Gómez-Reino critica a Feijóo por estar máis preocupado en aparecer na TVG que en pactar propostas coa oposición

Lembra que o domingo cancelou a rolda de prensa cos grupos da oposición sen ningún aviso e destaca a importancia de consensuar propostas de país. Feijóo este venres criticou a Sánchez por non ter en conta a posición dos presidentes autonómicos en certos temas. Entre as propostas de Galicia En Común-Anova está un plan de axudas "a crédito cero" para o sector agrícola.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/04/2020 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, aféalle a Feijóo a falta de diálogo coa oposición á hora de valorar propostas para facer fronte á pandemia da Covid-19, xusto a mesma crítica que lle lanzou o presidente da Xunta a Pedro Sánchez este venres. 

Eva Solla, Antón Gómez-Reino e Martiño Noriega, da coalición Galicia En Común-Anova Mareas, nunha rolda de prensa. EN COMÚN
Eva Solla, Antón Gómez-Reino e Martiño Noriega, da coalición Galicia En Común-Anova Mareas, nunha rolda de prensa. EN COMÚN

Nunha rolda de prensa 'en liña', Gómez-Reino lamentou que "a semana pasada Feijóo nin sequera nos citou" a pesar de que o seu "compromiso" era manter reunións coa oposición todos os domingos. "Se estamos a presentar tantas propostas ao señor Feijóo e á Xunta é porque vemos que a Xunta non exerce como debería as súas funcións para exercer á cidadanía galega", engadiu o portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas.

Precisamente, o voceiro de Galicia en común-Anova Mareas, trasladará á Xunta unha batería de propostas destinadas a levantar "un escudo social" para as familias que viven do sector primario. Entre elas, está "un plan específico de apoio económico" que inclúa "axudas a crédito cero" para o ámbito agrogandeiro, tan importante para que a Comunidade galega teña "soberanía alimentaria".


A PESCA

Ademais, dixo que é "fundamental" suspender a actividade marisqueira, tanto a pé como á boia, xa que actualmente "os seus produtos non están a saír", e dotar de axudas directas tamén a confrarías.  Do mesmo xeito, tamén pide á Xunta que faga "unha demanda clara á Unión Europea" para que as cotas de capturas "non trasladadas este ano" 2020 se apracen, "baixo criterios técnicos e de sustentabilidade", ao ano 2021.

Así mesmo, o portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas considera que é "absolutamente fundamental que haxa unha priorización de compra pública de alimentos de produtos locais" naqueles sectores "que se están vendo prexudicados" pola crise do coronavirus.

Tamén considera que se debe "autorizar a apertura dos mercados de proximidade", aínda que coas adecuadas "condicións de hixiene", así como autorizar os desprazamentos cara a hortas, granxas e currais aínda que a persoa non estea dada de alta no réxime agrario.

"É imprescindible que todo este abanico de medidas se poña en marcha xa", urxiu Gómez-Reino, quen tamén avanzou que llas trasladará ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na próxima videoconferencia que abra coas principais forzas políticas galegas.


AS RESIDENCIAS, UN "PROBLEMA DE MODELO"

Preguntado na rolda de prensa sobre a actuación da Administración autonómica nas residencias da terceira idade, onde xa se rexistran máis de 700 casos de coronavirus entre usuarios e traballadores, expresou a súa "preocupación".

Neste sentido, apuntou que esta situación "pon de relevo que hai un problema co modelo" levado a cabo polo PP, xa que, segundo os seus datos, o 70 por cento dos xeriátricos de Galicia pertencen ao ámbito privado.

"Xa hai semanas dixemos, e dixémosllo a Feijóo nunha reunión, que tiña que haber unha medicalización inmediata do conxunto das residencias do país", asegurou, á vez que lamentou que "non haxa unha intervención pública decidida".  "Cando pase todo isto, creo que é evidente que hai que dar un debate inaprazable sobre o modelo das residencias", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Eva Solla estará farta de tanto Aplauso Sanitario ?