O profesorado, ante o reto da tele-educación: "Estamos cun pé no aire pero aprendendo a reiventarnos"

O coronavirus obriga o profesorado a botar a andar un novo modelo asentado nos medios telemáticos. Esta reforma 'exprés' xera incertezas e abre fendas entre o alumnado, que nalgúns casos queda "desconectado" do sistema educativo. Eis algunhas experiencias e reivindicacións de profesorado, pais e nais.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2020 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

Está a piques de cumprirse un mes daquel 12 de marzo no que a Xunta anunciou o peche da actividade escolar presencial como medida preventiva perante a crise do coronavirus. Naquel mesmo momento, o profesorado enterábase desta decisión a través dos medios de comunicación. Diante dunha situación excepcional coma esa, e dun día para outro, víronse avocados a reformular de principio a fin o sistema educativo imperante. Co alumnado confinado nas súas casas, o curso académico debía continuar por vía telemática, cousa que puxo "patas arriba" todo o método co que os mestres e mestras levaban anos educando.

Alumnado nunha videoconferencia
Alumnado nunha videoconferencia | Fonte: remitida

Aínda agora, os profesionais ándanse afacendo a este novo xeito de traballar no que os encerados mudaron polas pantallas das tablets e ordenadores. Non axuda, din, a falta de indicacións claras por parte da Consellería de Educación, que deixa en mans das direccións dos centros, e estas, á súa vez, do profesorado, os criterios polos que guiarse. Con todo e fronte a todo, os mestres e mestras traballan arreo para que o coronavirus altere o mínimo posible, dentro do que cabe, as rutinas das crianzas. 

AULAS POR VIDEOCONFERENCIA EN PRIMEIRO DE PRIMARIA

"Coma un recreo!". Así define Isabel Bugallo, profesora de primeiro de primaria do CEIP Plurilingüe Irmáns Villar de Ourense, unha das lecturas grupais que desenvolveu co seu alumnado a través dunha videoconferencia. "Isto puxo patas arriba todo, deixounos cun pé no aire, pero o fondo - a capacidade de axudar e a creatividade - é o mesmo e os mestres mantémolo", di convincente. Tanto ela coma o seu alumnado bota de menos esas apertas de pola mañá, e a pesar de que estas novas plataformas "alivian", quedan lonxe de resolver esas carencias afectivas. 

Con todo, Isabel fala positiva e intenta ver esta situación como unha experiencia da que "aprender a reinventarse". "Xamais pensabamos que algo así puidera suceder e hai que asumilo sen facturar o ánimo nos nosos alumnos", comenta. Por iso mesmo, cada mañá conecta cuns cantos por videoconferencia para falar con eles e repasar contidos das materias que máis lles apetecen. Recoñece que a primeira quedada foi "caótica" pero dous días despois xa estaban todos dentro de pantalla "traballando con ilusión e ganas". "É fundamental que non perdan o ritmo, que non decaian".

"Só por posibilitar que desafoguen e sexan felices ao verse, a plataforma xa é fantástica", conta a mestra, que nota que os nenos botan en falta os seus amigos e compañeiros. Para eles tamén é algo novo interactuar a través das pantallas, mais non o levan mal de todo. Estas crianzas de seis e sete anos, a ollos da súa mestra, pórtanse de marabilla, e no caso de que falen moito, Isabel advirte riseira de que ten un método infalible: "Córtolles o micrófono!".

ISTO FOI "UNHA LABAZADA" PARA AS CRIANZAS

Con todo, este método de ensinanza non está ao alcance de todo o profesorado nin de todo o alumnado. Tanto uns coma outros atópanse con numerosas trabas para non perder o fío e poder continuar o curso académico, xa que se trata dun sistema educativo que, por depender dos medios telemáticos, da Internet e da situación familiar de cadaquén, abre fendas dixitais e sociais entre o alumnado. Respecto disto, o director do centro Irmáns Villar asegura que "hai alumnos que quedan totalmente desconectados do sistema" e que tamén as situacións dos profesionais distan moito as unhas das outras: "Hai profes que dominan mellor este proceso e outros aos que lles custa máis", polo que se fai "complexo" unificar criterios de actuación.

 

Isabel ve fundamental garantir que ningunha crianza "atasque" neste proceso. "Non podemos permitir que ningún estudante quede no camiño porque un virus descolocou as nosas vidas", indica. Esta situación chegou como unha "labazada" ao estado de ánimo das crianzas, "que viron que o traballo bo que estaban facendo non se visualizou", e por iso mesmo, Bugallo apela a traballar en positivo cos recursos que se poñen á disposición do profesorado. 

 

As dificultades para seguir o fío dependen das diversas situacións que poden darse nas casas e das conexións a Internet. Isabel vese na necesidade de xestionar realidades moi diferentes: un dos seus cativos non pode conectarse ás videoconferencias porque carece das ferramentas. Xa que logo, a profesora chámao por teléfono para facer un seguimento das súas necesidades. Tamén hai pais e nais que teletraballan e que precisan empregar os ordenadores, de maneira que as mestras se ven na necesidade de axustar horarios para facer coincidir o alumnado. "Este sistema esixe dun cúmulo de necesidades que non sempre se dan: ás veces careces dos complementos fundamentais, non todos os pais e nais poden colaborar do mesmo xeito...". Hai quen queda "isolado".

 

A CONSELLERÍA: MENOS CARTAS E MÁIS INDICACIÓNS

 

Se subimos un chanzo máis nos niveis educativos ata a Educación Secundaria, as trabas veñen sendo as mesmas. Davide do Arroio, profesor de galego do IES Aquis Celenis, en Caldas de Reis (Pontevedra), recoñece que se fai difícil traballar neste contexto, sobre todo, porque "non hai ningunha certeza". "Avaliar este segundo trimestre pareceume bastante complicado e inxusto", relata Davide, que volve poñer sobre da mesa unha das grandes críticas que se lle achacan á Consellería de Educación nestes días: "Non nos mandan unhas indicacións claras, parece que van adiando continuamente a toma de decisións; está todo no aire".

 

Xa que logo, ás dificultades de "traballar desde a casa con contidos que non están preparados para a formación online", súmase tamén a incerteza sobre como haberá que xestionar o terceiro trimestre e o próximo curso. Davide do Arroio tamén fai referencia á carta de agradecemento que a conselleira de Educación, Carmen Pomar, enviou ao profesorado nestes últimos días. "Moi ben que me agraceza o traballo pero o que ten que facer é sentar co profesorado representante e tomar decisións", fala contundente Davide, que considera que "o mellor xeito de agradecer é dar indicacións claras e planificar os próximos meses".

 

Este mestre recoñece, por riba de todo e a pesar das dificultades familiares, o "esforzo do alumnado". "Está sufrindo nesta situación, pero aínda así responden moito positivamente con ganas de traballar e de non perder o curso", indica.

PAPEL ACTIVO DOS PAIS E NAIS E DO ALUMNADO

Igualmente, a mestra Isabel Bugallo fai unha mención especial aos pais e nais, que, segundo indica, se atopan "desbordados" en moitos casos, xa que teñen que combinar o teletraballo coa necesidade de colaborar cos profesores para que as crianzas manteñan a actividade. A implicación, pois, na propia casa na que están confinados, debe ser moito maior por parte de todos os membros da familia neste contexto.

Sonia é o exemplo dunha nai que traballa nunha empresa de limpeza e cuxa filla non pode conectarse ás videoconferencias porque na casa dos avós non ten acceso a Internet. "Procuro imprimir as tarefas todas as semanas e voullas dando", relata a nai. "Non ter os medios é un problema; se non estaría encantada. As clases que fixo a través do meu móbil foron xeniais, pero eu non llo podo deixar mentres traballo", sinala. Polo momento, asegura que van amañando como poden para non quedar atrás. 

Na casa de Carlota tanto a nai coma o pai teletraballan, mais intentan organizarse para que a cativa poida conectarse ás clases online e ver os seus compañeiros. Segundo conta o pai, Pablo, este método "é positivo" e fai levadeiro o día a día, aínda que esixe dunha atención máis continuada por parte dos proxenitores. "Carlota está contenta; non hai recreos, bota de menos o contacto, pero polo menos deste xeito interactua cos amigos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta