Só un milagre salvará Novagalicia

Durísimas condicións da UE polo rescate a Novagalicia Banco. Botar até 2.500 traballadores e que os das preferentes asuman perdas "moi fortes", pode que dun 50%; son algunhas das imposicións. Aínda así, en cinco anos será, salvo gran sorpresa, poxada.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 28/11/2012 | Actualizada ás 21:01

Comparte esta noticia

O rescate de NCG Banco culmina hoxe e trae moi malas noticias. As autoridades españolas e comunitarias aproban a inxección de capital por importe de 5.425 millóns de euros a recibir nas vindeiros semanas. Fano impondo unhas condicións que, salvo que suceda un milagre, provocarán a desaparición definitiva do último gran actor do sector financeiro galego.

Protesta dos traballadores de Novagalicia Banco
Protesta dos traballadores de Novagalicia Banco | Fonte: CIG

As condicións impostas a NGB son as máis duras de entras as esixidas ás entidades rescatadas. Inclúen o despedimento do 43 por cento dos traballadores e importantes quitas para os posuidores das preferentes.

Iso si, a entidade de José María Castellano logra unha tregua de cinco anos. Se nese tempo logra investidores privados que recompren o capital público logrará evitar ser vendida nunha poxa. Unha tarefa moi complicada, case imposible, debido a crise que seguirá a asolar o país nos próximos anos, segundo todos os organismos que fan previsións económicos.

Castellano fracasou até hoxe na incorporación de investidores foráneos. Os galegos que no seu intre acudiron ao chamamento da Xunta para reforzar a caixa fusionada estudan agora como querelarse contra o Goberno para que non teñan que asumir quitas, como terán que asumir os donos das preferentes, demanda na que contan co apoio do PPdeG. Un deses empresarios é o editor de La Voz de Galicia, Santiago Rey.

Ademais, Bruxelas impón as seguintes condicións, segundo relata a propia NGB:

Preferentes: En palabras de NGB, a Comisión Europea "impón como condición para a recapitalización que os tenedores de participacións preferentes, obrigacións subordinadas perpetuas e obrigacións subordinadas con vencemento colaboren coa recapitalización para que se reduza o custo para os contribuíntes en liña co esixido noutros países europeos en procesos similares". Noutras palabras, haberá quita para os posuidores de preferentes e outros produtos. De canto será a quita? Ninguén o quere soportar o pau de dicir publicamente a quita que afectará a ducias de miles de familias galegas. As principais asociacións de afectados foron convocados a unha xuntanza coa entidade mañá.  O comisario Joaquín Almunia admitiu hoxe que terán que asumir "fortes perdas". Fontes do sector financeiro que cita La Voz falan de en torno ao 50 por cento. O banco explica que a participación correspondente a cada emisión dependerá do tipo de produto (preferentes, subordinadas perpetuas ou subordinadas con vencemento) e do tipo de interese. Adicionalmente, os clientes con obrigacións subordinadas con vencemento poderán optar polo seu troco en accións ou polo troco nun produto de débeda senior. O cálculo final realizarase despois da valoración económica da entidade que están a realizar valoradores independentes e que se coñecerá, previsiblemente, ao longo do mes de decembro.

Despedimentos: Novagalicia deberá finalizar o seu proceso de redución de rede e persoal a finais do 2015, que pasarán de 667 oficinas operativas e 3.983 empregados a decembro de 2012, a 454 oficinas operativas e 2.960 empregados a finais de 2015. A estrutura de NCG (inclúe Novagalicia, EVO, Grupo inmobiliario, a Corporación Industrial e resto de actividades) deberá reducirse até nun máximo dunhas 2.500 persoas. A entidade promete que "esta cifra máxima pode variar durante os vindeiros anos tendo en conta que a NGB dispón de dous anos para vender EVO, ha de dedicar persoal á xestión de activos inmobiliarios da Sareb, pode traspasar emprego a investidores especializados en recuperación e podería vender oficinas". Os sindicatos están convocados a unha reunión esta semana. A diferencia dos compañeiros que marcharon nos anteriores EREs, Bruxelas podería forzar a que os traballadores marchen agora para a casa con 20 días por ano traballado, o mínimo que marca a Lei.

Primeiro Consello de Administración de Novacaixagalicia (NCG)
Primeiro Consello de Administración de Novacaixagalicia (NCG)

Limitación do mercado: Novagalicia deberá dedicar a súa actividade ao negocio comerciante polo miúdo, con servizos financeiros envorcados en empresas e familias en Galicia.  Novagalicia manterá a súa oficina operativa en Xenebra e oficinas de representación en Venezuela, Arxentina, México, EEUU, Reino Unido, Francia, Alemaña e Suíza.

EVO Banco:  EVO Banco, marca que aglutina un novo modelo bancario de NCG Banco no resto de España, ten na actualidade 120 oficinas. Esta actividade debe ser desinvestida antes do 31/12/2014. Ata entón, EVO pode continuar operando con normalidade.

Venta de accións: NCG Banco obrigada a rematar o proceso de desinvestimento nas súas 170 empresas participadas até o ano 2016. Así mesmo, ten que transferir os seus activos inmobiliarios (préstamos a promotores superiores a 250.000 euros e activos inmobiliarios adxudicados superiores a 100.000 euros, ambos medidos en valor neto contable; e participacións de control en empresas inmobiliarias) á Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb), o novo 'banco malo'.

Gayoso, segundo pola esquerda, con Feijóo e os outros directivos das caixas celebrando a fusión.
Gayoso, segundo pola esquerda, con Feijóo e os outros directivos das caixas celebrando a fusión.
Afectados polas preferentes diante dunha sucursal da antiga Caixanova en Carballo
Afectados polas preferentes diante dunha sucursal da antiga Caixanova en Carballo | Fonte: A.M. Pérez Cavolo (‏@Ampc8)
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 21 comentarios

1 O que hai

1.- O BOE do pasado dia 15 publicaba a Lei 9/2012, de reestructuración e resolución de entidades de crédito. Ademáis se supoñer a acta de defunción do que quedaba das caixas galegas, tamén concretaba a obriga da quita nas preferentes. Tal Lei, no que mesmo supoñia de novidade respecto do RDL 24/2012 foi inadvertida polos partidos políticos. 2.- Aos titulares das preferentes quédalles a vía da demanda civil (con aplciación da nova lei de taxas) ou someterse a unha arbitraxe, ambas alternativas de incerto futuro, ao estar condicionadas agora pola normativa española antes mencionada e polas esixencias da UE. 3.- Mentres tanto, Feijóo no pais das marabillas da contención do déficit, o PSOE e BNG, na inopia, de zombis dispois da estrepitosa derrota e AGE, seica preocupada por uns m2 no Parlamento.