Masiva manifestación en Santiago

Ducia de miles de persoas ateigan o centro nunha protesta pacífica, ordenada e se cadra a máis numerosa na historia da cidade. Escolma de imaxes e vídeos da protesta no interior.

Por Walter Burns | Santiago | 14/11/2012 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

Dar unha cifra concreta de asistentes á protesta do 14N en Santiago de Compostela é absurdo. Resulta imposíbel atinar no número de persoas asistentes, dado o masivo éxito da manifestación.

Varias ducias de miles de cidadáns colapsaron o centro da capital de Galicia. Case todos os comercios estaban pechados, malia que había algúns, os menos, nos que se percibía actividade no interior. Abrirán unha vez que remate a marcha. Nas aforas da cidade o seguimento era menor que no centro, pero maior que na folga de primavera.

Estudantes chinesas manifestación da foga do 14N en Santiago
Estudantes chinesas manifestación da foga do 14N en Santiago | Fonte: Walter Burns


Máis de tres horas de comezada a protesta aínda hai xente nas rúas de Compostela. Unicamente a maior da manifestacións de Nunca Máis pode compararse. Entre os cidadáns podían destinguirse estudantes Erasmus de lugares como China.

A diferencia coas manifestacións co Prestige, o ambiente reivindicativo foi menor. Sen incidentes e aproveitando un tempo moi agradábel, miles de persoas de todas as idades marcharon pacificamente e a maior parte do tempo en silencio. Houbo tamén, iso si, cánticos contra o presidente da Xunta:



Ante o novo éxito da convocatoria unitaria, os sindicatos desprazaron o final da Praza das Praterías á Quintana. Alí, valéndose dunha de novo insuficiente megafonía, reclamaron unha nova política económica que acabe cos recortes, os EREs, a reforma laboral e abra a porta ao crecemento económico.

Na manifestación víronse emblemas da práctica totalidade de sindicatos e organizacións de esquerdas do país. CIG, UXT, Comisións, CUT, CGT, CNT, STEG, Sindicato de Xornalistas, BNG, EU, PCPE, NóS-UP, Galiza Nova, Liga Estudiantil Galega forman unha lista imposíbel de completar polo volume da protesta.

Balance do 14N en Santiago

O seguimento da folga xeral en Santiago é moi importante, maior que nas pasadas convocatorias. Varias das grandes empresas do polígono están pechadas ou cunha actividade moi escasa. A zona vella ten case todos os comercios pechados, e no Ensanche cómpre agardar á tarde para valorar o impacto real da conovocatoria.

A Praza da Quintana ateigada manifestación da foga do 14N en Santiago
A Praza da Quintana ateigada manifestación da foga do 14N en Santiago | Fonte: Walter Burns

A nivel de incidentes, só destacar que varios medios relatan a detención dun piquete da CNT no Polígono do Tambre durante a madrugada. A Policía Nacional acúsao de agredir a un axente, versión que el nega. O sindicalista está arestora na Comisaría.

Xente ao comezo da manifestación da foga do 14N en Santiago
Xente ao comezo da manifestación da foga do 14N en Santiago | Fonte: Walter Burns
Escaparate durante manifestación da foga do 14N en Santiago
Escaparate durante manifestación da foga do 14N en Santiago | Fonte: Walter Burns
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta