Por Juan Carlos Piñeiro | Burela | 04/04/2020
Non precisamos nesta situación, cada día aos políticos de quenda facendo propostas, moitas das veces contrarias ao ordenamento xurídico, pensan que sacan rédito político é non é así.
Mais eu teño unha sensación que me incomoda, a crise do coronavirus está a potenciar un gran mal, o localismo, moi presente en Galicia. Chega con revisar a prensa cada día, os Concellos están nunha continúa orxía de proposta e medidas, sen criterio aparente. O sorprendente é que moi dispares e moi controvertidas en moitos casos. Eu pregúntome que fai a FEGAMP ou mesmo a FEMP do señor Caballero?
Moitas propostas sobre todo de eido económico o único que conseguen é desinformación e controversia, e deslealdade e competencia inútil. Do xeito que se está a actuar vemos situacións como que un comerciante pode ter uns beneficios e axudas fiscais municipais e outro do mesmo sector a 3 km de distancia non o teña. É isto coherente? Un concello aumenta o banco de alimentos e o limítrofe non ten capacidade de subministro para facelo, é isto acción política e responsabilidade? Un concello suspende o servizo de axuda no fogar e o limítrofe non, podendo darse que unhas casas que disten metros e sexan usuarios, uns teñan e outros non, humanidade? Nun concello condonan a taxa de circulación e no do lado tes que pagala. E moitos máis exemplos sobre servizos, materiais e impostos.
A resposta diante dunha situación tan grave e de risco tan social ten que ser homoxénea e igualitaria. Os concellos tiñan que actuar coordinados dende un órgano superior, ou cando menos nuns comités de seguimento por comarcas. Que están facendo as Deputacións? Diante dunha situación tan irresponsable e con tanta carga de localismo e personalista, cómpre unha directriz ou lexislación do que poden ou non poden facer as administracións locais, a que espera o goberno para regular isto cun Decreto, un Decreto que teña en conta que os concellos son cércanos e a súa acción é do día a día. É preciso facer algo, ou as feridas sociais deixadas pola crise serán mais grandes.