Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2020 | Actualizada ás 18:23
O portavoz de Galicia En Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, asegurou que "se colapsa" a sanidade galega por culpa da crise do coronavirus "será tamén polos once anos de recortes" do presidente autonómico, Alberto Nuñéz Feijóo, a quen critica por apostar pola instalación de hospitais de campaña antes de "reforzar" o sistema público botando man dos recursos privados.
Nun comunicado emitido pola coalición, o portavoz de Compostela Aberta, Martiño Noriega, tachou de "incomprensible" que Feijóo vaia recorrer á instalación dun hospital de campaña no Multiusos do Sar cando "non hai saturación" nos hospitais de Santiago.
"Cónstanos que non hai saturación nin no Clínico nin no Provincial de Conxo, e descoñecemos se a Xunta ten previsto utilizar o hospital Gil Casares", apuntou Noriega, que lembra que este último centro, anexo ao CHUS, permaneceu aberto como unidade de coidados paliativos (trasladada a Conxo) ata finais de 2019, pero está "listo" para acoller pacientes "en condicións moito máis dignas que calquera polideportivo".
Ademais, como insiste a coalición os últimos días, consideran que o levantamento de hospitais de campaña debe ser o último recurso e que, antes, deben intervirse os centros privados en Galicia, aos que, segundo En Común, a Xunta beneficiou desde a chegada de Núñez Feijóo á Presidencia.
No caso de Santiago, que albergará xunto coa Coruña os dous primeiros hospitais de campaña da comunidade, Noriega lembrou que a Rosaleda e a Esperanza (centros hospitalarios xestionados pola empresa HM) conta con "case 120 camas" e "só teñen nove persoas ingresadas con coronavirus".
"11 ANOS DE RECORTES"
"Se o COVID-19 acaba colapsando a sanidade galega será tamén consecuencia de once anos consecutivos de recortes de Feijóo no orzamento de sanidade", incidiu Gómez-Reino, que apuntou que, en comparación con 2009 --último orzamento antes da chegada de Feijóo--, a Xunta gasta "un 4,2% menos" en sanidade.
"Se no canto de aplicar recortes ano tras ano se tivese reforzado o sistema sanitario con máis investimentos, os hospitais galegos estarían hoxe nunha situación moito máis óptima para enfrontar esta crise", aseverou o tamén secretario xeral de Podemos Galicia, que critica o "descenso na calidade asistencial", a "notable precarización" das condicións dos profesionais e "o incremento das listas de espera".
A iso engade, segundo sostén, unha "rebaixa considerable nos medios técnicos e humanos dispoñibles". "Pecháronse plantas enteiras de hospitais e centros de saúde, elimináronse prestacións e especialidades e nin sequera se cubriron as prazas de médicos e profesionais de enfermaría. Hoxe hai un 8,6% menos de camas hospitalarias das que había en Galicia cando Feijóo chegou ao Goberno", remarcou.
MODELO DE RESIDENCIAS
Pola súa banda, Esquerda Unida (que forma parte da coalición En Común) tamén cargou este mércores contra a Xunta e o seu "modelo errado" de residencias para maiores, onde están a proliferar os casos de contaxios entre usuarios e traballadores.
Segundo a federación de EU que encabeza en Galicia Eva Solla, a intervención pública dalgunhas destas residencias que anunciou Feijóo "chega moi tarde" e trátase dunha decisión que debe ir acompañada pola dotación de medios humanos e materiais tanto para usuarios como para empregados.
Esquerda Unida detívose na situación das residencias xestionadas polo grupo empresarial DomusVI, que conta en Galicia con máis de 30 centros. Segundo EU, as traballadoras deste grupo "xa trasladaron as súas queixas" ao Parlamento nos últimos anos, en concreto, polos "incumprimentos" dos cocientes por residente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.