscaras caducadas entregadas pola Xunta aos concellos
Máscaras caducadas entregadas pola Xunta aos concellos | Fonte: remitida

Xa non se trata dunha cuestión política, senón puramente sanitaria. Non só critican os alcaldes do PSOE, tamén o fan os do BNG e algúns do propio Partido Popular. “Moito do material que mandan non está en condicións de ser utilizado”, denuncian. Por iso fan unha apelación á cooperación leal da Xunta de Galicia cos concellos nesta crise sociosanitaria causada polo COVID-19.

Moito deste material son máscaras ou luvas que non son de uso sanitario. E chega caducado, sen esterilizar e, nalgúns casos, en malas condicións ou rotos. Algúns exemplos do  distribuído: O Grove con 80 máscaras e 450 luvas; O Porriño, 150 máscaras, 1.600 guantes, unhas gafas e dúas garrafas de lixivia; Tui, 100 máscaras e 550 luvas; O Rosal, 60 máscaras e 350 luvas; Tomiño, 100 máscaras e 650 luvas; A Guarda, 60 máscaras e 350 luvas; Ponte Caldelas, 50 máscaras e dúas caixas domésticas de luvas. E así en varios concellos.

AXENTES ELECTORAIS

Nestas denuncias, o PSdeG vai máis alá e acusa ao PP de situar na xestión desta crise a dirixentes políticos que foron cesados por Feijóo dos seus postos e aos que volveu rescatar para situalos na primeira liña mediatica . “Órganos que están presididos por políticos oficinistas, como José Manuel Cores Tourís e Corina Porro, cuxa función consiste en ser axentes electorais do PP na provincia aproveitando a súa condición baleira de delegados territoriais”, denuncian o PSdeG de Pontevedra este mércores.

Xosé Manuel Balseiro, facendo entrega de material
Xosé Manuel Balseiro, facendo entrega de material | Fonte: Xunta

De feito, nas últimas horas foron distribuídas numerosas fotografías por parte da Xunta na que se poden ver aos delegados territoriais --todos eles cesados por ir en listas e novamente refichados por Feijóo nos últimos días--, facendo gala da entrega deste material. Fotografías que están causando indignación e que, nalgúns casos, xa foron retiradas como é o caso da do delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro. “E que isto lembra moito ao Prestige, cando viñan os camións con material e en primeira liña estaban todos os dirixentes do PP. É como se nos quixeran calar a base de migallas”, critican.

CRUCE DE ACUSACIÓNS ENTRE RUEDA E CARMELA SILVA

Tal foi a tensión que o vicepresidente da Xunta e líder do PP na Provincia de Pontevedra, Alfonso Rueda, e a líder do PSdeG provincial e presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, tamén tiveron un cruce de acusacións nas redes sociais. O motivo, un tuit de Alfonso Rueda gabándose da entrega deste material.

E que foi contestado duramente por Carmela Silva con fotos nos que se pode ver a calidade dese material

INVESTIMENTO DE 7 MILLÓNS

Alberto Núñez Feijóo anunciou este mesmo xoves que o Consello da Xunta aprobará este venres un investimento de 7 millóns de euros para abonar contratacións, comprar máis material sanitario e o maior número de test diagnósticos.

O presidente avanzou esta medida na súa comparecencia na deputación permanente do Parlamento de Galicia, na que sinalou que a Xunta comprará máis máscaras, batas e botellas de protección desinfectante, entre outros materiais.

Ademais, dixo que a Xunta adquirirá "todos o test que se poidan conseguir", "de todas as casas" e de todas as "referencias" e que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) contratará a un total de 358 profesionais en formación.

Máscaras do 2011 e caducadas no 2016 entregadas pola Xunta
Máscaras do 2011 e caducadas no 2016 entregadas pola Xunta | Fonte: remitida
Máscara rota dada pola Xunta aos concellos
Máscara rota dada pola Xunta aos concellos | Fonte: remitida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta